19 de decembro de 2019

A Asemblea do GALP Golfo Ártabro Norte valida os traballos da avaliación da estratexia e define os principais retos para os vindeiros anos do programa.

A Asemblea validou os resultados da avaliación e posteriormente, en xornada aberta, definíronse os principais retos do GALP nesta zona costeira.

No acto presentouse tamén a Guía das Confrarías, para o cal se contou con representación dos diferentes pósitos da zona.

Rematado o ano 2019 conclúen os traballos da avaliación da EDLP que neste últimos meses estivo desenvolvendo o GALP. 

Neste proceso participaron máis de 50 persoas a título individual e en representación de diferentes colectivos. Na xornada do venres rexistrouse tamén unha alta participación, ao redor de 40 persoas; expuxéronse en detalle os resultados da execución do programa.

Dende o inicio do período ata a primeira convocatoria de 2019, o GALP prestou axuda por valor de 2,1 millóns de euros ás entidades do territorio, dos cales 1.117.964,28 euros foron para proxectos produtivos. Ambos tipos de proxectos xeraron un investimento, por parte de promotores, superior aos 4,8 millóns de euros. A nivel de emprego creáronse máis de 32 postos de traballo e puxéronse en marcha 12 novas empresas no territorio.

A execución do programa ronda o 50%, o cal implica que aínda queda orzamento dispoñible no que resta de programa. Neste sentido, fíxose unha chamada ás persoas asistentes, para que se animaran á presentación de proxectos, e contribuíran á divulgación do Fondo entre outros axentes. 

Para o GALP, o máis importante é que se incremente a presentación de proxectos, de carácter produtivo, vinculados ao sector pesqueiro, obxectivo este que cómpre reforzar e ao que se dirixirá de maneira moi directa a animación do programa. De feito, o GALP xa leva unha tempada reforzando a animación co sector, para o cal se reuniu con todas as confrarías da zona.

Os principais retos que se definiron teñen que ver con traballar na gobernanza dos recursos pesqueiros, potenciando a cooperación entre o sector pesqueiro. Preténdese incrementar o valor dos produtos pesqueiros, afondar nas problemáticas do medio mariño e promover melloras no ámbito da transformación e a comercialización dos produtos pesqueiros, para acadar maiores rendas para o sector. Tamén se considera necesario que dende o sector público se traballe na liña da mellora ambiental da zona costeira e se potencie o traballo en rede tanto entre concellos, como entre estes e as confrarías, por exemplo.

Animouse tamén a que os concellos continúen coa divulgación do programa, centrando o foco nos proxectos produtivos.

Por último, o GALP quere incrementar a base de entidades socias, en representación dos intereses sociais e económicos da zona costeira, para o cal se fará un traballo de dinamización coas mesmas. 


3 de decembro de 2019

Encontros dinamizadores coas confrarías do Golfo Ártabro Norte

Durante esta semana continúan os encontros dinamizadores coas confrarías de pescadores do ámbito territorial do Golfo Ártabro Norte: Miño, Pontedeume, Ares, Mugardos, Barallobre e Ferrol. 

O vindeiro mércores día 4 é a reunión coa Confraría de Miño, a cal se celebrará nas súas instalacións, no Porto de Miño, a partir das 9:30 horas da mañá. O xoves día 5 reunirémonos na Confraría de Ferrol ás 10:00 horas. 

No marco do proxecto de dinamización do sector pesqueiro, estes encontros pretenden animar aos colectivos do sector pesqueiro á presentación de iniciativas no marco do programa de axudas do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, que xestiona o GALP Golfo Ártabro Norte. 

As principais liñas de traballo, ate o de agora, centran o esforzo na posta en valor dos recursos pesqueiros, especialmente no que se refire ao marisqueo e á pesca costeira artesanal. 




As principais ideas de proxectos teñen que ver coa transformación do produto e a revalorización da cadea valor dos mesmos, mellorando procesos de trazabilidade e a loxística do produto. Por outra banda, existe tamén unha importante preocupación coa sostibilidade dos recursos marisqueiros na zona, que nos últimos anos están experimentando un descenso nas capturas

Os encontros dinamizadores son abertos ás profesionais do sector do conxunto de confrarías desta zona costeira. Nos próximos días realizaranse uns talleres de traballo co obxectivo de ir perfilando potenciais ideas de proxectos para impulsar nesta zona, que centren o esforzo en valorizar os produtos da pesca, e reforzar a innovación e a sostibilidade do sector.

Preténdese que este proceso sirva para mellorar a efectividade destes fondos no desenvolvemento social e económico da zona costeira, contribuíndo de maneira importante ao fomento do emprego e ao reforzo do sector pesqueiro é a preservación dos recursos pesqueiros.

28 de outubro de 2019

Representantes do Concello de Ferrol e do GALP Golfo Ártabro Norte acuden á Gala da II Edición dos Premios de Economía Azul, organizados pola Consellería do Mar

Parabéns aos 5 proxectos premiados nos Premios Economía Azul 2019!
.
1️⃣ 'Apoio á pesca artesanal' | 🥇‘Do mar á mesa: Depuración e punto de venda’, da Confraría de Pescadores de Cedeira (GALP A Mariña-Ortegal).


2️⃣ 'Creación de emprego' | 🥇 O proxecto premiado é Estela do Mar (GALP Ría de Vigo A Guarda).


3️⃣ 'Diversificación' | 🥇 ‘Obras de Restauración do Dique da Cabana e a súa contorna' do Concello de Ferrol (GALP GOLFO Artabro NORTE).


4️⃣ 'Innovación' | 🥇 'Planta de Produción de Aceite de Microalgas' de Carbiotech [GALP Costa da Morte].


5️⃣'Economía Circular' | 🥇'Produción de Mallas Protectoras biodegradables para cultivo do mexillón' de Ecoplas Barbanza [Galp Ría De Arousa].

E tamén parbéns a todos os finalistas porque para nós todos os proxectos son gañadores!






Procúrase recuperar e poñer en valor o dique "A Cabana", que ten un alto valor patrimonial e #cultural, e que estivo ligado nos seus orixes, e en boa parte da súa existencia, á actividade de asteleiro e carpintería de ribeira. Crearase, ademais, un espazo de interpretación das actividades e as tradicións mariñeiras que permitirá potenciar o seu coñecemento e concienciar á sociedade da importancia das actividades relacionadas co #mar.

23 de outubro de 2019

Representantes sectoriais do Golfo Ártabro Norte, reúnense na Casa do Pescador en Miño para avaliar a estratexia do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

 Entidades socias do GALP valoraron o traballo desenvolto na xestión do Fondo e marcaron prioridades para o que queda de período.


Todos os sectores coincidiron na necesidade de reforzar a dinamización do sector pesqueiro e procurar unha maior colaboración entre as institucións e entidades da zona costeira.


Representantes das mesas sectoriais que forman parte do GALP Golfo Ártabro Norte reuníronse o martes 22 de outubro en Miño para traballar na avaliación da estratexia e definir pautas para optimizar a xestión do programa de axudas, no que resta do período de fondos.
Pola mañá celebrouse a reunión da mesa do sector público na que estiveron presentes alcaldes, concelleiros e técnicos locais de oito dos concellos desta zona costeira. Dende os concellos fíxose unha valoración positiva do traballo desenvolto ata a data, comentando a necesidade de dinamizar ao tecido económico local para favorecer o emprendemento de pequenos negocios no conxunto dos concellos. 
Tamén se resaltou como reto a desenvolver o de cooperar co sector pesqueiro na promoción de proxectos, continuando coa labor de promoción e divulgación do Fondo.
A reunión do sector pesqueiro, centrou o debate nas dificultades que atravesa o mesmo para afrontar a posta en marcha dos proxectos. A redución de capturas que está sufrindo unha boa parte dos bancos marisqueiros da ría ferrolá e as dificultades para o financiamento de proxectos, lastran a presentación de solicitudes de axuda ao programa que xestiona o GALP. 
Sumado a isto considérase que hai que seguir esforzándose por incrementar a divulgación das axudas entre o conxunto de persoas que traballan no marisqueo e na pesca.
A última mesa en desenvolverse foi a do sector social e empresarial, na que participaron varias entidades do empresariado de Ferrolterra, entidades náutico-deportivas, de turismo, veciñais e do ámbito social. 
Dende o ámbito empresarial considerouse que o Fondo pode ser unha ferramenta moi útil para poñer en marcha proxectos de viveiros empresariais ou espazos de networking que axuden a persoas emprendedoras de negocios nesta zona costeira. Existe unha demanda importante de espazo e calquera iniciativa que axude á creación de emprego é moi importante para toda a comarca de Ferrolterra.



16 de outubro de 2019

Proposta de resolución DEFINITIVA 2ª fase adxudicación axudas 2019 Xunta Directiva GALP Golfo Ártabro Norte

1. A Xunta Directiva do GALP Golfo Ártabro Norte en reunión celebrada o 27 de setembro de 2019 en Miño, seleccionou provisionalmente os proxectos que considerou  prioritarios para a execución da súa Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo, de conformidade cos criterios establecidos nesta, e no estipulado na “Orde de Axudas do 21 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das Estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas para os grupos de acción local do sector pesqueiro para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020, e se convocan as correspondentes ao ano 2019”. (Resolución publicada o día 1 de outubro de 2019 nesta mesma páxina web e no taboleiro de anuncios do GALP Golfo Ártabro Norte)
2. Rematado o prazo de alegacións, e ao non recibir ningunha alegación, os membros da Xunta Directiva acordan que unha vez publicada a resolución provisional -segundo o Artigo 24 da Orde de 21 de decembro de 2018- e abrir un prazo de achegas de 5 días hábiles; no caso de non recibir alegacións ao respecto, quedarían aprobadas definitivamente as propostas da resolución provisional, elevando a público unha proposta de resolución definitiva de proxectos produtivos, sen necesidade de levar a cabo unha nova reunión de Xunta Directiva presencial, ao non existir alegacións nin modificacións de ningún aspecto nos acordos tomados nos diferentes proxectos nesta reunión, e que tiveran que ser novamente debatidos polos membros, tendo en conta o estipulado no artigo 24 da “Orde de Axudas do 21 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das Estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas para os grupos de acción local do sector pesqueiro para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020, e se convocan as correspondentes ao ano 2019”.
3. Preme nos seguintes enlaces para ver as resolucións DEFINITIVAS:
Esta proposta de resolución DEFINITIVA de Xunta Directiva para proxectos produtivos da 2ª fase de adxudicación de axudas da Convocatoria 2019, non crea ningún dereito a favor do solicitante proposto, estando suxeita á dispoñibilidade orzamentaria de crédito para proxectos produtivos  para esta convocatoria 2019.


Ampla participación das beneficiarias de axuda na avaliación intermedia do GALP Golfo Ártabro Norte.

  • Onte celebrouse en Miño a primeira reunión da avaliación intermedia, á cal asistiron preto de 30 persoas beneficiarias e interesadas nas axudas do FEMP.
  • O vindeiro martes día 22 de outubro celebraranse as mesas sectoriais de traballo, dirixidas ás entidades socias do GALP.
O martes 15 de outubro tivo lugar en Miño a reunión con beneficiarias do programa de axudas para facer a avaliación do seguimento da Estratexia de desenvolvemento local participativa do GALP Golfo Ártabro Norte.
Esta xuntanza enmárcase no proceso participativo que está desenvolvendo o GALP para a avaliación intermedia do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, no cal colabora coa Consellería do Mar para a súa posta en marcha.
Nesta reunión asistiron ao redor de trinta persoas que tiveron axuda do programa para a posta en marcha dos seus proxectos. Acudiron tamén persoas interesadas na presentación de proxectos, as cales fixeron unha valoración positiva da aprendizaxe que supuxo a reunión. Contouse coa participación de confrarías da zona, peixerías, vendedores do mercado, responsables de negocios de servizos para o sector e do ámbito do turismo, entre outros.
No desenvolvemento da reunión presentáronse os datos de execución financeira dende o comezo do programa no ano 2016 ata a actualidade. Destacouse a importante subida que experimentou o GALP na xestión de proxectos nas convocatorias de marzo e setembro deste ano, esta última, aínda pendente de resolución por parte da Consellería do Mar. Nesta zona, o programa do FEMP puxo a disposición dos promotores de proxectos, máis de 2,3 millóns de euros, o que supón a metade do orzamento que ten o GALP para axudas a proxectos.
No debate celebrado destacouse a importancia que ten este tipo de Fondos para dinamizar zonas costeiras como a do Golfo Ártabro Norte, contribuíndo deste xeito a mellorar o emprego e o seu dinamismo económico.
Este territorio ten un alto potencial que pode ser posto en valor a través de ferramentas como este Fondo.
Sinalouse a necesidade de impulsar ao sector pesqueiro, incidindo na promoción de iniciativas que poñan en valor os recursos, ao sector, e ao conxunto de empresas que traballan vinculadas ao mesmo.
Tamén se fixo unha valoración moi positiva do traballo que se desenvolve dende o GALP na atención ás persoas e entidades interesadas no programa de axudas.
O próximo martes día 22 de outubro terán lugar en Miño as reunións das mesas sectoriais, destinadas a recoller a opinión das entidades socias do GALP. Ás 12:00 horas será a reunión do sector público, ás 17:00 a do sector pesqueiro e ás 19:00 a de entidades sociais e empresariais.
Para máis información contactar con:
GALP Golfo Ártabro Norte.  Toni Fernández (xerente) 636 736 788 // 981784 417

10 de outubro de 2019

En marcha o plan de participación para a avaliación intermedia da Estratexia do FEMP do Golfo Ártabro Norte.


Despois de xestionar varias convocatorias do programa de axudas do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) é o momento de facer a avaliación intermedia do traballo desenvolto no Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Golfo Ártabro Norte.

Este proceso pretende reunir unha ampla participación de axentes e entidades do territorio, para o cal se van a realizar diferentes eventos coa finalidade recoller as achegas e opinións destes e mellorar a execución do programa de axudas na zona costeira.

O plan de participación contempla a realización de reunións con persoas beneficiarias do programa, reunións das Mesas Sectoriais e un Foro final de presentación de resultados, previsto para o mes de novembro. Tamén se contempla unha consulta institucional dirixida ao conxunto dos dez concellos que conforman o Golfo Ártabro Norte.

Reunion con beneficiarias: Martes 15 de outubro
Reunión das mesas sectoriais: Martes 22 de outubro
Foro  Novembro

Preténdese que este proceso sirva para mellorar a efectividade destes fondos no desenvolvemento social e económico da zona costeira, contribuíndo de maneira importante ao fomento do emprego e ao reforzo do sector pesqueiro é a preservación dos recursos pesqueiros. Analizarase a execución e a animación do programa, para valorar a súa relevancia nesta zona e poder establecer propostas e mellora.

Xestión do programa de axudas do FEMP 2014-2020.
Dende o inicio do programa de axudas no ano 2016, recibíronse no GALP 109 solicitudes de axuda de proxectos. Á espera das resolucións de setembro de 2019, por parte da Consellería do Mar, o GALP leva concedida financiación a proxectos por un importe superior aos 2,3 millóns de euros. Desta axuda, o 65% do importe destinouse ao financiamento de investimentos de carácter produtivo, apoiando a empresas do territorio. A diversificación da economía local e o apoio ao sector pesqueiro son as principais liñas de apoio para a xeración de maior dinamismo social e económico na zona costeira. Cómpre destacar que en 2019 se recibiron un total de 44 solicitudes de axuda, das cales 36 foron para investimentos produtivos xeradores de emprego.
Para máis información contactar con:
GALP Golfo Ártabro Norte. Toni Fernández (xerente) 636736788 981784417

4 de outubro de 2019

Máis de 500 escolares de Educación Primaria no Golfo Ártabro Norte están participando en ONDAS DE ILUSIÓNS–ESCOLAS DO MAR

Ás saídas en kaiak ao lado dos bancos marisqueiros, demostracións “in situ”de persoal experto nas confrarías de pescadores (traballo co raño e coñecemento de bivalvos), súmase agora a visita en familia ao museo da Sociedade de Historia Natural, estando aberto o prazo para inscribirse neste encontro.




O proxecto ONDAS DE ILUSIÓNS -ESCOLAS DO MAR está xestionado polo GALP GOLFO ÁRTABRO NORTE, que na súa terceira edición pretende “acadar unha maior concienciación sobre as repercusións do cambio climático e reducir o impacto sobre o territorio”, tal e como recolle a Estratexia de Desenvolvento Local Participativo nos seus obxectivos específicos. 

Así, lanza esta medida, de apoio a proxectos educativos “inmersivos”relacionados coa cadea de valorecoa participación dos profesionais do sector. Deste xeito, para a execución das actividades cóntase coa colaboración das Confrarías de Pescadores de Miño e de Pontedeume e a participación de biólogos traballadores destas entidades.

Por outra banda, e ademais de dar a coñecer os recursos mariños e a biodiversidade no eido mariño, a Estratexia persigue “potenciar o xurdimento dunha oferta turística completa e de calidade vinculada á actividade mariñeira”, promovendo actividades recreativas e deportivas acuáticas e subacuáticas; implicando nesta ocasiónaos clubes deportivos de Cabanas (KDM Ocio Activo) e o Clube Náutico de Miño.

Están a participar nesta edición 13 centros escolares da zona, dende os municipios de Ares, Ferrol, Fene, Neda, Narón, Mugardos e Pontedeume. 

As actuacións comezaron o pasado mes de xuño (curso escolar 2018/2019) e finalizarán durante o mes de outubro, xa nun novo curso escolar (2019/2020).

Os centros participantes no programa son:
  1. CEIP Os Casais (Fene)
  2. CPI A Xunqueira (Fene)
  3. CEIP Maciñeira (Neda)
  4. CRA de Narón (Narón)
  5. CEIP Piñeiros (Narón)
  6. CEIP Plurilingüe A Laxe (Ferrol)
  7. CEIP Juan de Lángara (Ferrol)
  8. CEIP Masdías (Ferrol)
  9. CEIP Recimil (Ferrol)
  10. CEIP Isaac Peral (Ferrol)
  11. CPI As Mirandas (Ares)
  12. CEIP Unión Mugardesa (Mugardos)
  13. CEIP Couceiro Freijomil (Pontedeume)

Ate o momento as accións realizadas consistiron en saídas en embarcacións polas rías de Ares e Betanzos, coa finalidade de que os escolares coñezan os deportes naúticos e recursos da zona. Ademais realizáronse obradoiros medioambientais sobre a emerxencia climática, coñecemento dos areais e especies mariñase dolabor dos traballadores e traballadoras do mar (como extraen as ameixas, para qué serven os poliquetos...)

As actividades están dirixidas ao alumnado de 3ºa 6º de Educación Primaria, e agora ábrese tamén ás familias dos nenos e nenas participantes, que poderán desfrutar dunha visita guiada por persoal experto no Museo da Natureza, da Sociedade Galega de Historia Natural. A visita será o sábado 19 de outubro a partir das 12,00 horas, cunha duración estimada de 1 ½hora.

Neste encontro, as persoas visitantes poderán contemplar resíduos fósiles, diversas coleccións de cunchas, o esquelete dunha balea, unha lura xigante e moitas máis sorpresas e curiosidades. 

Para poder efectuar esta visita, o alumnado dos centros participantes poderá acudir, previa inscrición, descargando un Formulario dispoñible na páxina web www.ondasdeilusions.es/descargas/.

Para máis información, poden contactar no email ondasdeilusions@gmail.com ou chamar ao teléfono 633.074.271 para realizar a reserva, xa que as prazas son limitadas e van por orde de recepción.



1 de outubro de 2019

Proposta de resolución provisional Xunta Directiva GALP Golfo Ártabro Norte 2ª fase adxudicación axudas 2019

A Xunta Directiva do GALP Golfo Ártabro Norte en reunión celebrada o 27 de setembro de 2019 en Miño, seleccionou provisionalmente os proxectos que considerou  prioritarios para a execución da súa Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo na 2ª fase de adxudicación de axudas da Convocatoria 2019, de conformidade cos criterios establecidos nesta, e no estipulado na “Orde de Axudas do 21 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das Estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas para os grupos de acción local do sector pesqueiro para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020, e se convocan as correspondentes ao ano 2019”.

Preme nos seguintes enlaces para ver as resolucións provisionais:




Esta proposta de resolución provisional de Xunta Directiva para proxectos produtivos e non produtivos da 2ª fase de adxudicación de axudas da Convocatoria 2019, non crea ningún dereito a favor do solicitante proposto, estando suxeita á dispoñibilidade orzamentaria de crédito para proxectos produtivos para esta 2ª fase de adxudicación de axudas da convocatoria 2019.

Outórgase un prazo de alegacións de 5 días hábiles contados dende a data da súa publicación no taboleiro de anuncios do GALP Golfo Ártabro Norte, que será o día 1 de outubro de 2019.


25 de setembro de 2019

Ondas de Ilusións - Escolas do Mar. Campaña de sensibilización escolar 2019

Ao comezar o novo curso, xa son varios os centros no Golfo Ártabro Norte que se suman ás saídas en kaiak polas nosas rías, dispostos a participar ademais nos obradoiros medioambientais que, nesta ocasión, estarán centrados no coñecemento dos animais mariños. 

Serán os seguintes coles: CIP As Mirandas, de Ares, CRA de Narón, CEIP Maciñeira, de Neda, CEIP A Laxe, CEIP Juan de Lángara e CEIP Isaac Peral, Ferrol. 

Por que durará tanto o verán? Falaremos disto durante a saída. 

Animádevos a descubrir outra visión da costa!


Campaña de sensibilización escolar que ten como obxectivo o coñecemento do medio mariño, a contaminación dos plásticos no mar, o cambio climático e biodiversidade, a pesca sustentable e os recursos pesqueiros. 

Lévase a cabo nas rías do Golfo Ártabro Norte, traballando nos municipios que teñen saída ao mar de Ares, Cabanas, Fene, Ferrol, Miño, Mugardos, Narón, Neda, Paderne e Pontedeume.

Toda a información en: https://ondasdeilusions.es/


Cinco centros educativos apúntanse á edición 2019 de Vidas Mariñeiras para facer curtas sobre o mundo do mar

Cinco centros educativos apúntanse á edición 2019 de Vidas Mariñeiras para facer curtas sobre o mundo do mar

Pontedeume, Ares, Mugardos, Narón e Ferrol. O Golfo Ártabro Norte será percorrido pola mirada de máis de oitenta escolares que se suman ó programa de formación audiovisual promovido polo Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro. O programa arranca o próximo 30 de setembro, adiantándose unha semana ó calendario previsto.

Inscripción pechada e cupo cuberto. O programa formativo en audiovisual Vidas Mariñeiras chegará este ano a cinco centros educativos da contorna que se suman á iniciativa posta en marcha no 2017 polo GALP Golfo Ártabro Norte. Entre os centros participantes hai dous veteranos no uso do audiovisual para contar o territorio: o CPI As Mirandas de Ares, que participa por segunda vez, e máis o IES Breamo de Pontedeume, que estivo en tódalas edicións. Para o resto dos centros será a súa primeira experiencia con Vidas Mariñeiras: IES Mugardos, IES Ferrol Vello e IES Terra de Trasancos, de Narón.

A idade dos escolares participantes vai dende os once ata os dezasete anos, coa implicación de profesorado de disciplinas como música, debuxo, historia e lingua galega. A formación arranca o luns 30 se setembro no IES Ferrol Vello, adiantandose unha semana ó plan previsto para poder atendar a demanda de tantos centros. De feito, é a primeira vez que se suman cinco participantes. A formación, que será moi practica, desenvolverase durante o mes de outubro, tempo no que se preparará un guión e plan de rodaxe. No mes de novembro rodaranse as pezas e a súa estrea está prevista para decembro de 2019 nun evento que pretende ser unha xornada de convivencia e celebración do mundo do mar.

Ademais da realización das curtametraxes, Vidas Mariñeiras tamén fará unha recollida de fotografías antigas na que se invitará a participar ó resto de centros educativos da zona. O obxectivo é crear un arquivo e unha exposición itinerante que difunda a memoria histórica do sector pesqueiro do Golfo Ártabro Norte.





17 de setembro de 2019

Vidas Mariñeiras inicia a creación dun fondo fotográfico histórico para recoller a memoria visual do Golfo Ártabro Norte





A iniciativa é un proxecto colaborativo destinado nun principio a centros educativos. Pretende recoller fotos antigas relacionadas co mundo do mar dos municipios de Paderne, Miño, Pontedeume, Cabanas, Fene, Ares, Mugardos, Neda, Narón e Ferrol para crear un álbum dixital e unha mostra itinerante.
A memoria fotográfica do mundo do mar. Ese é o tema da exposición que o GALP Golfo Ártabro Norte quere abordar coa posta en marcha dunha recollida de fotografías antigas. Nun principio, traballarase cos centros educativos dos municipios da contorna, se ben poderán recibirse fotografías achegadas dende calquera ámbito.
As imaxes conformarán un fondo fotográfico que será xestionado polo GALP e co que se fará un álbum dixital e unha mostra itinerante. Para achegar fotografías é necesario escanealas en formato jpg a 300 px e envialas por correo electrónico xunto con este FORMULARIO. O obxectivo é ter un rexistro documental o máis detallado posible da orixe da fotografía e dispor dos permisos de utilización da mesma. Dentro do prosible tratarase de ubicar a fotografía nun mapa, para crear unha ferramenta interactiva.
Para promover esta nova acción realizaránse presentacións polos centros educativos explicando os obxectivos deste proxecto colaborativo e dando unha breve formación sobre a importancia histórica da fotografía e a xestión de arquivos. As bases poden consultarse no CARTEL.



16 de setembro de 2019

Ábrese a inscripción da Edición 2019 do proxecto Vidas Mariñeiras, destinado á comunidade educativa do Golfo Ártabro Norte

A práctica audiovisual como forma de achegarse ó mundo do mar, conectar con el e contalo cunha mirada e relatos propios. Ese é o obxectivo do programa de formación audiovisual Vidas Mariñeiras destinado á alumnado de secundaria, bacharelato e mais FP, e que arranca o próximo 1 de outubro. 

Os centros de secundaria e formación profesional dos municipios de Ares, Miño, Mugardos, Pontedeume, Paderde, Cabanas, Neda, Fene, Narón e Ferrol poden sumarse un ano máis ó proxecto Vidas Mariñeiras que cumpre neste 2019 a súa terceira edición. 

O programa consiste en crear unha curtametraxe relacionada co mundo do mar para poñer en valor o patrimonio natural, social e histórico do mundo pesqueiro, creando novos vínculos co territorio que esperten unha curiosidade activa e transformadora na mocidade. 

A formación desenvólvese entre os meses de outubro e novembro, cunha sesión dobre cada semana e as curtametraxes serán estreadas en decembro no Teatro Jofre de Ferrol. O número máximo de centros cos que se traballará é de catro, cun grupo de entre 10 e 20 alumnos por centro. 

Pódense consultar as BASES que están na páxina web http://vidasmarineiras.gal/ e para participar é necesario cubrir o formulario de INSCRIPCIÓN

Calquera dúbida pode consultarse no teléfono 637 558 979 ou no correo  electrónico info@vidasmarineiras.com


12 de setembro de 2019

Cursos: Algas Galegas Tesouro do Mar e Herbas de Litoral

Cursos teórico/prácticos organizados pola Asociación de veciños de O Val " Os #Irmandiños" e que contan cunha axuda aprobada pola Consellería do Mar do Programa #FEMP 2014-2020, nesta #convocatoria 2019 e que foi tramitada no GALP GOLFO Artabro NORTE





2 de setembro de 2019

Incremento da actividade económica ligada ao mar no Golfo Ártabro Norte

A Consellería do Mar aprobou a adxudicación de axuda cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP 2014-2020) a 26 proxectos das 33 solicitudes de axuda presentadas no GALP Golfo Ártabro Norte, que ten a súa sede en MIÑO

O GALP Golfo Ártabro Norte aglutina o ámbito territorial de 10 concellos, dos que 2 son da comarca do Eume ( Cabanas e Pontedeume); 6 da comarca de Ferrol (Ferrol, Narón, Neda, Fene, Mugardos, Ares,) e 2  da comarca de Betanzos (Miño e Paderne).


A  Consellería do Mar estivo a enviar durante o mes de agosto, a cada un dos solicitantes destas axudas FEMP as resolucións co financiamento adxudicado definitivamente a cada unha das propostas de axuda que foron tramitadas neste GALP nesta Convocatoria 2019.

En total foron aprobados 18 proxectos produtivos e 8 non produtivos, repartidos por concellos, foron 4 proxectos en Ares, 5 e Mugardos, 2 en Paderne, 9 en Pontedeume, 2 en Miño, 3 en Narón e 1 proxecto en Fene.

En relación aos proxectos produtivos, o importe total subvencionado aprobado pola Consellería do Mar é de 751.210,92 €, oscilando as porcentaxes de financiamento entre o 45% ao 50% dos custes presentados subvencionables. A maior parte dos proxectos realizan o seu investimento durante este ano 2019. Tan só un proxecto realizará investimentos en 3 anualidades (construción de apartamentos turísticos) e 5 iniciativas posúen carácter bianual, finalizando as inversións no 2020.

As temáticas dos proxectos versan sobre a modernización da gastronomía mariñeira, a creación de novas prazas hoteleiras, melloras no postos nos mercados locais, na comercialización, envasados e etiquetados de produtos pesqueiros, ou mesmo a fabricación de produtos cerámicos ou souvenirs con motivos mariñeiros e ligados ao Camiño Inglés.

Isto constitúe unha boa nova, pois analizada a información, o GALP acolle -entre outros obxectivos- a mellora da competitividade do sector pesqueiro e a creación de emprego e oportunidades económicas. Con esta edición, dase unha previsión de creación de 25 postos de traballo (dos cales 12 son mulleres ou mocidade), ademais de consolidar 24 postos de traballo e se instalarán un total de 12 novos negocios no territorio.

En canto ás iniciativas aprobadas de carácter non produtivo, o importe total subvencionado aprobado pola Consellería do Mar é de 337.344,65 € sendo financiadas cada unha delas entre un 60% e un 100%, dependendo das puntuacións obtidas.  

Neste caso, trátase de iniciativas de promoción do patrimonio medioambiental, adquisición dun vehículo marisqueiro multifuncional para o desprazamento pola costa para a Confraría de Pescadores de San Telmo de Mugardos; Dinamización dos mercados e produtos locais promovido polo Concello de Mugardos,….. Destaca polo seu carácter innovador, unha iniciativa dunha entidade veciñal (Asociación de Veciños Os Irmandiños de Narón) que propuxo como proxecto a formación en temáticas relacionadas coas algas, coa idea de fomentar o emprendemento neste eido.
                    
Nova anualidade en 2021

Dende o GALP Golfo Ártabro Norte quérese destacar como novidade que, a maiores da próxima convocatoria de 2020, a Consellería do Mar ampliou este Programa do Fondo Europeo e Marítimo da Pesca FEMP 2014-2020, a unha nova convocatoria no 2021, polo que se poderán presentar solicitudes ata o 1 de marzo de 2021, 

Anímase ás persoas promotoras e entidades deste ámbito territorial a seguir presentando  iniciativas a través desta liña de axudas do fondo europeo

Para consultas e trámites poden  visitar e/ou contactar co equipo técnico emprazado na Casa do Pescador de Miño, Rúa Curro, 33, teléfono 981 784 417 e correo electrónico galp.mar.golfoartabronorte@xunta.gal.

Ampliación de crédito pola Consellería do Mar para o GALP Golfo Ártabro Norte, nesta convocatoria 2019 para proxectos produtivos

Tamén cabe sinalar que a Consellería do Mar, comunicou nestes días pasados unha ampliación de crédito para este Grupo, polo que nesta Convocatoria 2019, realizase unha nova fase de adxudicación de axudas, coas solicitudes presentadas dende o 2 de marzo ata o vindeiro domingo 1 de setembro, que por ser festivo poderanse presentar solicitudes a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (Procedemento PE155A) ata o luns día 2 de setembro.