28 de outubro de 2019

Representantes do Concello de Ferrol e do GALP Golfo Ártabro Norte acuden á Gala da II Edición dos Premios de Economía Azul, organizados pola Consellería do Mar

Parabéns aos 5 proxectos premiados nos Premios Economía Azul 2019!
.
1️⃣ 'Apoio á pesca artesanal' | 🥇‘Do mar á mesa: Depuración e punto de venda’, da Confraría de Pescadores de Cedeira (GALP A Mariña-Ortegal).


2️⃣ 'Creación de emprego' | 🥇 O proxecto premiado é Estela do Mar (GALP Ría de Vigo A Guarda).


3️⃣ 'Diversificación' | 🥇 ‘Obras de Restauración do Dique da Cabana e a súa contorna' do Concello de Ferrol (GALP GOLFO Artabro NORTE).


4️⃣ 'Innovación' | 🥇 'Planta de Produción de Aceite de Microalgas' de Carbiotech [GALP Costa da Morte].


5️⃣'Economía Circular' | 🥇'Produción de Mallas Protectoras biodegradables para cultivo do mexillón' de Ecoplas Barbanza [Galp Ría De Arousa].

E tamén parbéns a todos os finalistas porque para nós todos os proxectos son gañadores!






Procúrase recuperar e poñer en valor o dique "A Cabana", que ten un alto valor patrimonial e #cultural, e que estivo ligado nos seus orixes, e en boa parte da súa existencia, á actividade de asteleiro e carpintería de ribeira. Crearase, ademais, un espazo de interpretación das actividades e as tradicións mariñeiras que permitirá potenciar o seu coñecemento e concienciar á sociedade da importancia das actividades relacionadas co #mar.

23 de outubro de 2019

Representantes sectoriais do Golfo Ártabro Norte, reúnense na Casa do Pescador en Miño para avaliar a estratexia do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

 Entidades socias do GALP valoraron o traballo desenvolto na xestión do Fondo e marcaron prioridades para o que queda de período.


Todos os sectores coincidiron na necesidade de reforzar a dinamización do sector pesqueiro e procurar unha maior colaboración entre as institucións e entidades da zona costeira.


Representantes das mesas sectoriais que forman parte do GALP Golfo Ártabro Norte reuníronse o martes 22 de outubro en Miño para traballar na avaliación da estratexia e definir pautas para optimizar a xestión do programa de axudas, no que resta do período de fondos.
Pola mañá celebrouse a reunión da mesa do sector público na que estiveron presentes alcaldes, concelleiros e técnicos locais de oito dos concellos desta zona costeira. Dende os concellos fíxose unha valoración positiva do traballo desenvolto ata a data, comentando a necesidade de dinamizar ao tecido económico local para favorecer o emprendemento de pequenos negocios no conxunto dos concellos. 
Tamén se resaltou como reto a desenvolver o de cooperar co sector pesqueiro na promoción de proxectos, continuando coa labor de promoción e divulgación do Fondo.
A reunión do sector pesqueiro, centrou o debate nas dificultades que atravesa o mesmo para afrontar a posta en marcha dos proxectos. A redución de capturas que está sufrindo unha boa parte dos bancos marisqueiros da ría ferrolá e as dificultades para o financiamento de proxectos, lastran a presentación de solicitudes de axuda ao programa que xestiona o GALP. 
Sumado a isto considérase que hai que seguir esforzándose por incrementar a divulgación das axudas entre o conxunto de persoas que traballan no marisqueo e na pesca.
A última mesa en desenvolverse foi a do sector social e empresarial, na que participaron varias entidades do empresariado de Ferrolterra, entidades náutico-deportivas, de turismo, veciñais e do ámbito social. 
Dende o ámbito empresarial considerouse que o Fondo pode ser unha ferramenta moi útil para poñer en marcha proxectos de viveiros empresariais ou espazos de networking que axuden a persoas emprendedoras de negocios nesta zona costeira. Existe unha demanda importante de espazo e calquera iniciativa que axude á creación de emprego é moi importante para toda a comarca de Ferrolterra.



16 de outubro de 2019

Proposta de resolución DEFINITIVA 2ª fase adxudicación axudas 2019 Xunta Directiva GALP Golfo Ártabro Norte

1. A Xunta Directiva do GALP Golfo Ártabro Norte en reunión celebrada o 27 de setembro de 2019 en Miño, seleccionou provisionalmente os proxectos que considerou  prioritarios para a execución da súa Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo, de conformidade cos criterios establecidos nesta, e no estipulado na “Orde de Axudas do 21 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das Estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas para os grupos de acción local do sector pesqueiro para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020, e se convocan as correspondentes ao ano 2019”. (Resolución publicada o día 1 de outubro de 2019 nesta mesma páxina web e no taboleiro de anuncios do GALP Golfo Ártabro Norte)
2. Rematado o prazo de alegacións, e ao non recibir ningunha alegación, os membros da Xunta Directiva acordan que unha vez publicada a resolución provisional -segundo o Artigo 24 da Orde de 21 de decembro de 2018- e abrir un prazo de achegas de 5 días hábiles; no caso de non recibir alegacións ao respecto, quedarían aprobadas definitivamente as propostas da resolución provisional, elevando a público unha proposta de resolución definitiva de proxectos produtivos, sen necesidade de levar a cabo unha nova reunión de Xunta Directiva presencial, ao non existir alegacións nin modificacións de ningún aspecto nos acordos tomados nos diferentes proxectos nesta reunión, e que tiveran que ser novamente debatidos polos membros, tendo en conta o estipulado no artigo 24 da “Orde de Axudas do 21 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das Estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas para os grupos de acción local do sector pesqueiro para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020, e se convocan as correspondentes ao ano 2019”.
3. Preme nos seguintes enlaces para ver as resolucións DEFINITIVAS:
Esta proposta de resolución DEFINITIVA de Xunta Directiva para proxectos produtivos da 2ª fase de adxudicación de axudas da Convocatoria 2019, non crea ningún dereito a favor do solicitante proposto, estando suxeita á dispoñibilidade orzamentaria de crédito para proxectos produtivos  para esta convocatoria 2019.


Ampla participación das beneficiarias de axuda na avaliación intermedia do GALP Golfo Ártabro Norte.

  • Onte celebrouse en Miño a primeira reunión da avaliación intermedia, á cal asistiron preto de 30 persoas beneficiarias e interesadas nas axudas do FEMP.
  • O vindeiro martes día 22 de outubro celebraranse as mesas sectoriais de traballo, dirixidas ás entidades socias do GALP.
O martes 15 de outubro tivo lugar en Miño a reunión con beneficiarias do programa de axudas para facer a avaliación do seguimento da Estratexia de desenvolvemento local participativa do GALP Golfo Ártabro Norte.
Esta xuntanza enmárcase no proceso participativo que está desenvolvendo o GALP para a avaliación intermedia do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, no cal colabora coa Consellería do Mar para a súa posta en marcha.
Nesta reunión asistiron ao redor de trinta persoas que tiveron axuda do programa para a posta en marcha dos seus proxectos. Acudiron tamén persoas interesadas na presentación de proxectos, as cales fixeron unha valoración positiva da aprendizaxe que supuxo a reunión. Contouse coa participación de confrarías da zona, peixerías, vendedores do mercado, responsables de negocios de servizos para o sector e do ámbito do turismo, entre outros.
No desenvolvemento da reunión presentáronse os datos de execución financeira dende o comezo do programa no ano 2016 ata a actualidade. Destacouse a importante subida que experimentou o GALP na xestión de proxectos nas convocatorias de marzo e setembro deste ano, esta última, aínda pendente de resolución por parte da Consellería do Mar. Nesta zona, o programa do FEMP puxo a disposición dos promotores de proxectos, máis de 2,3 millóns de euros, o que supón a metade do orzamento que ten o GALP para axudas a proxectos.
No debate celebrado destacouse a importancia que ten este tipo de Fondos para dinamizar zonas costeiras como a do Golfo Ártabro Norte, contribuíndo deste xeito a mellorar o emprego e o seu dinamismo económico.
Este territorio ten un alto potencial que pode ser posto en valor a través de ferramentas como este Fondo.
Sinalouse a necesidade de impulsar ao sector pesqueiro, incidindo na promoción de iniciativas que poñan en valor os recursos, ao sector, e ao conxunto de empresas que traballan vinculadas ao mesmo.
Tamén se fixo unha valoración moi positiva do traballo que se desenvolve dende o GALP na atención ás persoas e entidades interesadas no programa de axudas.
O próximo martes día 22 de outubro terán lugar en Miño as reunións das mesas sectoriais, destinadas a recoller a opinión das entidades socias do GALP. Ás 12:00 horas será a reunión do sector público, ás 17:00 a do sector pesqueiro e ás 19:00 a de entidades sociais e empresariais.
Para máis información contactar con:
GALP Golfo Ártabro Norte.  Toni Fernández (xerente) 636 736 788 // 981784 417

10 de outubro de 2019

En marcha o plan de participación para a avaliación intermedia da Estratexia do FEMP do Golfo Ártabro Norte.


Despois de xestionar varias convocatorias do programa de axudas do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) é o momento de facer a avaliación intermedia do traballo desenvolto no Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Golfo Ártabro Norte.

Este proceso pretende reunir unha ampla participación de axentes e entidades do territorio, para o cal se van a realizar diferentes eventos coa finalidade recoller as achegas e opinións destes e mellorar a execución do programa de axudas na zona costeira.

O plan de participación contempla a realización de reunións con persoas beneficiarias do programa, reunións das Mesas Sectoriais e un Foro final de presentación de resultados, previsto para o mes de novembro. Tamén se contempla unha consulta institucional dirixida ao conxunto dos dez concellos que conforman o Golfo Ártabro Norte.

Reunion con beneficiarias: Martes 15 de outubro
Reunión das mesas sectoriais: Martes 22 de outubro
Foro  Novembro

Preténdese que este proceso sirva para mellorar a efectividade destes fondos no desenvolvemento social e económico da zona costeira, contribuíndo de maneira importante ao fomento do emprego e ao reforzo do sector pesqueiro é a preservación dos recursos pesqueiros. Analizarase a execución e a animación do programa, para valorar a súa relevancia nesta zona e poder establecer propostas e mellora.

Xestión do programa de axudas do FEMP 2014-2020.
Dende o inicio do programa de axudas no ano 2016, recibíronse no GALP 109 solicitudes de axuda de proxectos. Á espera das resolucións de setembro de 2019, por parte da Consellería do Mar, o GALP leva concedida financiación a proxectos por un importe superior aos 2,3 millóns de euros. Desta axuda, o 65% do importe destinouse ao financiamento de investimentos de carácter produtivo, apoiando a empresas do territorio. A diversificación da economía local e o apoio ao sector pesqueiro son as principais liñas de apoio para a xeración de maior dinamismo social e económico na zona costeira. Cómpre destacar que en 2019 se recibiron un total de 44 solicitudes de axuda, das cales 36 foron para investimentos produtivos xeradores de emprego.
Para máis información contactar con:
GALP Golfo Ártabro Norte. Toni Fernández (xerente) 636736788 981784417

4 de outubro de 2019

Máis de 500 escolares de Educación Primaria no Golfo Ártabro Norte están participando en ONDAS DE ILUSIÓNS–ESCOLAS DO MAR

Ás saídas en kaiak ao lado dos bancos marisqueiros, demostracións “in situ”de persoal experto nas confrarías de pescadores (traballo co raño e coñecemento de bivalvos), súmase agora a visita en familia ao museo da Sociedade de Historia Natural, estando aberto o prazo para inscribirse neste encontro.




O proxecto ONDAS DE ILUSIÓNS -ESCOLAS DO MAR está xestionado polo GALP GOLFO ÁRTABRO NORTE, que na súa terceira edición pretende “acadar unha maior concienciación sobre as repercusións do cambio climático e reducir o impacto sobre o territorio”, tal e como recolle a Estratexia de Desenvolvento Local Participativo nos seus obxectivos específicos. 

Así, lanza esta medida, de apoio a proxectos educativos “inmersivos”relacionados coa cadea de valorecoa participación dos profesionais do sector. Deste xeito, para a execución das actividades cóntase coa colaboración das Confrarías de Pescadores de Miño e de Pontedeume e a participación de biólogos traballadores destas entidades.

Por outra banda, e ademais de dar a coñecer os recursos mariños e a biodiversidade no eido mariño, a Estratexia persigue “potenciar o xurdimento dunha oferta turística completa e de calidade vinculada á actividade mariñeira”, promovendo actividades recreativas e deportivas acuáticas e subacuáticas; implicando nesta ocasiónaos clubes deportivos de Cabanas (KDM Ocio Activo) e o Clube Náutico de Miño.

Están a participar nesta edición 13 centros escolares da zona, dende os municipios de Ares, Ferrol, Fene, Neda, Narón, Mugardos e Pontedeume. 

As actuacións comezaron o pasado mes de xuño (curso escolar 2018/2019) e finalizarán durante o mes de outubro, xa nun novo curso escolar (2019/2020).

Os centros participantes no programa son:
  1. CEIP Os Casais (Fene)
  2. CPI A Xunqueira (Fene)
  3. CEIP Maciñeira (Neda)
  4. CRA de Narón (Narón)
  5. CEIP Piñeiros (Narón)
  6. CEIP Plurilingüe A Laxe (Ferrol)
  7. CEIP Juan de Lángara (Ferrol)
  8. CEIP Masdías (Ferrol)
  9. CEIP Recimil (Ferrol)
  10. CEIP Isaac Peral (Ferrol)
  11. CPI As Mirandas (Ares)
  12. CEIP Unión Mugardesa (Mugardos)
  13. CEIP Couceiro Freijomil (Pontedeume)

Ate o momento as accións realizadas consistiron en saídas en embarcacións polas rías de Ares e Betanzos, coa finalidade de que os escolares coñezan os deportes naúticos e recursos da zona. Ademais realizáronse obradoiros medioambientais sobre a emerxencia climática, coñecemento dos areais e especies mariñase dolabor dos traballadores e traballadoras do mar (como extraen as ameixas, para qué serven os poliquetos...)

As actividades están dirixidas ao alumnado de 3ºa 6º de Educación Primaria, e agora ábrese tamén ás familias dos nenos e nenas participantes, que poderán desfrutar dunha visita guiada por persoal experto no Museo da Natureza, da Sociedade Galega de Historia Natural. A visita será o sábado 19 de outubro a partir das 12,00 horas, cunha duración estimada de 1 ½hora.

Neste encontro, as persoas visitantes poderán contemplar resíduos fósiles, diversas coleccións de cunchas, o esquelete dunha balea, unha lura xigante e moitas máis sorpresas e curiosidades. 

Para poder efectuar esta visita, o alumnado dos centros participantes poderá acudir, previa inscrición, descargando un Formulario dispoñible na páxina web www.ondasdeilusions.es/descargas/.

Para máis información, poden contactar no email ondasdeilusions@gmail.com ou chamar ao teléfono 633.074.271 para realizar a reserva, xa que as prazas son limitadas e van por orde de recepción.



1 de outubro de 2019

Proposta de resolución provisional Xunta Directiva GALP Golfo Ártabro Norte 2ª fase adxudicación axudas 2019

A Xunta Directiva do GALP Golfo Ártabro Norte en reunión celebrada o 27 de setembro de 2019 en Miño, seleccionou provisionalmente os proxectos que considerou  prioritarios para a execución da súa Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo na 2ª fase de adxudicación de axudas da Convocatoria 2019, de conformidade cos criterios establecidos nesta, e no estipulado na “Orde de Axudas do 21 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das Estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas para os grupos de acción local do sector pesqueiro para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020, e se convocan as correspondentes ao ano 2019”.

Preme nos seguintes enlaces para ver as resolucións provisionais:




Esta proposta de resolución provisional de Xunta Directiva para proxectos produtivos e non produtivos da 2ª fase de adxudicación de axudas da Convocatoria 2019, non crea ningún dereito a favor do solicitante proposto, estando suxeita á dispoñibilidade orzamentaria de crédito para proxectos produtivos para esta 2ª fase de adxudicación de axudas da convocatoria 2019.

Outórgase un prazo de alegacións de 5 días hábiles contados dende a data da súa publicación no taboleiro de anuncios do GALP Golfo Ártabro Norte, que será o día 1 de outubro de 2019.