19 de decembro de 2019

A Asemblea do GALP Golfo Ártabro Norte valida os traballos da avaliación da estratexia e define os principais retos para os vindeiros anos do programa.

A Asemblea validou os resultados da avaliación e posteriormente, en xornada aberta, definíronse os principais retos do GALP nesta zona costeira.

No acto presentouse tamén a Guía das Confrarías, para o cal se contou con representación dos diferentes pósitos da zona.

Rematado o ano 2019 conclúen os traballos da avaliación da EDLP que neste últimos meses estivo desenvolvendo o GALP. 

Neste proceso participaron máis de 50 persoas a título individual e en representación de diferentes colectivos. Na xornada do venres rexistrouse tamén unha alta participación, ao redor de 40 persoas; expuxéronse en detalle os resultados da execución do programa.

Dende o inicio do período ata a primeira convocatoria de 2019, o GALP prestou axuda por valor de 2,1 millóns de euros ás entidades do territorio, dos cales 1.117.964,28 euros foron para proxectos produtivos. Ambos tipos de proxectos xeraron un investimento, por parte de promotores, superior aos 4,8 millóns de euros. A nivel de emprego creáronse máis de 32 postos de traballo e puxéronse en marcha 12 novas empresas no territorio.

A execución do programa ronda o 50%, o cal implica que aínda queda orzamento dispoñible no que resta de programa. Neste sentido, fíxose unha chamada ás persoas asistentes, para que se animaran á presentación de proxectos, e contribuíran á divulgación do Fondo entre outros axentes. 

Para o GALP, o máis importante é que se incremente a presentación de proxectos, de carácter produtivo, vinculados ao sector pesqueiro, obxectivo este que cómpre reforzar e ao que se dirixirá de maneira moi directa a animación do programa. De feito, o GALP xa leva unha tempada reforzando a animación co sector, para o cal se reuniu con todas as confrarías da zona.

Os principais retos que se definiron teñen que ver con traballar na gobernanza dos recursos pesqueiros, potenciando a cooperación entre o sector pesqueiro. Preténdese incrementar o valor dos produtos pesqueiros, afondar nas problemáticas do medio mariño e promover melloras no ámbito da transformación e a comercialización dos produtos pesqueiros, para acadar maiores rendas para o sector. Tamén se considera necesario que dende o sector público se traballe na liña da mellora ambiental da zona costeira e se potencie o traballo en rede tanto entre concellos, como entre estes e as confrarías, por exemplo.

Animouse tamén a que os concellos continúen coa divulgación do programa, centrando o foco nos proxectos produtivos.

Por último, o GALP quere incrementar a base de entidades socias, en representación dos intereses sociais e económicos da zona costeira, para o cal se fará un traballo de dinamización coas mesmas. 


3 de decembro de 2019

Encontros dinamizadores coas confrarías do Golfo Ártabro Norte

Durante esta semana continúan os encontros dinamizadores coas confrarías de pescadores do ámbito territorial do Golfo Ártabro Norte: Miño, Pontedeume, Ares, Mugardos, Barallobre e Ferrol. 

O vindeiro mércores día 4 é a reunión coa Confraría de Miño, a cal se celebrará nas súas instalacións, no Porto de Miño, a partir das 9:30 horas da mañá. O xoves día 5 reunirémonos na Confraría de Ferrol ás 10:00 horas. 

No marco do proxecto de dinamización do sector pesqueiro, estes encontros pretenden animar aos colectivos do sector pesqueiro á presentación de iniciativas no marco do programa de axudas do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, que xestiona o GALP Golfo Ártabro Norte. 

As principais liñas de traballo, ate o de agora, centran o esforzo na posta en valor dos recursos pesqueiros, especialmente no que se refire ao marisqueo e á pesca costeira artesanal. 




As principais ideas de proxectos teñen que ver coa transformación do produto e a revalorización da cadea valor dos mesmos, mellorando procesos de trazabilidade e a loxística do produto. Por outra banda, existe tamén unha importante preocupación coa sostibilidade dos recursos marisqueiros na zona, que nos últimos anos están experimentando un descenso nas capturas

Os encontros dinamizadores son abertos ás profesionais do sector do conxunto de confrarías desta zona costeira. Nos próximos días realizaranse uns talleres de traballo co obxectivo de ir perfilando potenciais ideas de proxectos para impulsar nesta zona, que centren o esforzo en valorizar os produtos da pesca, e reforzar a innovación e a sostibilidade do sector.

Preténdese que este proceso sirva para mellorar a efectividade destes fondos no desenvolvemento social e económico da zona costeira, contribuíndo de maneira importante ao fomento do emprego e ao reforzo do sector pesqueiro é a preservación dos recursos pesqueiros.