11 de novembro de 2026

Ostras do Ártabro» e «Ondas de saúde», no Catálogo de Boas Prácticas do FEMPA 2026

Dous proxectos do Golfo Ártabro Norte forman parte da segunda edición do Catálogo de Boas Prácticas en Desenvolvemento Local Participativo do FEMPA 2026, publicado pola Rede Española de Grupos de Pesca (REGP). O documento reúne 26 iniciativas de diferentes territorios costeiros de España.

Entre as experiencias seleccionadas figuran «Ostras do Ártabro» e «Ondas de saúde», dous proxectos que contaron co apoio do GALP Golfo Ártabro Norte na convocatoria de axudas FEMPA de 2025.

Ostras do Ártabro: poñer en valor os recursos do noso litoral

Promovido polas Confrarías de Pescadores de Pontedeume e Barallobre, este proxecto aposta pola valorización da ostra e polo aproveitamento dos recursos do noso litoral.

   

Ondas de saúde: actividade náutica e benestar

Promovido polo Club Deportivo Náutico de Miño, este proxecto combina a actividade náutica coa promoción da saúde e do benestar.

  
Dúas experiencias para compartir

A inclusión destas iniciativas no catálogo permite dar a coñecer o traballo das entidades promotoras e compartir as súas experiencias con outros territorios pesqueiros.

Desde o GALP Golfo Ártabro Norte felicitamos ás Confrarías de Pescadores de Pontedeume e Barallobre e ao Club Deportivo Náutico de Miño por este recoñecemento.

Animámosvos a consultar o catálogo e descubrir estas e outras iniciativas de desenvolvemento local participativo vinculadas ao mar.

VER CATÁLOGO

«A miña peixeira e máis eu»: a creatividade escolar achéganos ao mar e aos mercados

 


A exposición itinerante «A miña peixeira e máis eu» comezou o seu percorrido no Espazo Gastronómico da Peixería de Ucha, en Ferrol, onde pode visitarse ata o 12 de novembro.

A mostra forma parte do Plan de Animación 2026 do GALP Golfo Ártabro Norte e reúne debuxos e colaxes do certame escolar para poñer en valor o comercio local, o sector pesqueiro e marisqueiro e a nosa tradición mariñeira.

As creacións do alumnado comparten espazo con aparellos de pesca e marisqueo achegados polas confrarías, que enriquecen a exposición e permiten coñecer máis de preto os oficios do mar.

Un percorrido por Ferrol, Mugardos e Pontedeume

Durante o mes de novembro, a exposición poderá visitarse nos seguintes lugares:

  • Ferrol: Espazo Gastronómico da Peixería de Ucha, ata o 12 de novembro.

  • Mugardos: Mercado Municipal, do 16 ao 23 de novembro.

  • Pontedeume: Mercado de Pontedeume, do 24 ao 30 de novembro.

Unha mostra feita coa colaboración de moitas persoas



Desde o GALP agradecemos a colaboración dos Concellos de Ferrol, Mugardos e Pontedeume, das Confrarías de Pescadores de Ferrol, Mugardos e Pontedeume, pola achega dos aparellos de pesca e marisqueo, e da empresa local Galatea Ferrol SL.

Grazas tamén aos centros educativos participantes:

  • Ferrol: CEE Terra de Ferrol, CPR San Rosendo, CEIP de Esteiro e CEIP Juan de Lángara.

  • Mugardos: CEIP Unión Mugardesa.

  • Pontedeume: CEIP Plurilingüe de Andrade.

Agradecemos, ademais, a participación da candidatura espontánea do Estudo de Susana Bermejo, con alumnado do CPR San Rosendo, CPR Jesús Maestro e CEIP Cruceiro de Canido.

Convidámosvos a achegarvos á mostra, descubrir a mirada da infancia sobre o mundo do mar e coñecer os nosos mercados e o produto local!

Obradoiros para preparar novos proxectos vinculados ao sector do mar

 


Tes unha idea relacionada co sector do mar? Desde o GALP Golfo Ártabro Norte organizamos obradoiros formativos para axudarche a preparar o teu proxecto de cara á vindeira convocatoria de axudas do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).

As sesións forman parte do noso Plan de Animación e serán impartidas por Suso de la Fuente e Maica Freire, cunha duración estimada dunha hora e media cada unha.

Como elaborar e defender o meu proxecto

Este obradoiro está dirixido a persoas emprendedoras, empresas, concellos e asociacións que queiran desenvolver iniciativas vinculadas ao sector do mar.

Celebrarase o martes 17 de novembro de 2026, con tres opcións para participar:

  • Presencial, na Casa do Pescador de Miño, ás 10:30 h ou ás 12:00 h.

  • Online, ás 16:00 h.

Como difundir a convocatoria de axudas do GALP

O mércores 18 de novembro de 2026, ás 17:30 h, terá lugar unha sesión online dirixida aos membros da Xunta Directiva do GALP.

O obxectivo é facilitar ferramentas para dar a coñecer a convocatoria e captar novos proxectos no territorio.

Inscricións

Para participar, envía un correo a maicafreire@gmail.com, indicando a sesión e o horario que che interesan.

Anímate a participar e comparte esta información con quen poida ter unha idea por desenvolver!

21 de outubro de 2026

«Sente o Mar», iniciativa de turismo mariñeiro de Mugardos, recoñecida no Congreso Internacional de Pesca & Turismo

 

A experiencia de turismo mariñeiro posta en marcha pola mariscadora de Mugardos foi a máis votada na súa categoría durante o encontro celebrado en Sanxenxo.

O traballo e a ilusión de Silvia Coba, mariscadora de Mugardos, recibiron un novo recoñecemento. A súa iniciativa «Sente o Mar» foi distinguida na categoría de turismo mariñeiro no Congreso Internacional de Pesca & Turismo, celebrado en Sanxenxo.

Durante o congreso, Silvia tivo a oportunidade de presentar a súa experiencia xunto con outras propostas relacionadas co turismo mariñeiro. Despois das presentacións, as persoas asistentes participaron nunha votación na que «Sente o Mar» resultou gañadora na súa categoría.

Descubrir o marisqueo da man das súas protagonistas

«Sente o Mar» é unha iniciativa de turismo mariñeiro que xa está en marcha en Mugardos e que permite achegarse ao mundo do marisqueo a pé desde unha perspectiva diferente: a de quen coñece e vive esta actividade cada día.

A través desta experiencia, as persoas participantes poden descubrir as especies da ría, comprender a importancia das mareas e coñecer de primeira man o traballo das mariscadoras, os seus coñecementos e a súa vinculación co territorio.

Unha maneira de poñer en valor non só os produtos do mar, senón tamén as persoas, as tradicións e a cultura mariñeira que forman parte da identidade de Mugardos.

Unha iniciativa nacida da cooperación entre os GALP de Galicia

«Sente o Mar» naceu no marco de «Mar e Rías: Pesca & Turismo», un proxecto de cooperación no que participan os oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia, baixo a coordinación do GALP Ría de Pontevedra.

A través de actividades formativas e outras actuacións, o proxecto busca favorecer a creación de novas oportunidades para o sector pesqueiro mediante o turismo mariñeiro, aproveitando os coñecementos e a experiencia das persoas que traballan no mar.

O propio Congreso Internacional de Pesca & Turismo tamén forma parte desta iniciativa de cooperación e constitúe un espazo para compartir experiencias, intercambiar coñecementos e dar visibilidade a propostas que vinculan a pesca co turismo.

O recoñecemento a «Sente o Mar» é un exemplo das oportunidades que poden xurdir cando a formación e a cooperación se traducen en iniciativas reais, impulsadas polas propias persoas do sector.

Unha experiencia para vivir en Mugardos

Máis alá deste recoñecemento, «Sente o Mar» ofrece a oportunidade de descubrir o marisqueo desde dentro e coñecer unha parte fundamental da nosa cultura mariñeira.

Desde o GALP Golfo Ártabro Norte queremos felicitar a Silvia Coba polo seu traballo e por contribuír a dar visibilidade á profesión das mariscadoras e á riqueza do patrimonio mariñeiro de Mugardos.

Animámosvos a coñecer «Sente o Mar» e a descubrir a ría da man de quen mellor a coñece.

Proxecto de cooperación cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), coa participación da Consellería do Mar da Xunta de Galicia.

16 de outubro de 2026

O GALP Golfo Ártabro Norte comparte experiencias e proxectos co grupo de desenvolvemento rural e pesqueiro de Ibiza e Formentera

O pasado 7 de outubro recibimos no territorio do GALP Golfo Ártabro Norte a visita do Grupo de Acción para o Desenvolvemento Rural e Pesqueiro de Ibiza e Formentera (GALDREF), interesado en coñecer de primeira man diferentes iniciativas apoiadas con fondos europeos que contribúen ao desenvolvemento do sector pesqueiro e á dinamización do noso territorio.

A xornada permitiu compartir experiencias, coñecer proxectos xa realizados e outros que se están desenvolvendo, e intercambiar ideas sobre as oportunidades que ofrecen as axudas do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) para as comunidades costeiras.

Primeira parada: Pontedeume

A visita comezou en Pontedeume, onde o grupo foi recibido pola concelleira de Turismo, Promoción Económica e Emprego, Ángela Piñeiro, e polo primeiro tenente de alcalde e alcalde en funcións, José Simoes Couceiro.

Durante o encontro presentáronse diferentes iniciativas impulsadas polo Concello, entre elas o proxecto «Saberes e Sabores de Pontedeume», que contempla a creación dunha ruta mariñeira pola vila e accións formativas dirixidas ao sector pesqueiro e marisqueiro, co obxectivo de poñer en valor o patrimonio e a cultura vinculados ao mar.

O grupo tamén visitou a Panadería Patricio, un exemplo de como os investimentos apoiados polo GALP poden seguir dando lugar a novas iniciativas. Neste caso, coñeceron a aposta do establecemento por incorporar produtos do mar, como as algas, a novas elaboracións.

Ferrol: patrimonio mariñeiro e proxectos vinculados ao sector pesqueiro

A seguinte parada foi Ferrol, onde a delegada territorial da Xunta de Galicia, Martina Aneiros, deu a benvida aos participantes e destacou a importancia de Ferrol e da súa ría no territorio do Golfo Ártabro Norte.

Pola súa parte, Gabriela Bustabad, técnica de fondos europeos do Concello de Ferrol, explicou diferentes proxectos desenvolvidos para achegar o sector pesqueiro á cidadanía e contribuír á conservación e difusión do patrimonio mariñeiro da cidade.

Entre eles destacou «Nós Mariñeir@s», unha iniciativa centrada na posta en valor da identidade e da memoria mariñeira de Ferrol Vello, un barrio historicamente vinculado á actividade portuaria e pesqueira.

Coñecendo o traballo da Confraría de Pescadores de Ferrol

A xornada continuou cunha visita á lonxa e ás instalacións da Confraría de Pescadores de Ferrol, onde o patrón maior, Gustavo Chacartegui, acompañou ao grupo para amosarlle diferentes investimentos realizados co apoio do GALP.

Entre eles, a peixería situada na planta baixa da confraría, que permitiu incorporar a venda directa de produtos pesqueiros ao público, convertendo a entidade na primeira confraría do ámbito do Golfo Ártabro Norte en contar con este servizo.

Os participantes tamén coñeceron a aula mariñeira de formación e a depuradora, instalacións que contribúen a mellorar os servizos da confraría e a apoiar a actividade do sector.

Esta parte da visita permitiu coñecer de preto o traballo que desenvolven as confrarías e a importancia dos investimentos destinados á mellora das súas instalacións e servizos.

Compartir experiencias para seguir aprendendo

A visita do GALDREF foi unha oportunidade para mostrar o traballo que se está desenvolvendo no noso territorio e, ao mesmo tempo, intercambiar experiencias con representantes doutras zonas costeiras.

Desde o GALP Golfo Ártabro Norte valoramos especialmente estes encontros, que permiten coñecer outras realidades, compartir iniciativas e seguir aprendendo de proxectos que teñen un obxectivo común: apoiar o sector pesqueiro, poñer en valor o patrimonio mariñeiro e contribuír ao desenvolvemento dos nosos territorios.

💙 Grazas ao GALDREF pola visita e a todas as persoas e entidades que participaron na xornada e nos acompañaron para dar a coñecer estes proxectos.