12 de xuño de 2026

Carmiña e Begoña: dúas historias de marisqueo na Confraría de Pescadores de Miño

O marisqueo é moito máis ca unha actividade económica. Detrás de cada xornada de traballo hai esforzo, coñecemento do medio, adaptación ás mareas e tamén a necesidade de compatibilizar a vida profesional coa familiar.

Neste vídeo, realizado en 2026 dentro das actividades de animación e divulgación do GALP Golfo Ártabro Norte, Carmiña e Begoña, mariscadoras da Confraría de Pescadores de Miño, comparten a súa experiencia e achegan a súa visión sobre o traballo que desenvolven nas nosas rías.

A través dos seus testemuños coñecemos mellor a realidade do marisqueo, a importancia deste oficio para o territorio e o papel fundamental das mulleres vinculadas ao sector do mar.




1 de xuño de 2026

Son peixeira! O orgullo dun oficio e o valor da remuda xeracional no sector do mar

Continuamos coa serie de pílulas audiovisuais impulsadas polo GALP Golfo Ártabro Norte para dar visibilidade ás mulleres referentes do sector marítimo-pesqueiro e poñer en valor os oficios que contribúen ao desenvolvemento das nosas comunidades costeiras.

Nesta ocasión visitamos a Peixería Marita, no barrio de Ultramar (Ferrol), onde coñecemos a historia dunha profesional que asumiu con orgullo o relevo xeracional dun negocio familiar vencellado á comercialización dos produtos do mar.

A través do seu testemuño descubrimos a importancia dun oficio fundamental na cadea de valor da pesca, así como o compromiso, a experiencia e a dedicación que hai detrás do comercio de proximidade. Un exemplo inspirador que amosa como as novas xeracións contribúen a manter vivo o vínculo entre o mar, os barrios e a economía local.

Esta peza audiovisual forma parte das actividades de animación e divulgación que o GALP Golfo Ártabro Norte está a desenvolver durante a anualidade 2026. A iniciativa ten como obxectivo poñer en valor as profesións vinculadas ao mar, visibilizar o papel das mulleres na cadea mar-industria e dar a coñecer referentes que contribúan a fortalecer a identidade mariñeira do territorio e a favorecer a remuda xeracional no sector.


▶️ Xa podes ver o vídeo completo no noso canal de youtube: 

https://youtu.be/zkcAdiqIo7Q