Continuamos a nosa folla de ruta visitando proxectos que representan o presente e o futuro do noso sector pesqueiro. Nesta ocasión estivemos na Peixería Marita, no barrio de Ultramar (Ferrol), coñecendo de preto a evolución dun negocio familiar que soubo adaptarse aos novos tempos sen perder a súa esencia.
Ao fronte da peixería están Marita e Jose, cunha vida enteira ligada ao mar e ao comercio de proximidade. Marita, filla de peixeiros, medrou entre caixas de peixe e mostradores, mantendo viva unha tradición familiar baseada no produto fresco, a confianza e o trato próximo coa clientela.
O regreso ás raíces
A peixería vive agora unha nova etapa grazas á incorporación de Andrea, a súa filla, que decidiu regresar ao negocio familiar tras anos exercendo como mestra de inglés.
A súa chegada supuxo un importante impulso para o establecemento, combinando a experiencia e coñecemento da familia cunha visión moderna adaptada ás novas formas de consumo.
Dixitalización e novas formas de conectar
Un dos aspectos máis destacados desta transformación é a aposta pola comunicación dixital. Andrea encárgase de gravar vídeos diarios amosando o produto fresco dispoñible cada mañá, creando unha conexión directa e próxima coa súa clientela a través das redes sociais e das mensaxes diarias.
Ademais, tamén xestiona os pedidos desde primeira hora, organizando unha atención máis áxil, personalizada e adaptada ao ritmo de vida actual.
Innovación sen perder a esencia
A peixería está tamén a explorar novas liñas de negocio mediante produtos transformados, envasados e fileteados preparados para facilitar o consumo diario sen renunciar á calidade do produto local.
Todo isto convive coa esencia dunha peixería tradicional de barrio, onde o coñecemento da clientela, a confianza e o trato humano continúan sendo parte fundamental do negocio.
Durante a visita puidemos gravar parte do seu traballo diario e coñecer máis de preto a historia dunha familia que representa perfectamente como tradición e innovación poden ir da man para garantir o futuro do sector.
Moi pronto compartiremos os vídeos desta xornada nas nosas canles, dando visibilidade ao labor das mulleres e das familias que forman parte da nosa cultura mariñeira.
.jpeg)


Ningún comentario:
Publicar un comentario