O GALP Golfo Ártabro Norte celebrou recentemente un almorzo informativo con medios de comunicación no Centro Cívico de Canido (Ferrol), unha actividade incluída dentro do Plan de Animación da EDLP 2026.
A xornada serviu para facer balance de dez anos de traballo no territorio, coincidindo coa década de actividade do GALP Golfo Ártabro Norte desde o inicio da súa andaina en 2016. Unha década marcada pola colaboración entre o sector pesqueiro, as administracións públicas, o tecido asociativo e as empresas locais para impulsar o desenvolvemento sostible das nosas comunidades costeiras.
Durante o encontro puxéronse en valor os resultados acadados ao longo destes anos, nos que o GALP apoiou máis de 180 proxectos vinculados ao sector do mar e á economía azul. Iniciativas que contribuíron á creación de oportunidades, á diversificación económica, á innovación, á valorización do patrimonio marítimo e ao fortalecemento do tecido socioeconómico do territorio.
Os medios de comunicación tiveron tamén a oportunidade de coñecer de primeira man varios proxectos representativos dos ámbitos de actuación do GALP. Entre eles, iniciativas impulsadas polo Concello de Ferrol, a Confraría de Pescadores de Ferrol, o Taller Náutico Móbil Sande e a Panadería Patricio, exemplos de innovación, emprendemento, relevo xeracional e aproveitamento dos recursos locais.
Ademais, presentouse o proxecto de cooperación autonómica “Transformación e Valorización do Produto Pesqueiro”, liderado polo GALP Golfo Ártabro Norte xunto con outros seis GALP galegos. Esta iniciativa permitirá impulsar durante os anos 2026 e 2027 novas oportunidades vinculadas á transformación do produto pesqueiro, o emprendemento e a creación de valor engadido no sector.
Queremos agradecer especialmente a asistencia, o interese e a cobertura realizada por La Voz de Galicia, Diario de Ferrol, Ferrol360, COPE Ferrol, Cadena SER - Radio Ferrol e TV Ferrol. O seu labor resulta fundamental para achegar á cidadanía o impacto dos fondos europeos e visibilizar o traballo que realizan as entidades, empresas e profesionais que contribúen ao desenvolvemento do noso litoral.
Porque detrás de cada proxecto hai persoas, ideas e esforzos compartidos que axudan a construír o futuro do noso mar.



Ningún comentario:
Publicar un comentario