20 de outubro de 2023

Pescamos Ideas no territorio do Golfo Ártabro Norte

O Martes 17 tiveron lugar en Cabanas e Pontedeume as dúas primeiras xornadas divulgativas para dar a coñecer o programa de axudas do FEMPA (Fondos Europeos de Pesca e Acuicultura) para as anualidades 2023-2027 no noso territorio.

As axudas ascenden a máis de 4,6 millóns de euros para proxectos que se desenvolvan nos 10 concellos e as 6 confrarías que conforman o Golfo Ártabro Norte.

Se tes unha idea de negocio que pode contribuir a desenvolver a zona costeira ou poñer en valor os produtos pesqueiros garantindo a sostibilidade da actividade económica, contacta connosco nos teléfonos 981 784 417 / 636 736 788.

PRÓXIMA DATA O 7 DE NOVEMBRO,

· Ás 12:00h en Narón (Café Teatro Pazo da Cultura).

· ás 19:00h en Ferrol (Antigo Hospicio).




6 de outubro de 2023

“Pescamos ideas”, encontro empresarial en Narón

 O Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Norte organiza o encontro empresarial “Pescamos ideas”, que se desenvolverá hoxe venres, día 6, co fin de informar sobre o programa de axudas do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA). 

A convocatoria,  terá lugar ás 18.30 horas nas instalacións do Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros e está aberta á participación de pequenas e medianas empresas, asociacións, autónomos… interesados en solicitalas para acometer proxectos localizados no ámbito territorial de Narón, Neda, Fene, Mugardos, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Ferrol e Ares. 

A orde do 14 de setembro de 2023, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión destas axudas, está xa publicada no DOG, podendo consultarse no enlace:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230926/AnuncioG0427-150923-0....

As persoas interesadas en solicitar as axudas nesta convocatoria 2023 poderán facelo ata o día 26 deste mes de outubro, tal e como se especifica nas bases da convocatoria. 

Neste encontro empresarial, un equipo de profesionais informará máis polo miúdo sobre as mesmas, aos colectivos aos que se dirixen estas axudas, podendo realizar as consultas ao respecto que se estimen oportunas.

O GALP Golfo Ártabro ten previsto durante os meses de outubro e novembro celebrar xornadas divulgativas nos 10 concellos do seu ámbito territorial, co obxecto de dar a coñecer a orde de axudas recentemente publicada para presentar proxectos ao abeiro do Programa FEMPA 2021-2027 nesta convocatoria 2023 e vindeiras convocatorias; Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo- EDLP (Plan de acción; criterios de selección...), as novidades respecto ao programa anterior, así como aclarar as dúbidas que poidan xurdir ao respecto dos temas tratados.  

O martes 17 de outubro xa están confirmadas as previstas para os Concellos de Pontedeume e Cabanas.

En Cabanas en horario de mañá ás 12 horas na Escola Laica de Cabanas (Avda. de Laraxe, s/n - Cabanas).

En Pontedeume en horario de tarde  ás 19 horas na Casa da Cultura (Paseo de Raxoi, nº1 - Pontedeume)



29 de setembro de 2023

Selección de persoal para o posto de xerente do GALP Golfo Ártabro Norte. Relación DEFINITIVA de admitidos/as e excluídos/as

Rematado o prazo de reclamación contra a lista provisoria, tal como se indica na base oitava “DESENVOLVEMENTO DO PROCESO” das bases reguladoras, procédese á publicación da lista definitiva de persoas aspirantes admitidas e excluídas, coa indicación dos motivos que orixinaron a súa exclusión. 

Así mesmo, de conformidade coa base oitava, convócase ás persoas aspirantes admitidas á realización da proba escrita (fase I proba escrita de coñecementos), que terá lugar o MÉRCORES, 4 DE OUTUBRO, ÁS 17.00 HORAS, na sede do GALP GOLFO ÁRTABRO NORTE (Casa do Pescador – Rúa Curro, nº33 15630 Miño, A Coruña). 

LISTA DEFINITIVA DE PERSOAS ADMITIDAS/EXCLUÍDAS

26 de setembro de 2023

Selección de persoal para o posto de xerente do GALP Golfo Ártabro Norte. Relación PROVISIONAL de admitidos/as e excluídos/as

Rematado o prazo para a presentación de solicitudes, tal como se indica na base sétima “PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES E PRAZO” das bases reguladoras, procédese á publicación da lista provisional de persoas admitidas e para concorrer a este proceso. A lista provisional de persoas admitidas conterá a relación de persoas que poden optar ás diferentes probas e tamén a relación de persoas excluídas, coa indicación dos motivos que orixinaron a súa exclusión. 

A partir da data de publicación na páxina web dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro de Galicia, as persoas que resultaran excluídas poderán presentar a correspondente reclamación, se o estiman oportuno, para emendar os defectos que motivaron tal exclusión. 

O prazo máximo para a presentación da documentación para a subsanación de defectos ou, no seu caso a oportuna reclamación, é de 2 días hábiles contados dende o día seguinte ao da publicación da lista provisional de persoas admitidas/excluídas.

Transcorrido este prazo procederase á confección e publicación da lista definitiva de persoas admitidas para este proceso, na cal se indicará a data e lugar para a realización da proba escrita. 

LISTA PROVISIONAL DE PERSOAS ADMITIDAS/EXCLUÍDAS

14 de setembro de 2023

A quen vai dirixida a EDLP?


Os potenciais beneficiarios das próximas convocatorias de axudas FEMPA 2021-2027 son todas as persoas e entidades pertencentes ao sector marítimo-pesqueiro, autónomos e empresas en xeral, administracións locais, organizacións, clubes e entidades sen ánimo de lucro.

Recordade que os proxectos teñen que ter cabida en algúns dos diferentes obxectivos estratéxicos propostos no plan de acción da EDLP.

En breve está previsto abrir a primeira convocatoria de axudas deste novo período FEMPA 2021- 2027.

Mentres podes resolver calquera dúbida coa oficina técnica do GALP Golfo Ártabro Norte no teléfono: 981784417 ou a través do enderezo electrónico: galp.mar.golfoartabronorte@xunta.gal


8 de agosto de 2023

Selección e contratación de persoal para o posto de xerente do GALP Golfo Ártabro Norte

O GALP Golfo Ártabro Norte debe contar co persoal necesario con formación e capacidade para a realización das funcións que ten encomendadas como entidade colaboradora da Consellería do Mar na xestión da EDLP do GALP no período FEMPA 2021-2027.  A cláusula 17ª do Convenio de colaboración asinado coa Consellería do Mar establece as características e condicións do persoal do GALP e a súa selección e recolle que unha das persoas será a persoa encargada da xerencia.

A Xunta Directiva do GALP Golfo Ártabro Norte en sesión celebrada o 2 de agosto de 2023 aprobou as bases reguladoras da selección e a convocatoria para a contratación dun/ha XERENTE da Asociación Grupo de Acción Local Golfo Ártabro Norte onde están recollidas as condicións e requisitos necesarios e que pódense consultar na seguinte ligazón:

BASES DE SELECCIÓN E PROCEDEMENTO 

O obxecto desta convocatoria é a selección e contratación laboral da persoa que desempeñará o posto de XERENTE do GALP Golfo Ártabro Norte na xestión da Estratexia do Grupo no marco do FEMPA.

A selección farase tendo en conta os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade da convocatoria.

PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES: 

DENDE O 9 DE AGOSTO ATA O 30 DE AGOSTO DE 2023 

(AMBOS INCLUSIVE)


Consulta aquí os contidos do temas:  TEMARIO


As solicitudes poderán presentarse ben de forma presencial na sede do GALP de luns a venres de 9.00 a 14.00 h, ben por correo ordinario certificado ao rexistro do GALP, en sobre pechado na oficina do GALP (neste último caso, deberá enviarse un correo electrónico antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes, indicando que se enviou a documentación por correo certificado e copia do documento acreditativo do envío): Asociación Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro GOLFO ARTABRO NORTE. Rúa Curro, 33 (Casa do Pescador), 15630 Miño. Teléfono 981 784 417

 

14 de febreiro de 2023

Aprobada a Estratexia de Desenvolvemento Local Participativa (EDLP) do GALP Golfo Ártabro Norte con preto de 6 millóns de euros para este ámbito territorial

O Grupo de Acción Local Golfo Ártabro Norte xestionará no actual período FEMPA (Fondos Europeos da Pesca e da Acuicultura) 2023-2027 un orzamento total de 5.804.160,29 €, dos que 4.647.862,73 € (o 80%) destinaranse exclusivamente a axudas a proxectos no territorio de actuación que se estende a 10 Concellos: Narón, Ferrol, Neda, Fene, Ares, Mugardos, Cabanas, Pontedeume, Miño e Paderne; e ás 6 Confrarías: Miño, Pontedeume, Ares, Mugardos, Barallobre e Ferrol.

Esta asignación de fondos europeos contribuirá durante os vindeiros cinco anos a xerar riqueza vinculada ao mar e ao seus produtos neste territorio costeiro, xa que a maior parte dos promotores serán pequenas empresas, microempresas, pemes e persoas particulares. Isto contribuirá tamén a fixar poboación no territorio ao incentivar a actividade socioeconómica e indirectamente a mellora da calidade de vida da súa cidadanía.

Unha vez xa asinado o Convenio de Colaboración coa Consellería do Mar en xaneiro deste ano, o 50% dos fondos destinaranse á cadea de valor do sector pesqueiro, e o restante a temáticas como o fomento da economía azul, do patrimonio medioambiental para mitigación do cambio climático, do patrimonio cultural mariñeiro ou da gobernanza entre asociacións e entidades do sector mar-pesca.

O GALP Golfo Ártabro Norte conta cunha sede en Miño, na Casa do Pescador, e conta cun equipo técnico para orientar e informar aos potenciais interesados en solicitar axudas públicas do FEMPA para os proxectos que vaian a desenvolver. En próximas datas prevese a publicación da convocatoria das axudas pola Consellería do Mar. Non obstante, é convinte que os potenciais promotores interesados en solicitar axudas se informen co equipo técnico antes de iniciar calquera trámite, co obxecto de valorar no posible se a súa idea empresarial se adecúa aos obxectivos estratéxicos da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo. A entidade informará a través das súas canles de comunicación (web e redes sociais) da apertura das convocatorias.

PREME AQUÍ PARA CONSULTAR A EDLP

Esta Estratexia elaborouse coa participación e implicación de numerosos axentes públicos e privados do territorio a través dun proceso participativo “de abaixo a arriba” desenvolto durante tres meses mediante Mesas Sectoriais dos ámbitos pesqueiro (as 6 Confrarías do territorio), social, económico, de muller, mocidade, e público (os 10 Concellos) nos que se realizou una diagnose previa do territorio e se estableceron os obxectivos estratéxicos perseguidos coa execución do Programa a desenvolver no período 2023-2027.