Cinco centros educativos apúntanse á edición 2019 de Vidas Mariñeiras para facer curtas sobre o mundo do mar
Pontedeume, Ares, Mugardos, Narón e Ferrol. O Golfo Ártabro Norte será percorrido pola mirada de máis de oitenta escolares que se suman ó programa de formación audiovisual promovido polo Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro. O programa arranca o próximo 30 de setembro, adiantándose unha semana ó calendario previsto.
Inscripción pechada e cupo cuberto. O programa formativo en audiovisual Vidas Mariñeiras chegará este ano a cinco centros educativos da contorna que se suman á iniciativa posta en marcha no 2017 polo GALP Golfo Ártabro Norte. Entre os centros participantes hai dous veteranos no uso do audiovisual para contar o territorio: o CPI As Mirandas de Ares, que participa por segunda vez, e máis o IES Breamo de Pontedeume, que estivo en tódalas edicións. Para o resto dos centros será a súa primeira experiencia con Vidas Mariñeiras: IES Mugardos, IES Ferrol Vello e IES Terra de Trasancos, de Narón.
A idade dos escolares participantes vai dende os once ata os dezasete anos, coa implicación de profesorado de disciplinas como música, debuxo, historia e lingua galega. A formación arranca o luns 30 se setembro no IES Ferrol Vello, adiantandose unha semana ó plan previsto para poder atendar a demanda de tantos centros. De feito, é a primeira vez que se suman cinco participantes. A formación, que será moi practica, desenvolverase durante o mes de outubro, tempo no que se preparará un guión e plan de rodaxe. No mes de novembro rodaranse as pezas e a súa estrea está prevista para decembro de 2019 nun evento que pretende ser unha xornada de convivencia e celebración do mundo do mar.
Ademais da realización das curtametraxes, Vidas Mariñeiras tamén fará unha recollida de fotografías antigas na que se invitará a participar ó resto de centros educativos da zona. O obxectivo é crear un arquivo e unha exposición itinerante que difunda a memoria histórica do sector pesqueiro do Golfo Ártabro Norte.
Ningún comentario:
Publicar un comentario