O 5 de xullo celebraranse as primeiras reunións do GALP Golfo Ártabro Norte, abertas á implicación de axentes locais e persoas que a título individual queiran guiar este proxecto
Candieira, a rede de apoio e promoción das mulleres do
mar en Galicia, prepárase para dar o seu pistoletazo de saída. Este proxecto de
cooperación promovido polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP)
Ría de Pontevedra, Golfo Ártabro Norte, Costa da Morte, Seo de Fisterra-Ría
Muros-Noia Costa Sostible, Ría de Arousa e Ría de Vigo-A Guarda, nace para
alentar e acompañar o emprendemento das mulleres nas zonas costeiras dos
territorios dos GALP participantes.
A zona do GALP Golfo
Ártabro Norte, que comprende os concellos de Paderne, Neda, Narón, Pontedeume, Mugardos, Miño, Ferrol, Fene, Cabanas e Ares, celebrará os seus primeiros
encontros o mércores 5 de xullo. A primeira xuntanza, o ENCONTRO
INSTITUCIONAL, será na Casa do Pescador de Miño (ao carón do Cuartel
da Garda Civil, R/ do Curro, 33), ás 13:30 e busca a implicación de
responsables políticos e técnicos de diferentes áreas: desenvolvemento local,
igualdade, emprego, xuventude, cultura, etc. Nel presentarase Candieira,
compartiranse as necesidades do proxecto e recolleranse as achegas dos axentes
da zona.
Xa pola tarde, ás 18:30 no
mesmo lugar, terá lugar o ENCONTRO SOCIAL, aberto a confrarías, entidades
sociais e empresariais, asociacións culturais, ambientais e persoas a título
individual que queiran implicarse no proxecto.
Un grupo motor en cada zona
Durante a primeira quincena
de xullo seguirán a celebrarse encontros en varias localidades para dar a
coñecer o proxecto ás entidades e axentes locais, cuxa participación é
fundamental para desenvolver Candieira. As xuntanzas están abertas á
participación de toda a sociedade, especialmente a daquelas persoas que
traballen na promoción da igualdade, que pertenzan ao sector pesqueiro,
patrimonial, cultural e ambiental ou que estean vinculadas ao ámbito do
emprendemento e a innovación. O obxectivo último é a constitución dun grupo
motor en cada territorio, que se encargará de dinamizar e guiar o proceso
entre este ano e o que vén, e á súa vez favorecer a incorporación de novos
axentes.
Entre setembro deste ano e
abril de 2018 programaranse “laboratorios” ou obradoiros prácticos de impulso
ás iniciativas que nazan e medren ao abeiro do Candieira.
Estes espazos de
creación alentarán a posta en marcha de proxectos baixo unha perspectiva Maker
(aprender a través da experiencia).
A inscrición, de balde, dirixirase a
mulleres emprendedoras dispostas a mergullarse na xeración de experiencias
innovadoras e intercambiar saberes e coñecementos, ao tempo que se vai tecendo
unha rede de traballo colaborativa entre elas.
A previsión é que en maio de
2018 esta rede de apoio e de traballo compartido das mulleres da costa galega
estea consolidada e que se manteña ao longo do tempo.
Presentación oficial
O pasado 6 de xuño tiña lugar a presentación oficial do proxecto,
que contou coa presenza e apoio da conselleira do Mar, Rosa Quintana, en Marín.
Este exercicio de cooperación laboral entre os 56
municipios costeiros que conforman os seis GALP participantes, e que van desde
A Guarda ata Narón, conta cunha axuda da Consellería do Mar, no marco da
convocatoria deste ano, destinada a proxectos de cooperación interterritoriais
e transnacionais dos GALP.
Máis información sobre o proxecto na páxina web:
Ningún comentario:
Publicar un comentario