20 de xuño de 2019

Un total de 360 escolares de Educación Primaria no Golfo Ártabro Norte están participando en ONDAS DE ILUSIÓNS –ESCOLAS DO MAR


Aprenden a diferenciar ameixas e mexilóns autóctonos, concienciándose de que o seu consumo é fundamental para a economía mariñeira local














O pasado mes de maio lanzábase o programa ONDAS DE ILUSIÓNS –ESCOLAS DO MAR dende o GALP Golfo Ártabro Norte a todos os centros educativos públicos de Primaria (Ares, Cabanas, Fene, Ferrol, Miño, Mugardos, Narón, Neda, Paderne e Pontedeume) para ofertar diversas actividades no seo do programa de sensibilización escolar ONDAS DE ILUSIÓNS - ESCOLAS DO MAR.  Esta campaña ten como obxectivo o coñecemento do medio mariño e os recursos pesqueiros, a pesca sustentable, a contaminación dos plásticos no mar o cambio climático e a biodiversidade; nesta edición deuse prioridade ademais ao fomento de actividades deportivas naúticas.  

Durante este mes de xuño participou un total de 161 nenos e nenas de 3º a 6º de Primaria de colexios de Fene (CPI A Xunqueira, CEIP Plurilingüe Os Casais), Ferrol (CEP Manuel Masdías) e Pontedeume (CEIP Couceiro Freijomil). 





Para o mes de setembro xa están reservadas 200 prazas dende os colexios de Ares (CPI As Mirandas), Ferrol (CEIP A Laxe e CEIP Juan de Lángara), Narón (CRA de Narón) e Neda (CEIP de Maciñeira). Os centros que ainda non realizaron a súa inscrición están a tempo de facelo, antes do 15 de xullo, se ben as prazas son limitadas e urxe contactar co equipo técnico do programa, a través do e-mail ondasdeilusions@gmail.com,  no teléfono 633 074 271, debendo cumprimentar o formulario que está dispoñible na web www.ondasdeilusions.es. 

Nesta páxina pódese consultar máis información sobre as actividades de Ondas de Ilusións, no que se incorpora un caderno de bitácora con todas as anécdotas de cada saída ao mar: as saídas en kaiak polas rías de Ares e Betanzos, os obradoiros de sensibilización medioambiental sobre a nosa pegada ecolóxica e charlas sobre a diferenciación dos bibalvos autóctonos (ameixa fina) dos foráneos. Nestes encontros, o alumnado coñece as potencialidades da enerxia solar na potabilización das augas, as características físicas da contorna que visitan (estuarios, augas doces e salgadas) e familiarízase cos traballos que desenvolven as Confrarías de Pescadores relativos ás  medicións e controis do substrato, das augas, dos poliquetos submareais ou vermes de area que osixenan aos moluscos, amosando material e aparatos específicos e destacando o labor de defensa do medio mariño e da economía local.

O proxecto contou nesta primeira fase coa colaboración das Confrarías de Pescadores de Miño e Pontedeume e a participación do Clube Naútico Deportivo de Miño e o KDM de Cabanas.



12 de xuño de 2019

Participamos en directo na Radio Galega!!!, Ondas de Ilusións - Escolas do Mar




Onte, martes 11 de xuño ás 10,30h chegou o primeiro grupo de alumnado de 3º a 6º de Primaria do CEIP Os Casais de Fene, 28 nenos/as que descubriron a arte do marisqueo co raño e participaron na Radio Galega contando a súa experiencia de construción dun pasteurizador!, dentro da nosa actividade de animación e divulgación Ondas de Ilusións - Escolas do Mar.
Podedes escoitar aquí a Rocío, alumna do CEIP Os Casais, participando no obradoiro medioambiental no que comprobamos, entre outras cuestións, como a enerxía do sol transforma a temperatura da auga para modificar as características dos líquidos, dos alimentos… Minutos 17.00 a 24.50 do programa “Galicia por Diante”, Radio Galega.
VISITA A PÁXINA WEB DE ONDAS DE ILUSIÓNS - ESCOLAS DO MAR,  CON TODAS AS NOVIDADES PARA ESTE ANO 2019 E COMO PARTICIPAR NESTE PROGRAMA DE DIVULGACIÓN DIRIXIDO AO ALUMNADO DE PRIMARIA: https://ondasdeilusions.es/


10 de xuño de 2019

Escolares do Golfo Ártabro Norte coñecerán o traballo da pesca e do marisqueo dentro da propia ría

Varios grupos de 3º a 6º de primaria falarán cos mariscadores dende os propios kaiak

Estanse a ultimar as primeiras accións do programa ONDAS DE ILUSIÓNS – ESCOLAS DO MAR, que xa vai pola súa III Edición. 

Trátase dunha campaña escolar de sensibilización que ten como obxectivo o coñecemento do medio mariño e os recursos pesqueiros, a pesca sustentable, a contaminación dos plásticos no mar o cambio climático e a biodiversidade entre o alumnado de primaria.



Vendo a ría dende dentro e observando como se extrae o marisco

As próximas accións Terán lugar dende a Praia de Cabanas, os días 11, 12 e 13 de xuño e o 18 de xuño dende o Peirao de Miño, a partir das 10.00 horas, coa participación do CEIP Plurílingüe Os Casais (Fene); CPI A Xunqueira (Fene), CEIP Manuel Masdías (Ferrol) e CEIP Couceiro Freijomil (Pontedeume).

Nesta primeira quenda, perto de 200 nenos e nenas de entre 9 e 12 anos realizarán unha travesía en kaiak polo Río Eume, e as rías de Ares e Betanzos; continuando o programa durante o mes de setembro e estando aberto aos 36 centros públicos de Educación Infantil e Primaria dos 10 concellos do Golfo Artabro. 

Para solicitar máis información sobre o resto de actividades e realizar as reservas, pódese contactar a través do e-mail ondadeilusions@gmail.com ou contactar no teléfono 633074271. Tamén se pode consultar a información e descargar a documentación para adherirse ao programa na páxina web www.ondasdeilusions.es

ONDAS DE ILUSIONS está enmarcada no plan de acción relativo ao desenvolvemento da Estratexia de desenvolvemento local participativo do Golfo Artabro Norte, en concreto na medida "Apoio a proxectos educativos inmersivos relacionados coa cadea de valor, coa participación dos profesionais do sector".




Deste modo, o proxecto conta coa colaboración  das Contrarías  de  Pontedeume e Miño, que explicarán ao alumnado o seu traballo diario e as especies que recollen. Así, os escolares terán ocasión de ver faenar ás mariscadoras a pé e en embarcacións, vendo como extraen cos raños as ameixas, talarán con elas e verán o produto que entra a media mañá para a súa pesaxe e venda no peirao.
Dende o GALP do Golfo Artabro Norte salientan que este ano desexan potenciar as actividades naúticas da contorna e o deporte base, seguindo tamén a liña de actuación relativa ao xurdimento dunha oferta turística completa e de calidade vinculada á actividade mariñeira e a medida "Promoción de actividades recreativas e deportivas acuáticas e subacuáticas." 

Así o Clube Deportivo Naútico de Miño e o Clube Cabanas KDM serán os encargados de ensinar aos nenos e nenas a riqueza do patrimonio natural da ría, realizando paradas na cala de auga cristalina Amieiras (para os grupos de Cabanas) e coñecendo as características das mareas e o ecosistema da zona, con hábitats diferentes, as matogueiras, as pseudoestepas gramíneas ou os bosques aluviais. Tamén coñecerán e diferenciarán os distintos tipos de gaivotas (escura, chorona, patiamarela), o corvo mariño, a garza, a garzota, a píllara, o picapeixe... e a flora do lugar, chopos, pirixel e alhelí de mar, etc. e integrarase no Espazo Natural de Interese Local Esteiro do Río Baxoi (no caso do grupo que navegará dende o peirao de Miño).
Paralalamente ás saídas en kaiak, que se organizarán en pequenos grupos para poder realizar uns itinerarios guiados e informativos, o alumnado participará nuns obradoiros de carácter medioambiental, guionizados por pedagogos, no que os rapaces e rapazas adquirirán consciencia do tamaño real do problema e coñecerán algúns recursos imprescindibles para darse contado impacto real das nosas vidas no planeta, así como tamén aprenderán algunhas ferramentas que posibilitarán a transición a un modelo máis sostible. 

Aprenderán conceptos como sostibilidade, eficiencia, límites biofísicos, pegada ecolóxica, mochila ecolóxica, estimando o impacto que tén a súa propia pegada ecolóxica  e  poderán comparalo coa pegada dos seus compañeiros e compañeiras.

A pegada ecolóxica e cómo afecta ás nosas praias

Coñecerán os problemas socioambientais aos que nos enfrontamos e tamén as consecuencias dos mesmos. A contaminación das augas, a acumulación de lixo, os proxectos urbanísticos, etc, teñen un impacto no medio natural mariño e as nosas costas.

Xincana de reciclaxe

Xogo por equipos que consistirá en clasificar resíduos. A xincana constará de varias accións, nas que os equipos porán a proba non só os coñecementos sobre reciclaxe senón tamén a súa habilidade, motricidade, traballo en equipo...


Construción dun pasteurizador solar

Para materializar a aprendizaxe anterior, e facendo uso de materiais de refugallo (cartón, aluminio, periódicos, botes de plástico, etc), elaborarán un pequeno pasteurizador, qué é fundamental para lugares do  planeta que non teñen acceso a auga potable, pois con moi poucos recursos podemos eliminar os organismos presentes na auga a través da enerxía do sol.

Mostra dun forno solar

Ademais, ensinaremos un forno solar elaborado por nós con materiais de refugallo, e explicaremos o seu funcionamento.

5 de xuño de 2019

Embárcate nunha aventura golfa. Coñece os bechos da zona e fala coa xente do mar





Estreamos dentro do Programa dirixido a escolares do noso ámbito territorial, Ondas de Ilusións - Escolas do Mar,  unha nova campaña de sensibilización escolar que ten como obxectivo o coñecemento do medio mariño, a contaminación dos plásticos no mar, o cambio climático e biodiversidade, a pesca sustentable e os recursos pesqueiros. Lévase a cabo nas rías do Golfo Ártabro Norte, traballando nos municipios que teñen saída ao mar de Ares, Cabanas, Fene, Ferrol, Miño, Mugardos, Narón, Neda, Paderne e Pontedeume.

Este ano tamén ofertaremos ao alumnado por primeira vez Rutas en Kaiak polo río Eume e as rías de Ares e Miño en colaboración cos clubes deportivos emprazados na zona (Clube Deportivo Naútico de Miño e Clube Cabanas KDM), coñecendo as calas e o noso litoral dende outra perspectiva.

Como novidade a destacar contaremos cunha implicación máis directa na realización destas saídas con escolares das Confrarías de Pescadores e Pescadoras de Pontedeume e Miño, ademais de persoal técnico, que visitará ao alumnado, detallando aspectos sorprendentes do sector e do territorio.


Podes solicitar máis información e reservas en: 633 074 271  / ondasdeilusions@gmail.com


Segue o día a día das nosas actividades na páxina web 
Ondas de Ilusións - Escolas do Mar