25 de maio de 2026

O GALP Golfo Ártabro Norte participa na Sesión Plenaria da REGP 2026 en Cataluña

A semana pasada, o GALP Golfo Ártabro Norte participou na Sesión Plenaria da Rede Española de Grupos de Pesca (REGP) 2026, celebrada do 19 ao 21 de maio en L’Escala, Roses e Palamós (Cataluña).

O encontro estivo organizado pola Secretaría General de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, en colaboración coa Generalitat de Catalunya e o GALP Costa Brava, e reuniu a máis de cen profesionais vinculados ao Desenvolvemento Local Participativo (DLP) no marco do FEMPA.

Durante estas xornadas desenvolvéronse diferentes sesións de traballo, mesas de debate e visitas técnicas orientadas ao intercambio de experiencias, boas prácticas e ferramentas de avaliación das estratexias DLP impulsadas polos GALP en todo o territorio.

Entre os temas abordados destacaron a pesca costeira artesanal, o futuro marco financeiro europeo 2028-2034, o papel estratéxico dos GALP no desenvolvemento das comunidades costeiras e os retos vinculados á economía azul, á sostibilidade ambiental, á inclusión social e á valorización do patrimonio marítimo-pesqueiro.

As persoas asistentes tiveron tamén a oportunidade de coñecer diferentes proxectos impulsados no territorio catalán relacionados coa innovación, a sostibilidade portuaria, o turismo mariñeiro, o deporte inclusivo e a recuperación do patrimonio marítimo local.

A participación neste tipo de encontros resulta fundamental para fortalecer redes de cooperación entre territorios, compartir coñecemento e continuar avanzando cara a comunidades costeiras máis resilientes, sostibles e conectadas co mar.


🔗 Toda a información sobre a Sesión Plenaria da REGP 2026 pode consultarse na seguinte ligazón:

Ningún comentario:

Publicar un comentario