19 de xuño de 2026

Mulleres do mar: tres xeracións de experiencia e futuro no marisqueo de Mugardos

Continuamos coa gravación da serie audiovisual impulsada polo GALP Golfo Ártabro Norte para dar visibilidade ao papel das mulleres no sector do mar e poñer en valor profesións fundamentais para o desenvolvemento das nosas comunidades costeiras.

Nesta ocasión desprazámonos ata a Confraría de Pescadores de Mugardos para coñecer de preto a realidade do marisqueo a pé a través das historias de Silvia Coba, Pili e Patricia, tres mulleres con traxectorias diferentes pero unidas pola mesma paixón polo mar.

Silvia incorporouse ao sector hai catro anos tras desenvolver a súa carreira profesional na hostalería. Na actualidade destaca a conciliación e a flexibilidade que lle ofrece o marisqueo para compatibilizar a vida laboral e familiar.

Xunto a ela participou tamén Pili, mariscadora con arredor de 25 anos de experiencia e unha forte vinculación familiar ao oficio, converténdose nun exemplo do coñecemento e da tradición transmitidos de xeración en xeración. A gravación completouse coa participación de Patricia, que leva oito anos desenvolvendo a súa actividade no mar e representa unha nova xeración de profesionais comprometidas co futuro do sector.

A través desta nova peza audiovisual pretendemos achegar á cidadanía unha visión máis próxima do traballo que realizan diariamente as mariscadoras, poñendo en valor non só a extracción de recursos, senón tamén o seu labor na conservación dos bancos marisqueiros, na sustentabilidade da actividade e no mantemento da economía local.

As súas historias permiten reflexionar sobre cuestións tan relevantes como o relevo xeracional, a conciliación laboral e familiar e o papel esencial das mulleres na cadea de valor do sector pesqueiro.

Moi pronto compartiremos o resultado desta nova gravación nas canles do GALP Golfo Ártabro Norte.

Esta iniciativa forma parte das actividades de animación e divulgación desenvolvidas polo GALP Golfo Ártabro Norte durante o ano 2026.

Ningún comentario:

Publicar un comentario