21 de xullo de 2021

ABANCA e os GALP de Galicia estreitan a súa colaboración para facilitar o crédito e impulsar a sostibilidade do sector

 O banco redobra os esforzos para axustar o seu catálogo ás demandas do colectivo

A atención especializada e os produtos a medida, claves na proposta de valor que ABANCA ofrece ao colectivo a través da súa unidade ABANCA Mar

ABANCA e os Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP) de Galicia dan un novo impulso ao seu traballo conxunto. A entidade financeira e os GALP, Mariña-Ortegal, Golfo Ártabro Norte, Costa da Morte, Golfo Ártabro Sur, SEO Fisterra Ría de Muros-Noia, Ría de Arousa, Ría de Pontevedra e Ría de Vigo-A Guarda escenifican a súa colaboración cun novo convenio en materia financeira que inclúe novas alternativas de crédito, servizos adaptados ás súas necesidades e unha atención especializada. Un renovado marco que permite á entidade financeira e aos grupos de acción local impulsar o desenvolvemento da pesca, o marisqueo e a acuicultura da franxa litoral de Galicia.

Ao acto celebrado vía telemática nestes días pasados, acudiron o director de ABANCA Mar, Javier Fraga, e o coordinador de ABANCA Mar en Galicia, Miguel Ríos, así como outros representantes do banco nas distintas zonas que xestionan os GALP, nun acto telématico, cos oito representantes dos GALP de Galicia, nunha mostra da aposta que mantén a entidade financeira co sector primario galego.

Por parte do GALP Golfo Ártabro Norte, asistiron o seu presidente José Manuel Fernández Lage e a xerente María Antonia Fernández Abeledo.



Esta renovación conxunta de convenios pon o acento especialmente no financiamento dos proxectos presentados a estes grupos de acción local. Os profesionais do mar pertencentes aos GALP de Galicia e os proxectos presentados a estes organismos contarán con condicións melloradas na contratación de produtos de ABANCA tanto para poñer en marcha novos proxectos, como para  promover a mellora competitiva dos actuais. 

Ofrécense algunhas opcións como pólizas de crédito, préstamos persoais, anticipos de subvencións, leasing mobiliario, avais ou liñas de desconto e anticipos de financiamento sostibles.

ABANCA tamén ofrecerá outros produtos que pretenden mellorar a sostibilidade do sector. 

O texto tamén inclúe os seguros personalizados para este colectivo. Do mesmo xeito, desde as oficinas de ABANCA facilitarase a información relativa ás opcións de financiamento a través de convenios oficias que a entidade mantén con ICO, Igape e as SGR galegas.

Os distintos GALP da franxa litoral nacen co obxectivo de colaborar na gobernanza da súa zona de actuación. Estes grupos participan activamente na construción da capacidade organizativa da zona pesqueira e serve de núcleo de converxencia e representación de entidades e axentes socioeconómicos con interese no desenvolvemento integral e equilibrado da área. ABANCA conta cun especial compromiso co sector pesqueiro, logo da creación en 2016 de ABANCA Mar, unha división específica con produtos financeiros centrados no negocio da pesca e a conserva e que conta coa experiencia dun equipo de profesionais altamente cualificados.