15 de xullo de 2026

Mulleres do mar: o mar tamén ten nome de muller

O GALP Golfo Ártabro Norte presenta a última entrega da campaña audiovisual "Mulleres Referentes", unha iniciativa incluída dentro das actividades de animación e divulgación previstas para 2026, coa que buscamos dar visibilidade ás mulleres que desenvolven a súa actividade profesional vinculada ao mar.

Nesta ocasión achegámonos á Confraría de Pescadores de Mugardos para coñecer a historia de tres mariscadoras a pé que representan diferentes xeracións e traxectorias unidas por un mesmo oficio.

Silvia Coba, veciña de Narón, atopou no marisqueo a pé unha oportunidade para compatibilizar a súa vida laboral e familiar. Tras formarse e integrarse no grupo de mariscadoras, asegura que este oficio "acaba atrapándote e devolve todo o que lle dás", unha frase que resume perfectamente a relación que moitas persoas establecen co mar ao longo da súa vida.

Xunto a ela coñecemos tamén a Pili Regueiro, mariscadora con máis de 25 anos de experiencia e herdeira dunha tradición familiar que mantén vivo un oficio esencial para o noso litoral. Acompáñaas tamén Patricia, que leva oito anos traballando na marea e representa unha nova xeración de mulleres comprometidas co futuro do sector.

As súas historias poñen en valor o marisqueo a pé como unha actividade estreitamente ligada ao territorio, á conciliación, ao relevo xeracional e á transmisión de coñecementos entre xeracións. Un oficio que require esforzo, responsabilidade e un profundo respecto polo medio mariño.

En Mugardos, o mar é moito máis ca un lugar de traballo. É tamén un espazo de compañeirismo, aprendizaxe compartida e apoio mutuo, valores que as protagonistas transmiten ao longo desta nova peza audiovisual e que contribúen a fortalecer o futuro das nosas comunidades costeiras.

Convidámosvos a descubrir este novo vídeo e a coñecer de preto o labor que realizan estas profesionais que, cada día, contribúen ao presente e ao futuro do noso mar.


Esta iniciativa forma parte das actividades de animación e divulgación do GALP Golfo Ártabro Norte para 2026, orientadas á valorización do sector pesqueiro, ao impulso do relevo xeracional e á promoción das persoas e profesións que fan posible o noso mar.

22 de xuño de 2026

O GALP Golfo Ártabro Norte presenta os resultados da avaliación intermedia da EDLP 2023-2025

O pasado 17 de xuño, a Casa do Pescador de Miño acolleu o Foro de Resultados da Avaliación Intermedia da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) do GALP Golfo Ártabro Norte, un encontro no que se presentaron os principais resultados acadados no período 2023-2025 e se analizaron os retos e oportunidades para os vindeiros anos de execución da estratexia.

Durante a xornada déronse a coñecer os principais indicadores de execución da EDLP, facendo balance do traballo desenvolvido desde o inicio do actual período de programación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).

A avaliación intermedia permitiu analizar o grao de desenvolvemento da estratexia, o nivel de execución das actuacións previstas e o impacto dos proxectos apoiados no territorio, así como identificar oportunidades de mellora para afrontar con maiores garantías os próximos anos de aplicación do programa.

O foro reuniu representantes do sector marítimo-pesqueiro, administracións locais, entidades sociais, empresas e outros axentes do territorio, que participaron nun espazo de diálogo e reflexión sobre os avances acadados e os desafíos que afrontan as comunidades costeiras do Golfo Ártabro Norte.

A través desta análise compartida, púxose de manifesto a importancia do enfoque participativo que caracteriza aos GALP, favorecendo a implicación dos distintos actores do territorio no deseño, seguimento e avaliación das actuacións desenvolvidas.

A xornada serviu tamén para reforzar o coñecemento sobre os resultados obtidos ata o momento e para recoller impresións e propostas que permitan seguir mellorando a aplicación da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo nos vindeiros anos.

Coincidindo coa celebración do foro, o GALP Golfo Ártabro Norte desenvolveu a súa Asemblea Xeral de entidades socias, na que se abordaron distintos asuntos relacionados coa actividade da entidade e co seguimento da estratexia.

19 de xuño de 2026

Dez anos construíndo futuro para o noso mar

O GALP Golfo Ártabro Norte celebrou recentemente un almorzo informativo con medios de comunicación no Centro Cívico de Canido (Ferrol), unha actividade incluída dentro do Plan de Animación da EDLP 2026.

A xornada serviu para facer balance de dez anos de traballo no territorio, coincidindo coa década de actividade do GALP Golfo Ártabro Norte desde o inicio da súa andaina en 2016. Unha década marcada pola colaboración entre o sector pesqueiro, as administracións públicas, o tecido asociativo e as empresas locais para impulsar o desenvolvemento sostible das nosas comunidades costeiras.

Durante o encontro puxéronse en valor os resultados acadados ao longo destes anos, nos que o GALP apoiou máis de 180 proxectos vinculados ao sector do mar e á economía azul. Iniciativas que contribuíron á creación de oportunidades, á diversificación económica, á innovación, á valorización do patrimonio marítimo e ao fortalecemento do tecido socioeconómico do territorio.

Os medios de comunicación tiveron tamén a oportunidade de coñecer de primeira man varios proxectos representativos dos ámbitos de actuación do GALP. Entre eles, iniciativas impulsadas polo Concello de Ferrol, a Confraría de Pescadores de Ferrol, o Taller Náutico Móbil Sande e a Panadería Patricio, exemplos de innovación, emprendemento, relevo xeracional e aproveitamento dos recursos locais.

Ademais, presentouse o proxecto de cooperación autonómica “Transformación e Valorización do Produto Pesqueiro”, liderado polo GALP Golfo Ártabro Norte xunto con outros seis GALP galegos. Esta iniciativa permitirá impulsar durante os anos 2026 e 2027 novas oportunidades vinculadas á transformación do produto pesqueiro, o emprendemento e a creación de valor engadido no sector.

Queremos agradecer especialmente a asistencia, o interese e a cobertura realizada por La Voz de Galicia, Diario de Ferrol, Ferrol360, COPE Ferrol, Cadena SER - Radio Ferrol e TV Ferrol. O seu labor resulta fundamental para achegar á cidadanía o impacto dos fondos europeos e visibilizar o traballo que realizan as entidades, empresas e profesionais que contribúen ao desenvolvemento do noso litoral.

Porque detrás de cada proxecto hai persoas, ideas e esforzos compartidos que axudan a construír o futuro do noso mar.

Repercusión nos medios de comunicación

COPE Ferrol (16/06/2026)

Cadena SER – Radio Ferrol (16/06/2026)

Ferrol360 (16/06/2026)

TV Ferrol (16/06/2026)

La Voz de Galicia – Edición Ferrol (17/06/2026)

Diario de Ferrol (17/06/2026)

Mulleres do mar: tres xeracións de experiencia e futuro no marisqueo de Mugardos

Continuamos coa gravación da serie audiovisual impulsada polo GALP Golfo Ártabro Norte para dar visibilidade ao papel das mulleres no sector do mar e poñer en valor profesións fundamentais para o desenvolvemento das nosas comunidades costeiras.

Nesta ocasión desprazámonos ata a Confraría de Pescadores de Mugardos para coñecer de preto a realidade do marisqueo a pé a través das historias de Silvia Coba, Pili e Patricia, tres mulleres con traxectorias diferentes pero unidas pola mesma paixón polo mar.

Silvia incorporouse ao sector hai catro anos tras desenvolver a súa carreira profesional na hostalería. Na actualidade destaca a conciliación e a flexibilidade que lle ofrece o marisqueo para compatibilizar a vida laboral e familiar.

Xunto a ela participou tamén Pili, mariscadora con arredor de 25 anos de experiencia e unha forte vinculación familiar ao oficio, converténdose nun exemplo do coñecemento e da tradición transmitidos de xeración en xeración. A gravación completouse coa participación de Patricia, que leva oito anos desenvolvendo a súa actividade no mar e representa unha nova xeración de profesionais comprometidas co futuro do sector.

A través desta nova peza audiovisual pretendemos achegar á cidadanía unha visión máis próxima do traballo que realizan diariamente as mariscadoras, poñendo en valor non só a extracción de recursos, senón tamén o seu labor na conservación dos bancos marisqueiros, na sustentabilidade da actividade e no mantemento da economía local.

As súas historias permiten reflexionar sobre cuestións tan relevantes como o relevo xeracional, a conciliación laboral e familiar e o papel esencial das mulleres na cadea de valor do sector pesqueiro.

Moi pronto compartiremos o resultado desta nova gravación nas canles do GALP Golfo Ártabro Norte.

Esta iniciativa forma parte das actividades de animación e divulgación desenvolvidas polo GALP Golfo Ártabro Norte durante o ano 2026.

12 de xuño de 2026

Carmiña e Begoña: dúas historias de marisqueo na Confraría de Pescadores de Miño

O marisqueo é moito máis ca unha actividade económica. Detrás de cada xornada de traballo hai esforzo, coñecemento do medio, adaptación ás mareas e tamén a necesidade de compatibilizar a vida profesional coa familiar.

Neste vídeo, realizado en 2026 dentro das actividades de animación e divulgación do GALP Golfo Ártabro Norte, Carmiña e Begoña, mariscadoras da Confraría de Pescadores de Miño, comparten a súa experiencia e achegan a súa visión sobre o traballo que desenvolven nas nosas rías.

A través dos seus testemuños coñecemos mellor a realidade do marisqueo, a importancia deste oficio para o territorio e o papel fundamental das mulleres vinculadas ao sector do mar.




1 de xuño de 2026

Son peixeira! O orgullo dun oficio e o valor da remuda xeracional no sector do mar

Continuamos coa serie de pílulas audiovisuais impulsadas polo GALP Golfo Ártabro Norte para dar visibilidade ás mulleres referentes do sector marítimo-pesqueiro e poñer en valor os oficios que contribúen ao desenvolvemento das nosas comunidades costeiras.

Nesta ocasión visitamos a Peixería Marita, no barrio de Ultramar (Ferrol), onde coñecemos a historia dunha profesional que asumiu con orgullo o relevo xeracional dun negocio familiar vencellado á comercialización dos produtos do mar.

A través do seu testemuño descubrimos a importancia dun oficio fundamental na cadea de valor da pesca, así como o compromiso, a experiencia e a dedicación que hai detrás do comercio de proximidade. Un exemplo inspirador que amosa como as novas xeracións contribúen a manter vivo o vínculo entre o mar, os barrios e a economía local.

Esta peza audiovisual forma parte das actividades de animación e divulgación que o GALP Golfo Ártabro Norte está a desenvolver durante a anualidade 2026. A iniciativa ten como obxectivo poñer en valor as profesións vinculadas ao mar, visibilizar o papel das mulleres na cadea mar-industria e dar a coñecer referentes que contribúan a fortalecer a identidade mariñeira do territorio e a favorecer a remuda xeracional no sector.


▶️ Xa podes ver o vídeo completo no noso canal de youtube: 

https://youtu.be/zkcAdiqIo7Q



27 de maio de 2026

Mulleres do mar: non só extraen marisco, coidan o mar

Onte estivemos en Miño acompañando ás mariscadoras a pé da confraría durante unha nova xornada de gravación do proxecto audiovisual impulsado polo GALP Golfo Ártabro Norte para dar visibilidade ás Mulleres do Mar e ao papel fundamental que desempeñan no sector pesqueiro e na conservación do medio mariño.

A gravación desenvolveuse no banco marisqueiro de Bañobre, onde actualmente se extrae principalmente ameixa fina e xapónica. Durante a visita tivemos a oportunidade de coñecer de preto o traballo diario de Carmiña, mariscadora desde o ano 1998 e unha das socias con máis experiencia da confraría, e tamén de Begoña, que leva oito anos dedicada ao marisqueo a pé.

Ao longo da xornada falamos da evolución do oficio e dos cambios vividos no sector nas últimas décadas. Carmiña explicábanos como, nos seus inicios, a maior parte das persoas que traballaban no marisqueo a pé eran mulleres, unha realidade que foi mudando co paso do tempo ata o punto de que actualmente apenas quedan catro mulleres na confraría.

Ademais da extracción de marisco, as mariscadoras realizan importantes tarefas de conservación e coidado dos bancos marisqueiros. Durante estes días estaban centradas en labores de vixilancia e na retirada de ostra invasora, unha acción fundamental para protexer o ecosistema e garantir a sustentabilidade da actividade.

As profesionais explicaron tamén como anos atrás o berberecho era abundante nesta zona, antes da aparición dunha enfermidade que afectou gravemente á especie, modificando a realidade produtiva do banco marisqueiro.

Outro dos aspectos abordados durante a conversa foi a conciliación. Tanto Carmiña como Begoña destacaron que o marisqueo a pé ofrece certa flexibilidade horaria, permitindo compatibilizar a actividade profesional coa vida familiar e o coidado dos fillos, unha cuestión especialmente importante para moitas mulleres do sector.

A través deste proxecto audiovisual, o GALP Golfo Ártabro Norte continúa traballando na posta en valor das profesións ligadas ao mar, visibilizando historias reais que reflicten o esforzo, coñecemento e compromiso das persoas que forman parte da nosa cultura mariñeira.

Moi pronto compartirase o resultado completo desta gravación nas diferentes canles do GALP.

25 de maio de 2026

O GALP Golfo Ártabro Norte participa na Sesión Plenaria da REGP 2026 en Cataluña

A semana pasada, o GALP Golfo Ártabro Norte participou na Sesión Plenaria da Rede Española de Grupos de Pesca (REGP) 2026, celebrada do 19 ao 21 de maio en L’Escala, Roses e Palamós (Cataluña).

O encontro estivo organizado pola Secretaría General de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, en colaboración coa Generalitat de Catalunya e o GALP Costa Brava, e reuniu a máis de cen profesionais vinculados ao Desenvolvemento Local Participativo (DLP) no marco do FEMPA.

Durante estas xornadas desenvolvéronse diferentes sesións de traballo, mesas de debate e visitas técnicas orientadas ao intercambio de experiencias, boas prácticas e ferramentas de avaliación das estratexias DLP impulsadas polos GALP en todo o territorio.

Entre os temas abordados destacaron a pesca costeira artesanal, o futuro marco financeiro europeo 2028-2034, o papel estratéxico dos GALP no desenvolvemento das comunidades costeiras e os retos vinculados á economía azul, á sostibilidade ambiental, á inclusión social e á valorización do patrimonio marítimo-pesqueiro.

As persoas asistentes tiveron tamén a oportunidade de coñecer diferentes proxectos impulsados no territorio catalán relacionados coa innovación, a sostibilidade portuaria, o turismo mariñeiro, o deporte inclusivo e a recuperación do patrimonio marítimo local.

A participación neste tipo de encontros resulta fundamental para fortalecer redes de cooperación entre territorios, compartir coñecemento e continuar avanzando cara a comunidades costeiras máis resilientes, sostibles e conectadas co mar.


🔗 Toda a información sobre a Sesión Plenaria da REGP 2026 pode consultarse na seguinte ligazón:

22 de maio de 2026

Asistimos á presentación do primeiro censo do patrimonio marítimo inmoble de Galicia

O GALP Golfo Ártabro Norte asistiu en Ribeira ao acto de presentación do primeiro censo integral do patrimonio marítimo inmoble de Galicia e dos Espazos de Interese Cultural Marítimo, organizado pola no marco do Plan da Cultura Marítima de Galicia.

Este proxecto permitiu documentar máis de 1.450 bens patrimoniais distribuídos ao longo de toda a costa galega, incluíndo infraestruturas marítimas, industriais e etnolóxicas como faros, estaleiros, conserveiras, peiraos ou carpintarías de ribeira, fundamentais para comprender a evolución histórica e a identidade das comunidades litorais.

Ademais da catalogación dos bens, o traballo incorpora unha análise territorial e cultural da relación entre o mar, a industria e a sociedade galega, así como a definición das chamadas Áreas Nai ou Espazos de Interese Cultural Marítimo, unha nova ferramenta para a protección e difusión das paisaxes culturais marítimas de Galicia.

Pódese consultar máis información sobre o censo do patrimonio marítimo inmoble e acceder ao visor web no seguinte enlace:

🔗 https://culturamaritima.xunta.gal/es




19 de maio de 2026

🎬🌊 Estreamos o primeiro audiovisual de Mulleres mariñas do Golfo Ártabro Norte

No GALP Golfo Ártabro Norte estamos moi felices de presentar o primeiro vídeo da serie Mulleres mariñas do Golfo Ártabro Norte, unha iniciativa incluída dentro das actividades de animación e divulgación previstas polo GALP para o ano 2026, coa que queremos achegar historias reais das mulleres que forman parte do noso sector pesqueiro e mariñeiro.

Para esta primeira entrega viaxamos ata a Confraría de Pescadores de Ferrol para coñecer a Elsa, unha muller ligada ao mar e á tradición familiar, que cada día traballa para achegar peixe e marisco fresco á súa clientela 🐟⚓

Ao longo do audiovisual descubrimos como tradición e innovación conviven nun sector que segue evolucionando sen perder a súa esencia. Elsa tamén nos fala da importancia da formación e das oportunidades para novas persoas que desexan incorporarse ao oficio.

Con esta serie queremos dar visibilidade ao papel fundamental das mulleres do mar, recoñecer o seu esforzo diario e contribuír á difusión da nosa cultura mariñeira.

✨ Agardamos que esta primeira historia vos achegue un pouco máis á realidade e ao valor humano que hai detrás do noso mar.

▶️ Xa podes ver o vídeo completo no noso canal de youtube








15 de maio de 2026

Peixería Marita: cando tradición e innovación van da man

Continuamos a nosa folla de ruta visitando proxectos que representan o presente e o futuro do noso sector pesqueiro. Nesta ocasión estivemos na Peixería Marita, no barrio de Ultramar (Ferrol), coñecendo de preto a evolución dun negocio familiar que soubo adaptarse aos novos tempos sen perder a súa esencia.

Ao fronte da peixería están Marita e Jose, cunha vida enteira ligada ao mar e ao comercio de proximidade. Marita, filla de peixeiros, medrou entre caixas de peixe e mostradores, mantendo viva unha tradición familiar baseada no produto fresco, a confianza e o trato próximo coa clientela.

O regreso ás raíces

A peixería vive agora unha nova etapa grazas á incorporación de Andrea, a súa filla, que decidiu regresar ao negocio familiar tras anos exercendo como mestra de inglés.

A súa chegada supuxo un importante impulso para o establecemento, combinando a experiencia e coñecemento da familia cunha visión moderna adaptada ás novas formas de consumo.

Dixitalización e novas formas de conectar

Un dos aspectos máis destacados desta transformación é a aposta pola comunicación dixital. Andrea encárgase de gravar vídeos diarios amosando o produto fresco dispoñible cada mañá, creando unha conexión directa e próxima coa súa clientela a través das redes sociais e das mensaxes diarias.

Ademais, tamén xestiona os pedidos desde primeira hora, organizando unha atención máis áxil, personalizada e adaptada ao ritmo de vida actual.

Innovación sen perder a esencia

A peixería está tamén a explorar novas liñas de negocio mediante produtos transformados, envasados e fileteados preparados para facilitar o consumo diario sen renunciar á calidade do produto local.

Todo isto convive coa esencia dunha peixería tradicional de barrio, onde o coñecemento da clientela, a confianza e o trato humano continúan sendo parte fundamental do negocio.

Durante a visita puidemos gravar parte do seu traballo diario e coñecer máis de preto a historia dunha familia que representa perfectamente como tradición e innovación poden ir da man para garantir o futuro do sector.


Moi pronto compartiremos os vídeos desta xornada nas nosas canles, dando visibilidade ao labor das mulleres e das familias que forman parte da nosa cultura mariñeira.


14 de maio de 2026

A xerente do GALP Golfo Ártabro Norte reúneuse coa delegada territorial da Xunta na Coruña para analizar o balance das axudas

Esta semana, a xerente do GALP Golfo Ártabro Norte, Tamara Tilve, mantivo unha reunión coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, na que se analizou o balance das axudas e dos proxectos impulsados no ámbito territorial da entidade ao abeiro da economía azul.


Na convocatoria de 2025, o GALP Golfo Ártabro Norte aprobou un total de 27 proxectos cun importe de axudas concedidas superior aos 890.000 euros e cun volume total de investimento que supera os 2 millóns de euros.

Estas iniciativas contribúen ao impulso da economía azul e ao desenvolvemento sostible do litoral, favorecendo a dinamización económica e social do territorio.

A noticia completa pode consultarse na páxina web da Xunta de Galicia:

7 de maio de 2026

Mulleres do mar, produto de proximidade e futuro do sector na Lonxa de Ferrol

 Esta semana comezaron as gravacións do novo programa de divulgación impulsado polo GALP Golfo Ártabro Norte, unha iniciativa coa que queremos achegar á cidadanía as historias das mulleres que forman parte esencial do sector pesqueiro e que fan posible que o mellor produto do noso mar chegue cada día ás nosas mesas.

A primeira xornada de gravación tivo lugar na Lonxa de Ferrol, onde as protagonistas foron as mulleres da peixería da lonxa e o alumnado do Programa Integrado de Emprego do Concello de Ferrol, que se está a formar para contribuír ao futuro do sector.

Este será o primeiro dunha serie de vídeos nos que abordaremos a importancia de diversificar o sector, transformar o produto e poñer en valor a calidade do peixe e marisco de proximidade. Durante a visita á peixería da lonxa puidemos coñecer de preto produto fresco como percebe, rape, cabracho, lirios, pescada e ameixa, entre outros exemplos da calidade 100% Ártabra.

Unha das protagonistas desta primeira gravación foi Elsa, coñecida polos seus vídeos diarios cos frescos do día desde a tenda da lonxa. As persoas interesadas en recibir estas actualizacións por WhatsApp poden gardar o número da Confraría de Pescadores de Ferrol nos seus contactos e enviar unha mensaxe solicitando a alta na súa lista de distribución.

Desde o GALP Golfo Ártabro Norte seguiremos compartindo novos relatos, gravacións e testemuños que amosen o valor do noso sector do mar, o papel das mulleres e a riqueza do produto local.

23 de abril de 2026

O GALP Golfo Ártabro Norte avalía os avances da súa EDLP co tecido marítimo-pesqueiro e entidades vinculadas

As mesas de traballo celebradas en abril permitiron analizar o investimento realizado e definir novas liñas de actuación para o desenvolvemento sostible da zona costeira.

Dende o GALP Golfo Ártabro Norte levouse a cabo durante o mes de abril un proceso participativo de avaliación da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP), no que participaron activamente persoas, entidades e profesionais do ámbito marítimo-pesqueiro e entidades vinculadas da súa zona costeira, cuxa implicación resulta clave neste proceso.

Estas mesas de traballo constituíron un espazo fundamental para analizar os datos de investimento executados ata o momento, así como os avances acadados nas distintas liñas estratéxicas. A través deste proceso, recolléronse achegas e reflexións que contribuirán á definición das futuras actuacións no ámbito territorial.

A colaboración deste conxunto diverso de axentes da zona costeira resulta esencial para continuar impulsando proxectos que xeren valor engadido e favorezan un desenvolvemento sostible do territorio. Neste sentido, durante esta etapa materializáronse diversas iniciativas, entre as que destacan:

  • A modernización de equipamentos en peixerías e confrarías, así como a mellora da eficiencia enerxética.
  • A posta en valor do patrimonio marítimo e cultural.
  • O impulso de proxectos de diversificación profesional dirixidos á xente do mar.
  • O desenvolvemento de iniciativas orientadas á diversificación económica da zona costeira e á consolidación do territorio como destino turístico.

O GALP Golfo Ártabro Norte continuará traballando de maneira coordinada co conxunto de axentes do territorio para reforzar o impacto das actuacións e avanzar cara a un modelo de crecemento sostible e integrador.


20 de abril de 2026

O proceso de avaliación da EDLP do GALP Golfo Ártabro Norte continúa co desenvolvemento do Espazo Proxectos


O proceso de avaliación intermedia da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (2023-2025), no marco do programa FEMPA 2021-2027, continúa o seu desenvolvemento tras a celebración das mesas sectoriais a pasada semana, nas que se rexistrou unha destacada participación por parte dos distintos axentes do territorio.


Dende a entidade agradécese a implicación de todas as persoas participantes, cuxas achegas resultan de especial relevancia para a análise do impacto das actuacións financiadas e a mellora continua da xestión do programa.

Como seguinte fase deste proceso, desenvolverase o Espazo Proxectos, unha dinámica participativa dirixida a persoas promotoras e solicitantes de axudas, co obxectivo de avaliar o impacto real das iniciativas apoiadas, identificar posibles melloras na xestión dos fondos e recoller propostas que contribúan á optimización do programa.

A xornada terá lugar o mércores, 22 de abril, na Casa do Pescador (Miño), e estruturarase en dúas sesións:

  • 12:00 h – Sector Pesqueiro, dirixida a profesionais do sector, incluíndo persoal técnico e administrativo, biólogos/as e demais perfís vinculados ás entidades pesqueiras.
  • 19:00 h – Iniciativas privadas, sociais, empresariais e institucionais, orientada a proxectos promovidos desde os distintos ámbitos do tecido socioeconómico.

Ambas sesións desenvolveranse nun formato participativo e de carácter valorativo, abordando cuestións como o impacto dos proxectos no territorio, as dificultades na xestión dos fondos, o proceso de concorrencia competitiva e os efectos xerados a nivel económico e social.


A participación das persoas promotoras e solicitantes de axudas resulta fundamental neste proceso, ao permitir incorporar a súa experiencia directa na mellora da xestión e na planificación futura do programa.

Para máis información e inscricións:
📞 981 784 417 / 636 736 788

16 de abril de 2026

O GALP Golfo Ártabro Norte activa un proceso participativo para avaliar o impacto das axudas do FEMPA

 

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Norte puxo en marcha esta semana un proceso participativo aberto ao territorio co obxectivo de avaliar o impacto das axudas do programa FEMPA na economía e na sociedade da zona costeira.

O proceso busca contar coa implicación directa do sector pesqueiro, institucional, económico e social, recollendo achegas que permitan mellorar a xestión futura e reforzar o impacto socioeconómico no territorio.

As reunións desenvolveranse na Casa do Pescador (Miño) e estrutúranse en dúas xornadas:

🗓️ 15 de abril – Mesas sectoriais

  • 12:00 h | Mesa institucional: dirixida ao persoal técnico municipal dos 10 concellos do territorio
  • 17:30 h | Mesa intersectorial: aberta ao sector pesqueiro, institucional, social e económico
🗓️ 22 de abril – Espazo proxectos
  • 12:00 h | Sector pesqueiro: reunión con confrarías e entidades do sector
  • 19:00 h | Iniciativa privada e social: dirixida a proxectos empresariais, institucionais e sociais


Este proceso permitirá avaliar o desenvolvemento da estratexia e introducir melloras que contribúan a un crecemento sostible e equilibrado do Golfo Ártabro Norte.

📝 Inscrición previa:
galp.mar.golfoartabronorte@xunta.gal | 981 784 417

Xornada técnica: Relevo Xeracional, o Futuro do Mar

O vindeiro xoves 7 de maio ás 17:00 horas, a Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ribeira acollerá unha xornada técnica enmarcada no proxecto “Relevo Xeracional: O Futuro do Mar”.

Este encontro ten como obxectivo principal abordar un dos grandes retos do sector marítimo-pesqueiro: o relevo xeracional, promovendo o intercambio de experiencias e a reflexión conxunta entre os diferentes axentes implicados.

Durante a xornada presentaranse iniciativas vinculadas á Formación Profesional Dual, destacando o seu papel como ferramenta clave para garantir a continuidade e sustentabilidade do sector. Ademais, fomentarase o diálogo entre profesionais do mar, comunidade educativa e administración.

Público destinatario

A xornada está dirixida a:

  • Armadores e profesionais do sector pesqueiro
  • Alumnado e futuro alumnado de Formación Profesional do ámbito marítimo-pesqueiro
  • Público xeral interesado no futuro do sector

Inscrición

As persoas interesadas poden inscribirse ata o 30 de abril a través das seguintes vías:

É necesario indicar: nome, apelidos, DNI, correo electrónico e teléfono de contacto das persoas asistentes.

Sobre o proxecto

Esta xornada forma parte do proxecto de cooperación “Relevo Xeracional: O Futuro do Mar”, impulsado polos 8 GALP de Galicia en colaboración co GALP do País Vasco, e financiado pola Consellería do Mar e o FEMPA.




16 de xaneiro de 2026

Aberto o prazo para presentar solicitudes axudas FEMPA. CONVOCATORIA 2026

Hoxe venres 16 de xaneiro de 2026 foi publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) a Orde do 12 de decembro de 2025, que establece as bases para a concesión de axudas a proxectos dentro das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP). Estas axudas van dirixidas aos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP), no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027.

⏰ Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar solicitudes será de un mes desde o día seguinte á publicación da orde no DOG, sendo a data límite o 16 de febreiro de 2026.

💡 Recomendacións para os solicitantes

Para garantir que cada proxecto se encadra no obxectivo estratéxico correcto da EDLP e segundo a dispoñibilidade orzamentaria, recoméndase:

  • Contactar previamente co persoal técnico do GALP antes de presentar a solicitude.

  • Seleccionar o obxectivo estratéxico da EDLP máis adecuado ao proxecto.

  • Revisar a dispoñibilidade orzamentaria antes de enviar a solicitude.

📄 Documentación e enlaces útiles

Para facilitar a presentación de solicitudes, aquí tes os recursos dispoñibles:

📞 Contacto

Para calquera dúbida ou aclaración sobre a presentación de proxectos neste GALP, pódese contactar co equipo técnico do GALP Golfo Ártabro Norte:

Teléfono: 981 784 417

🔹 Non perdas esta oportunidade!

Presentar o teu proxecto neste marco pode supoñer unha gran oportunidade de impulsar iniciativas locais no sector pesqueiro, mellorar a sustentabilidade e fomentar o desenvolvemento das comunidades costeiras.



26 de decembro de 2025

Proximamente: Curso de Emprendemento en Turismo Mariñeiro e Pescaturismo

O GALP Golfo Ártabro Norte, dentro do proxecto de cooperación Mar e Rías: Pesca & Turismo, no que participan os oito GALP galegos, lanza un curso gratuíto de emprendemento para profesionais do sector pesqueiro ou persoas interesadas en desenvolver proxectos de turismo mariñeiro e pescaturismo no ámbito territorial do GALP.


Destinatarios 👥  Mariñeiros/as, mariscadores/as, redeiros/as; Traballadores/as do sector pesqueiro; 

Persoas interesadas en emprender no turismo mariñeiro e pescaturismo

Obxectivos do curso 🎯

O curso permitirá a cada participante:

Deseñar un proxecto sólido e seguro, vinculado ao territorio

Aplicar boas prácticas de sustentabilidade e valorizar o produto local

Desenvolver habilidades comunicativas e interpretativas do patrimonio mariño-pesqueiro

Crear a súa primeira experiencia turística, lista para poñela en marcha, con acompañamento e titorías posteriores

Contidos principais 📚

Introdución ao turismo mariñeiro e pescaturismo: concepto, marco legal e papel do profesional do mar

Sustentabilidade pesqueira, boas prácticas e valorización do produto local

Interpretación do patrimonio mariño-pesqueiro e habilidades comunicativas

Deseño dunha experiencia turística propia: percorrido, mensaxes clave, seguridade e organización

Exposición e simulación práctica da actividade deseñada

Información e pre-inscrición 📌

As prazas son limitadas, polo que se recomenda pre-inscribirse canto antes:

Teléfono: 981 784 417

Email: galp.mar.golfoartabronorte@xunta.gal

Fai do teu coñecemento do mar unha nova oportunidade de futuro! 🌊





15 de decembro de 2025

A xornada técnica Pesca&Turismo reúne en Noia ao sector pesqueiro galego para impulsar un modelo común de turismo mariñeiro

O Casino de Noia acolleu o venres 12 de decembro a Xornada Técnica Pesca&Turismo, un encontro promovido polos oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) galegos que reuniu profesionais do mar, representantes das administracións e entidades relacionadas co ámbito marítimo-pesqueiro para analizar os retos e oportunidades do turismo mariñeiro en Galicia.

A xornada, integrada no proxecto Mar e Rías: Pesca&Turismo, tivo como obxectivo reforzar un espazo de coordinación e diálogo que permita avanzar cara a un modelo galego consolidado de pesca turismo e turismo mariñeiro, ámbitos que se están a revelar como unha ferramenta estratéxica para a diversificación económica das vilas costeiras.

O acto inaugural contou coa intervención de Ángeles Vázquez Suárez, Directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro; da Presidenta do GALP Ría de Pontevedra, Mª Carmen Vázquez Nores; e do Presidente do GALP Costa Sostible, Mariano Lago Louro, quen destacaron a importancia de fortalecer un marco estable de cooperación para garantir o desenvolvemento profesional deste tipo de iniciativas.




Análise técnica e visión institucional

Ao longo do día abordáronse cuestións clave para o desenvolvemento destas actividades, como a adaptación das embarcacións ás esixencias técnicas vixentes, os sistemas de comercialización máis axeitados, a creación de produtos turísticos especializados ou o papel da cooperación entre profesionais, confrarías e administracións no impulso deste tipo de iniciativas.

A primeira ponencia estivo a cargo de Iván Meléndez Menela, Director de Competitividade de Turismo de Galicia, que debullou o potencial do turismo mariñeiro como oportunidade para diversificar a economía costeira. A continuación, Diego Novoa Fernández, Subdirector de Desenvolvemento Pesqueiro, presentou a situación actual destas actividades en Galicia, así como salientou a capacidade de financiamento de proxectos de turismo mariñeiro polos GALPs achegando diversos exemplos.

Abordouse o papel das Capitanías Marítimas na pesca turismo, nunha mesa na que participaron Juan Andrés Pérez Pérez, da Capitanía Marítima de Vilagarcía de Arousa, e Domingo Pose, Coordinador de Seguridade e Inspección Marítima da Capitanía da Coruña. Ambos explicaron os requisitos técnicos e os procedementos necesarios para garantir a seguridade das actividades a bordo.

As necesidades do sector mariñeiro

A visión do sector quedou recollida nun debate no que participaron Daniel Formoso Moledo, Presidente da Federación de Confrarías da Coruña; José Antonio Pérez Siera, Presidente da Federación Galega de Confrarías; e Juan José Rial Millán, Patrón maior da Illa de Arousa. Expuxeron as principais necesidades das confrarías, así como as expectativas e dificultades ás que se enfrontan as persoas profesionais que buscan poñer en marcha iniciativas de turismo mariñeiro.

Manuel Veloso, do Clúster Turismo de Galicia, abordou as estratexias máis efectivas para a promoción e comercialización destas experiencias, facendo fincapé na importancia de construír produtos diferenciados, sostibles e coordinados co territorio.

Experiencias xa consolidadas na costa galega

A sesión da tarde centrouse na presentación de proxectos que xa están en funcionamento.

No ámbito da pesca turismo interviñeron Sauro Martínez Durán, promotor de Marinero por un día, e Severino Casal Diz, responsable de Pescaturismo Novo Migueliño, quen compartiron a súa experiencia práctica e os retos asociados á actividade diaria a bordo.

No bloque dedicado ao turismo mariñeiro participaron Ana Sotelino (Amarturmar), Rosa Mª Millán Romero, Moncha López Castro e Maje Santamaría Maneiro, todas elas integrantes de Turismo Mariñeiro Mar da Pobra. As súas intervencións permitiron coñecer modelos de actividade consolidados e identificar boas prácticas aplicables ao conxunto da costa galega.

Un proxecto para reforzar capacidades e abrir novas oportunidades

A Xornada Técnica forma parte do proxecto Mar e Rías: Pesca&Turismo, coordinado polo GALP Ría de Pontevedra e desenvolvido polos oito GALP galegos coa finalidade de promover a capacitación profesional, apoiar o emprendemento e impulsar novas iniciativas de turismo mariñeiro ao longo da costa. A iniciativa dá continuidade ao modelo posto en marcha con Mar das Illas, que contribuíu á formación de máis de 250 profesionais e ao nacemento de proxectos pioneiros neste ámbito.

O proxecto está cofinanciado nun 70% polo Fondo Europeo Marítimo da Pesca e da Acuicultura (FEMPA) e nun 30% pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia.