11 de novembro de 2026

«A miña peixeira e máis eu»: a creatividade escolar achéganos ao mar e aos mercados

 


A exposición itinerante «A miña peixeira e máis eu» comezou o seu percorrido no Espazo Gastronómico da Peixería de Ucha, en Ferrol, onde pode visitarse ata o 12 de novembro.

A mostra forma parte do Plan de Animación 2026 do GALP Golfo Ártabro Norte e reúne debuxos e colaxes do certame escolar para poñer en valor o comercio local, o sector pesqueiro e marisqueiro e a nosa tradición mariñeira.

As creacións do alumnado comparten espazo con aparellos de pesca e marisqueo achegados polas confrarías, que enriquecen a exposición e permiten coñecer máis de preto os oficios do mar.

Un percorrido por Ferrol, Mugardos e Pontedeume

Durante o mes de novembro, a exposición poderá visitarse nos seguintes lugares:

  • Ferrol: Espazo Gastronómico da Peixería de Ucha, ata o 12 de novembro.

  • Mugardos: Mercado Municipal, do 16 ao 23 de novembro.

  • Pontedeume: Mercado de Pontedeume, do 24 ao 30 de novembro.

Unha mostra feita coa colaboración de moitas persoas



Desde o GALP agradecemos a colaboración dos Concellos de Ferrol, Mugardos e Pontedeume, das Confrarías de Pescadores de Ferrol, Mugardos e Pontedeume, pola achega dos aparellos de pesca e marisqueo, e da empresa local Galatea Ferrol SL.

Grazas tamén aos centros educativos participantes:

  • Ferrol: CEE Terra de Ferrol, CPR San Rosendo, CEIP de Esteiro e CEIP Juan de Lángara.

  • Mugardos: CEIP Unión Mugardesa.

  • Pontedeume: CEIP Plurilingüe de Andrade.

Agradecemos, ademais, a participación da candidatura espontánea do Estudo de Susana Bermejo, con alumnado do CPR San Rosendo, CPR Jesús Maestro e CEIP Cruceiro de Canido.

Convidámosvos a achegarvos á mostra, descubrir a mirada da infancia sobre o mundo do mar e coñecer os nosos mercados e o produto local!

Obradoiros para preparar novos proxectos vinculados ao sector do mar

 


Tes unha idea relacionada co sector do mar? Desde o GALP Golfo Ártabro Norte organizamos obradoiros formativos para axudarche a preparar o teu proxecto de cara á vindeira convocatoria de axudas do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).

As sesións forman parte do noso Plan de Animación e serán impartidas por Suso de la Fuente e Maica Freire, cunha duración estimada dunha hora e media cada unha.

Como elaborar e defender o meu proxecto

Este obradoiro está dirixido a persoas emprendedoras, empresas, concellos e asociacións que queiran desenvolver iniciativas vinculadas ao sector do mar.

Celebrarase o martes 17 de novembro de 2026, con tres opcións para participar:

  • Presencial, na Casa do Pescador de Miño, ás 10:30 h ou ás 12:00 h.

  • Online, ás 16:00 h.

Como difundir a convocatoria de axudas do GALP

O mércores 18 de novembro de 2026, ás 17:30 h, terá lugar unha sesión online dirixida aos membros da Xunta Directiva do GALP.

O obxectivo é facilitar ferramentas para dar a coñecer a convocatoria e captar novos proxectos no territorio.

Inscricións

Para participar, envía un correo a maicafreire@gmail.com, indicando a sesión e o horario que che interesan.

Anímate a participar e comparte esta información con quen poida ter unha idea por desenvolver!