7 de maio de 2026

Mulleres do mar, produto de proximidade e futuro do sector na Lonxa de Ferrol

 Esta semana comezaron as gravacións do novo programa de divulgación impulsado polo GALP Golfo Ártabro Norte, unha iniciativa coa que queremos achegar á cidadanía as historias das mulleres que forman parte esencial do sector pesqueiro e que fan posible que o mellor produto do noso mar chegue cada día ás nosas mesas.

A primeira xornada de gravación tivo lugar na Lonxa de Ferrol, onde as protagonistas foron as mulleres da peixería da lonxa e o alumnado do Programa Integrado de Emprego do Concello de Ferrol, que se está a formar para contribuír ao futuro do sector.

Este será o primeiro dunha serie de vídeos nos que abordaremos a importancia de diversificar o sector, transformar o produto e poñer en valor a calidade do peixe e marisco de proximidade. Durante a visita á peixería da lonxa puidemos coñecer de preto produto fresco como percebe, rape, cabracho, lirios, pescada e ameixa, entre outros exemplos da calidade 100% Ártabra.

Unha das protagonistas desta primeira gravación foi Elsa, coñecida polos seus vídeos diarios cos frescos do día desde a tenda da lonxa. As persoas interesadas en recibir estas actualizacións por WhatsApp poden gardar o número da Confraría de Pescadores de Ferrol nos seus contactos e enviar unha mensaxe solicitando a alta na súa lista de distribución.

Desde o GALP Golfo Ártabro Norte seguiremos compartindo novos relatos, gravacións e testemuños que amosen o valor do noso sector do mar, o papel das mulleres e a riqueza do produto local.

Ningún comentario:

Publicar un comentario