Onte estivemos en Miño acompañando ás mariscadoras a pé da confraría durante unha nova xornada de gravación do proxecto audiovisual impulsado polo GALP Golfo Ártabro Norte para dar visibilidade ás Mulleres do Mar e ao papel fundamental que desempeñan no sector pesqueiro e na conservación do medio mariño.
A gravación desenvolveuse no banco marisqueiro de Bañobre, onde actualmente se extrae principalmente ameixa fina e xapónica. Durante a visita tivemos a oportunidade de coñecer de preto o traballo diario de Carmiña, mariscadora desde o ano 1998 e unha das socias con máis experiencia da confraría, e tamén de Begoña, que leva oito anos dedicada ao marisqueo a pé.
Ao longo da xornada falamos da evolución do oficio e dos cambios vividos no sector nas últimas décadas. Carmiña explicábanos como, nos seus inicios, a maior parte das persoas que traballaban no marisqueo a pé eran mulleres, unha realidade que foi mudando co paso do tempo ata o punto de que actualmente apenas quedan catro mulleres na confraría.
Outro dos aspectos abordados durante a conversa foi a conciliación. Tanto Carmiña como Begoña destacaron que o marisqueo a pé ofrece certa flexibilidade horaria, permitindo compatibilizar a actividade profesional coa vida familiar e o coidado dos fillos, unha cuestión especialmente importante para moitas mulleres do sector.Ademais da extracción de marisco, as mariscadoras realizan importantes tarefas de conservación e coidado dos bancos marisqueiros. Durante estes días estaban centradas en labores de vixilancia e na retirada de ostra invasora, unha acción fundamental para protexer o ecosistema e garantir a sustentabilidade da actividade.
As profesionais explicaron tamén como anos atrás o berberecho era abundante nesta zona, antes da aparición dunha enfermidade que afectou gravemente á especie, modificando a realidade produtiva do banco marisqueiro.
A través deste proxecto audiovisual, o GALP Golfo Ártabro Norte continúa traballando na posta en valor das profesións ligadas ao mar, visibilizando historias reais que reflicten o esforzo, coñecemento e compromiso das persoas que forman parte da nosa cultura mariñeira.
Ningún comentario:
Publicar un comentario