- Onte celebrouse en Miño a primeira reunión da avaliación intermedia, á cal asistiron preto de 30 persoas beneficiarias e interesadas nas axudas do FEMP.
- O vindeiro martes día 22 de outubro celebraranse as mesas sectoriais de traballo, dirixidas ás entidades socias do GALP.
O martes 15 de outubro tivo lugar en Miño a reunión con beneficiarias do programa de axudas para facer a avaliación do seguimento da Estratexia de desenvolvemento local participativa do GALP Golfo Ártabro Norte.
Esta xuntanza enmárcase no proceso participativo que está desenvolvendo o GALP para a avaliación intermedia do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, no cal colabora coa Consellería do Mar para a súa posta en marcha.
Nesta reunión asistiron ao redor de trinta persoas que tiveron axuda do programa para a posta en marcha dos seus proxectos. Acudiron tamén persoas interesadas na presentación de proxectos, as cales fixeron unha valoración positiva da aprendizaxe que supuxo a reunión. Contouse coa participación de confrarías da zona, peixerías, vendedores do mercado, responsables de negocios de servizos para o sector e do ámbito do turismo, entre outros.
No desenvolvemento da reunión presentáronse os datos de execución financeira dende o comezo do programa no ano 2016 ata a actualidade. Destacouse a importante subida que experimentou o GALP na xestión de proxectos nas convocatorias de marzo e setembro deste ano, esta última, aínda pendente de resolución por parte da Consellería do Mar. Nesta zona, o programa do FEMP puxo a disposición dos promotores de proxectos, máis de 2,3 millóns de euros, o que supón a metade do orzamento que ten o GALP para axudas a proxectos.
No debate celebrado destacouse a importancia que ten este tipo de Fondos para dinamizar zonas costeiras como a do Golfo Ártabro Norte, contribuíndo deste xeito a mellorar o emprego e o seu dinamismo económico.
Este territorio ten un alto potencial que pode ser posto en valor a través de ferramentas como este Fondo.
Sinalouse a necesidade de impulsar ao sector pesqueiro, incidindo na promoción de iniciativas que poñan en valor os recursos, ao sector, e ao conxunto de empresas que traballan vinculadas ao mesmo.
Tamén se fixo unha valoración moi positiva do traballo que se desenvolve dende o GALP na atención ás persoas e entidades interesadas no programa de axudas.
O próximo martes día 22 de outubro terán lugar en Miño as reunións das mesas sectoriais, destinadas a recoller a opinión das entidades socias do GALP. Ás 12:00 horas será a reunión do sector público, ás 17:00 a do sector pesqueiro e ás 19:00 a de entidades sociais e empresariais.
Para máis información contactar con:
GALP Golfo Ártabro Norte. Toni Fernández (xerente) 636 736 788 // 981784 417
Ningún comentario:
Publicar un comentario