Durante esta semana continúan os encontros dinamizadores coas confrarías de pescadores do ámbito territorial do Golfo Ártabro Norte: Miño, Pontedeume, Ares, Mugardos, Barallobre e Ferrol.
O vindeiro mércores día 4 é a reunión coa Confraría de Miño, a cal se celebrará nas súas instalacións, no Porto de Miño, a partir das 9:30 horas da mañá. O xoves día 5 reunirémonos na Confraría de Ferrol ás 10:00 horas.
No marco do proxecto de dinamización do sector pesqueiro, estes encontros pretenden animar aos colectivos do sector pesqueiro á presentación de iniciativas no marco do programa de axudas do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, que xestiona o GALP Golfo Ártabro Norte.
As principais liñas de traballo, ate o de agora, centran o esforzo na posta en valor dos recursos pesqueiros, especialmente no que se refire ao marisqueo e á pesca costeira artesanal.
As principais ideas de proxectos teñen que ver coa transformación do produto e a revalorización da cadea valor dos mesmos, mellorando procesos de trazabilidade e a loxística do produto. Por outra banda, existe tamén unha importante preocupación coa sostibilidade dos recursos marisqueiros na zona, que nos últimos anos están experimentando un descenso nas capturas.
Os encontros dinamizadores son abertos ás profesionais do sector do conxunto de confrarías desta zona costeira. Nos próximos días realizaranse uns talleres de traballo co obxectivo de ir perfilando potenciais ideas de proxectos para impulsar nesta zona, que centren o esforzo en valorizar os produtos da pesca, e reforzar a innovación e a sostibilidade do sector.
Preténdese que este proceso sirva para mellorar a efectividade destes fondos no desenvolvemento social e económico da zona costeira, contribuíndo de maneira importante ao fomento do emprego e ao reforzo do sector pesqueiro é a preservación dos recursos pesqueiros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario