10 de outubro de 2018

Semana Europea das Rexións e Cidades 2018 en Bruselas

Hoxe día 10 de outubro, a Presidenta e a Xerente deste GALP,  están en Bruselas no centro de conferencias SQUARE participando no seminario “EU funding from the botton-up” sobre zonas costeiras innovadoras organizado pola comisión de Asuntos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións xunto a FARNET, a Rede Europea de Zonas de Pesca. 

Con Galicia como exemplo de boas prácticas, neste seminario participou a Directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da conselleira do Mar para explicar o papel dos Grupos de Acción Local de Pesca e o seu impacto na consecución de zonas de pesca sostible así coma a aplicación da Política Pesqueira Común. 


A continuación celebrouse un evento de networking, onde os participantes tiveron a oportunidade de intercambiar opinións sobre o papel dos Grupos de Acción Costeira no desenvolvemento sustentable das zonas de pesca e da aplicación da Política Pesqueira Común. Membros do Parlamento Europeo e expertos locais tamén están a participar neste seminario para debater sobre os beneficios de utilizar un enfoque dende as bases para o desenvolvemento local nas áreas costeiras, tanto rurais coma urbanas. 




Desde 2003, o Comité Europeo das Rexións (CdR), en colaboración coa Dirección Xeral de Política Rexional da Comisión Europea (DG REGIO), celebra cada ano a principios de outubro unha semana dedicada ás rexións e cidades de Europa. 




Trátase dun evento que, durante catro días, brinda a funcionarios das administracións rexionais e locais, expertos e representantes do mundo académico a posibilidade de poñer en común boas prácticas e coñecementos especializados en materia de desenvolvemento rexional e urbano.




Polo seu 16º aniversario, a Semana Europea das Rexións e das Cidades centra o seu programa na Política de Cohesión, que neste 2018 cumpre 30 anos, baixo o título “Por unha Política de Cohesión da UE máis forte máis alá de 2020”. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario