Todos
os sectores coincidiron na necesidade de reforzar a dinamización do sector
pesqueiro e procurar unha maior colaboración entre as institucións e entidades
da zona costeira.
Representantes das mesas sectoriais que
forman parte do GALP Golfo Ártabro Norte reuníronse o martes 22 de outubro en
Miño para traballar na avaliación da estratexia e definir pautas para optimizar
a xestión do programa de axudas, no que resta do período de fondos.
Pola mañá celebrouse a reunión da mesa do
sector público na que estiveron presentes alcaldes, concelleiros e técnicos
locais de oito dos concellos desta zona costeira. Dende os concellos fíxose
unha valoración positiva do traballo desenvolto ata a data, comentando a necesidade
de dinamizar ao tecido económico local para favorecer o emprendemento de
pequenos negocios no conxunto dos concellos.
Tamén se resaltou como reto a
desenvolver o de cooperar co sector pesqueiro na promoción de proxectos,
continuando coa labor de promoción e divulgación do Fondo.
A reunión do sector pesqueiro, centrou o
debate nas dificultades que atravesa o mesmo para afrontar a posta en marcha
dos proxectos. A redución de capturas que está sufrindo unha boa parte dos
bancos marisqueiros da ría ferrolá e as dificultades para o financiamento de
proxectos, lastran a presentación de solicitudes de axuda ao programa que
xestiona o GALP.
Sumado a isto considérase que hai que seguir esforzándose por
incrementar a divulgación das axudas entre o conxunto de persoas que traballan
no marisqueo e na pesca.
A última mesa en desenvolverse foi a do
sector social e empresarial, na que participaron varias entidades do
empresariado de Ferrolterra, entidades náutico-deportivas, de turismo, veciñais
e do ámbito social.
Dende o ámbito empresarial considerouse que o Fondo pode
ser unha ferramenta moi útil para poñer en marcha proxectos de viveiros
empresariais ou espazos de networking que axuden a persoas emprendedoras de
negocios nesta zona costeira. Existe unha demanda importante de espazo e
calquera iniciativa que axude á creación de emprego é moi importante para toda
a comarca de Ferrolterra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario