O pasado día 9 de xuño ten saído publicado no Diario Oficial de Galicia a orde que establece as bases reguladoras das subvencións a proxectos promovidos polos Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP) e a súa convocatoria para o presente ano.
Para este ano 2016 o prazo de presentación de solicitudes de axudas remata o día 9 de xullo, polo que, si a súa entidade, concello e/ou confraría está interesada en presentar algún proxecto no territorio do GALP Golfo Ártabro NORTE, poden chamar ao teléfono 699106156
A orde ten por obxecto regular as axudas a proxectos que presenten empresas, entidades representativas do sector pesqueiro, entidades públicas locais e asociacións declaradas de utilidade pública e outras entidades sen ánimo de lucro.
Así, ao abeiro desta convocatoria de subvencións, poderanse por en marcha iniciativas que contribúan á creación de empresas e xeración de emprego nas zonas costeiras, a aumentar o valor dos produtos da pesca e da acuicultura ao reforzo do papel das comunidades pesqueiras no desenvolvemento local e da gobernanza dos recursos pesqueiros e actividades marítimas locais. Ademais tamén serán subvencionables aqueles proxectos que fomenten a diversificación do sector –como pode ser o caso do turismo mariñeiro- e a conservación e valorización do patrimonio natural e cultural marítimo-pesqueiro.
A orde establece que os proxectos que se presenten poden ser “produtivos” e “non produtivos”. Os “produtivos” enfócanse como iniciativas que deben favorecer unha actividade de lucro potencial para promotor e os “non produtivos” son aqueles que non supoñen o inicio ou desenvolvemento dunha actividade económica.
Os interesados en presentar as solicitudes poden consultar os requisitos e a documentación esixida na orde publicada no DOG. Ademais poderán acceder ás estratexias dos GALP e aos modelos de memoria para a presentación de proxectos no seguinte enlace:
No caso de entidades públicas locais, a presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es .
No resto dos casos, as solicitudes deberán presentarse preferiblemente deste xeito. Opcionalmente, tamén se poderán presentar en soporte papel no rexistro de cada un dos GALP.