20 de outubro de 2023

Pescamos Ideas no territorio do Golfo Ártabro Norte

O Martes 17 tiveron lugar en Cabanas e Pontedeume as dúas primeiras xornadas divulgativas para dar a coñecer o programa de axudas do FEMPA (Fondos Europeos de Pesca e Acuicultura) para as anualidades 2023-2027 no noso territorio.

As axudas ascenden a máis de 4,6 millóns de euros para proxectos que se desenvolvan nos 10 concellos e as 6 confrarías que conforman o Golfo Ártabro Norte.

Se tes unha idea de negocio que pode contribuir a desenvolver a zona costeira ou poñer en valor os produtos pesqueiros garantindo a sostibilidade da actividade económica, contacta connosco nos teléfonos 981 784 417 / 636 736 788.

PRÓXIMA DATA O 7 DE NOVEMBRO,

· Ás 12:00h en Narón (Café Teatro Pazo da Cultura).

· ás 19:00h en Ferrol (Antigo Hospicio).




6 de outubro de 2023

“Pescamos ideas”, encontro empresarial en Narón

 O Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Norte organiza o encontro empresarial “Pescamos ideas”, que se desenvolverá hoxe venres, día 6, co fin de informar sobre o programa de axudas do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA). 

A convocatoria,  terá lugar ás 18.30 horas nas instalacións do Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros e está aberta á participación de pequenas e medianas empresas, asociacións, autónomos… interesados en solicitalas para acometer proxectos localizados no ámbito territorial de Narón, Neda, Fene, Mugardos, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Ferrol e Ares. 

A orde do 14 de setembro de 2023, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión destas axudas, está xa publicada no DOG, podendo consultarse no enlace:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230926/AnuncioG0427-150923-0....

As persoas interesadas en solicitar as axudas nesta convocatoria 2023 poderán facelo ata o día 26 deste mes de outubro, tal e como se especifica nas bases da convocatoria. 

Neste encontro empresarial, un equipo de profesionais informará máis polo miúdo sobre as mesmas, aos colectivos aos que se dirixen estas axudas, podendo realizar as consultas ao respecto que se estimen oportunas.

O GALP Golfo Ártabro ten previsto durante os meses de outubro e novembro celebrar xornadas divulgativas nos 10 concellos do seu ámbito territorial, co obxecto de dar a coñecer a orde de axudas recentemente publicada para presentar proxectos ao abeiro do Programa FEMPA 2021-2027 nesta convocatoria 2023 e vindeiras convocatorias; Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo- EDLP (Plan de acción; criterios de selección...), as novidades respecto ao programa anterior, así como aclarar as dúbidas que poidan xurdir ao respecto dos temas tratados.  

O martes 17 de outubro xa están confirmadas as previstas para os Concellos de Pontedeume e Cabanas.

En Cabanas en horario de mañá ás 12 horas na Escola Laica de Cabanas (Avda. de Laraxe, s/n - Cabanas).

En Pontedeume en horario de tarde  ás 19 horas na Casa da Cultura (Paseo de Raxoi, nº1 - Pontedeume)