Alumnas e alumnos dos IES de Canido (Ferrol) e Breamo (Pontedeume) comezarán esta semana a formarse nos principios básicos do audiovisual e a desenvolver os seus proxectos dentro do programa "Vidas Mariñeiras" para o curso 2018-2019. Actividade incluída dentro das actividades de animación e divulgación 2018 deste GALP, financiadas co Programa FEMP 2014-2020.
Rematado o prazo para presentar ideas relacionadas coa vida e a paisaxe na costa ou que teñan como punto de partida o retrato dos oficios vinculados ao mar, o equipo técnico de "Vidas Mariñeiras" decidiu escoller dous centros escolares do ámbito territorial do GALP Golfo Ártabro Norte.
Os finalistas do programa, que se beneficiarán dun programa pedagóxico que os levará a desenvolver os seus proxectos cinematográficos (curtametraxes) baixo a titorización de profesionais do audiovisual, son os que seguen:
-IES Canido (Ferrol): Alumnado de 2º e 3º da ESO cun proxecto cuxo título provisional é “Actuación urxente”. A partir de testemuños de pescadores/as, mariscadores/as e a veciñanza do barrio de Caranza, reflexionarase sobre a concienciación e os efectos da contaminación da ría de Ferrol. Tamén tratará o proceso de depuración da propia ría.
-IES Breamo (Pontedeume): Alumnado de 4º da ESO cun proxecto baixo o título provisional de “Antigos labores no peirao”, arredor dos antigos traballos e oficios do porto e muelle de Pontedeume e a súa memoria.
Ningún comentario:
Publicar un comentario