23 de abril de 2026

O GALP Golfo Ártabro Norte avalía os avances da súa EDLP co tecido marítimo-pesqueiro e entidades vinculadas

As mesas de traballo celebradas en abril permitiron analizar o investimento realizado e definir novas liñas de actuación para o desenvolvemento sostible da zona costeira.

Dende o GALP Golfo Ártabro Norte levouse a cabo durante o mes de abril un proceso participativo de avaliación da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP), no que participaron activamente persoas, entidades e profesionais do ámbito marítimo-pesqueiro e entidades vinculadas da súa zona costeira, cuxa implicación resulta clave neste proceso.

Estas mesas de traballo constituíron un espazo fundamental para analizar os datos de investimento executados ata o momento, así como os avances acadados nas distintas liñas estratéxicas. A través deste proceso, recolléronse achegas e reflexións que contribuirán á definición das futuras actuacións no ámbito territorial.

A colaboración deste conxunto diverso de axentes da zona costeira resulta esencial para continuar impulsando proxectos que xeren valor engadido e favorezan un desenvolvemento sostible do territorio. Neste sentido, durante esta etapa materializáronse diversas iniciativas, entre as que destacan:

  • A modernización de equipamentos en peixerías e confrarías, así como a mellora da eficiencia enerxética.
  • A posta en valor do patrimonio marítimo e cultural.
  • O impulso de proxectos de diversificación profesional dirixidos á xente do mar.
  • O desenvolvemento de iniciativas orientadas á diversificación económica da zona costeira e á consolidación do territorio como destino turístico.

O GALP Golfo Ártabro Norte continuará traballando de maneira coordinada co conxunto de axentes do territorio para reforzar o impacto das actuacións e avanzar cara a un modelo de crecemento sostible e integrador.


Ningún comentario:

Publicar un comentario