22 de abril de 2020

CAMPAÑA #QUEDACONOSOMAR


O GALP Golfo Ártabro Norte lanza, xunto a todos os GALP de Galicia, a campaña #QuedaCoNosoMar para visibilizar o labor da xente do mar ante o Covid-19

   Esta iniciativa achega valoracións e datos de primeira man sobre a importancia económica e social do sector e a situación por provincias galegas.
   O sector solicita á cidadanía que manteña o seu consumo de produtos do mar e así garantir o emprego dunhas 100.000 persoas e o 2% da riqueza galega.

O GALP Golfo Ártabro Norte vén de lanzar, xunto ao resto de GALP de Galicia, a campaña “Queda na casa, queda co noso mar”, que utiliza o cancelo #QuedaCoNosoMar, para visibilizar o labor da xente do mar ante a situación provocada polo coronavirus Covid-19.

A iniciativa achega información de primeira man sobre a importancia que ten o traballo do sector, tanto a nivel económico e social. Para iso, o GALP achega diversas voces para reflectir as valoracións e testemuñas procedentes das distintas actividades do mar (pesca extractiva, acuicultura, marisqueo a pé, comercios, etc.).

Entre esas voces destaca a do presidente da Federación Galega de Confrarías, José Antonio Pérez, que recoñece que “son días moi complicados” para o sector, do que viven directamente 22.000 persoas na nosa comunidade. Sinala que desde a Federación traballan para defender “a importancia que o consumo de produtos do mar ten para a sociedade”, así como as características particulares que existen entre as distintas actividades do mar, como poden ser a pesca e o marisqueo.

Pola súa banda, o presidente da Federación Nacional de Cofradías de Pescadores, Basilio Otero, asegura que desde o inicio do estado do alarma o sector do mar, tanto en Galicia como no resto de España, “reduciu en gran medida a súa actividade, con paróns de ata o 70% da frota nalgunhas autonomías”, provocado pola necesidade de equipos de protección individuais (EPIs), a caída da demanda doméstica e o peche da canle Horeca (hostalaría e restauración).

Porén, Otero destaca “a valentía” da xente do mar que, a pesar da menor actividade, continuou traballando para garantir a subministración de produtos á cidadanía. Basilio Otero considera que tanto o peixe como marisco son alimentos que deben chegar aos fogares debido “ao seu alto valor nutricional e enerxético”.

Situación por provincias galegas
En Lugo, Basilio Otero, presidente da Federación Provincial de Confrarías, asegura que a situación “é distinta respecto ao resto de Galicia” debido ás súas características propias, con sobre todo pesca de altura, baixura e moi pouco marisqueo, e tamén á maior duración da campaña da cabala. Isto, sumado a unha lixeira suba dos prezos e do consumo durante a Semana Santa, fixo que a situación se normalizara un pouco, pero “aínda queda moito que recuperar”, engade.
  
Na provincia da Coruña, a situación varía en función da confraría, pero en xeral estanse establecendo quendas de saídas ao mar, xa que debido ao descenso da demanda, non é preciso que toda a frota estea en activo. O presidente da Federación Provincial de Confrarías da Coruña, Daniel Formoso, pide á cidadanía que non deixe de consumir produtos do mar, “xa que a súa venda non só mantén os empregos directos, senón a toda unha cadea, entre a que hai empresas conserveiras, depuradoras ou transportistas”. Ademais, reclama “compensacións” para as persoas que tiveron que parar para cumprir co decreto de estado de alarma e para as que teñen que vender o produto “con caídas de prezos de entre o 50 e o 85%”.

En Pontevedra a maior parte da actividade de marisqueo está paralizada e tanto a pesca artesanal como as lonxas funcionan ao 60% ou 70% da súa actividade habitual, como destaca Javier Martínez, secretario da Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra. Destaca o labor da xente do mar, que “é un dos colectivos que primeiro se sensibiliza” cunha situación como a provocada pola pandemia do Covid-19. Martínez indica que, “á parte do aspecto económico, a xente do mar tamén está preocupada polo abastecemento á cidadanía”, de aí que reivindique unha maior atención ás inquedanzas do sector, especialmente das mariscadoras.

Situación no ámbito territorial do GALP Golfo Ártabro Norte
Pola súa banda, o presidente do GALP Golfo Ártabro Norte, José Manuel Fernández Lage, quere resaltar as características tan peculiares que teñen as 6 confrarías deste territorio, principalmente o seu tamaño. “Temos Confrarías moi pequenas e con poucos socios e socias, e en canto á actividade algunhas delas dedícanse exclusivamente ao “marisqueo a pé”, non tendo outras opcións como vía de escape nestes momentos” “Estamos parcialmente paralizados e con moi pouca actividade”

Ao  non ser considerado o marisco un produto de primeiro necesidade, non hai demanda para a súa venda, xurden  moitas complicacións para realizar subastas ou colocar o produto a un único comprador respetando prezos de mercado, como fan algunhas das nosas confrarías, porque non hai compradores”, explica.

Nestes momentos “vivir do noso mar e das nosas rías” non é unha tarefa fácil, agravada polo peche do sector da restauración.... pero, mentres tanto, reclama para este territorio máis axudas para soster un sector que dá emprego “ a moitas familias”, e sobre todo que non desapareza, e que poidan contribuír a impulsar a economía deste ámbito territorial....e rexurdan no momento que esta “pandemia”, que nos levou a este “estado de alarma”, desapareza. 

Un sector que emprega a máis de 100.000 persoas
A pesca, o marisqueo, a acuicultura mariña e o sector transformador dos produtos do mar dan traballo na nosa comunidade a máis de 100.000 persoas de forma directa ou indirecta, e xeran unha riqueza superior aos 1.100 millóns de euros, o que representa o 2% da riqueza de Galicia (PIB), segundo datos da Consellería do Mar da Xunta de Galicia.

Esta importancia da pesca é moi superior nalgúns municipios costeiros, onde a actividade extractiva, acuícola e transformadora son claves na economía local. Isto acontece nun de cada cinco concellos costeiros, onde o peso deste sector achega máis do 10% do seu PIB.

En 2019, nas lonxas e centros de venda de Galicia comercializáronse máis de 158.000 toneladas de produtos da pesca que supuxeron unha facturación de case 470 millóns de euros, segundo o Anuario de Pesca 2019.

O sector do mar non só é un piar estratéxico para a economía galega, senón que é a actividade produtiva máis característica da Galicia diante da economía europea.



9 de xaneiro de 2020

INFORME DE AVALIACIÓN INTERMEDIA DA ESTRATEXIA DE DESENVOLVEMENTO LOCAL PARTICIPATIVO DO FONDO EUROPEO MARÍTIMO E DE PESCA 2016-2020




A finalidade deste informe é a de realizar unha avaliación intermedia da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (en diante EDLP) do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, por parte do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Norte. 

A avaliación fai referencia ao traballo desenvolto polo GALP, como entidade colaboradora na xestión do FEMP coa Consellería do Mar da Xunta de Galicia, nas anualidades de 2016, 2017, 2018, e parte de 2019.

Este informe da resposta ao establecido na cláusula décimonovena, sobre a obriga de seguimento e avaliación da aplicación da EDLP, recollida no Convenio de colaboración entre a Consellería do Mar da Xunta de Galicia e o GALP, para a aplicación da EDLP no marco do desenvolvemento sostible das zonas de pesca do FEMP 2104-2020.

Para poñer en marcha o programa operativo do FEMP era un requisito imprescindible o de constituír unha asociación local de diversos axentes que se encargase da xestión de dito programa, poñendo en marcha e aplicando a mencionada estratexia. Dito documento é o eixe central sobre o que se vertebra a xestión e o funcionamento do GALP, e tamén a gobernanza do conxunto de axentes do territorio que participan da mesma. A estratexia define as principais liñas de actuación no conxunto do período 2014-2020, polo cal a avaliación intermedia é un importante paso para dar conta de cal é a situación real da súa execución, de cara a establecer os mecanismos correctores oportunos.

Esta avaliación parte da información proporcionada polo GALP, en relación á execución do conxunto de actividades contempladas ao abeiro da súa estratexia, isto é, gastos do programa de axudas e gastos de xestión do programa. A información proporcionada dá conta das actividades sociais do GALP e do seu papel como entidade que xestiona o programa de axudas do FEMP. 

Para ver o documento completo, preme AQUÍ

19 de decembro de 2019

A Asemblea do GALP Golfo Ártabro Norte valida os traballos da avaliación da estratexia e define os principais retos para os vindeiros anos do programa.

A Asemblea validou os resultados da avaliación e posteriormente, en xornada aberta, definíronse os principais retos do GALP nesta zona costeira.

• No acto presentouse tamén a Guía das Confrarías, para o cal se contou con representación dos diferentes pósitos da zona.

Rematado o ano 2019 conclúen os traballos da avaliación da EDLP que neste últimos meses estivo desenvolvendo o GALP. 

Neste proceso participaron máis de 50 persoas a título individual e en representación de diferentes colectivos. Na xornada do venres rexistrouse tamén unha alta participación, ao redor de 40 persoas; expuxéronse en detalle os resultados da execución do programa.

Dende o inicio do período ata a primeira convocatoria de 2019, o GALP prestou axuda por valor de 2,1 millóns de euros ás entidades do territorio, dos cales 1.117.964,28 euros foron para proxectos produtivos. Ambos tipos de proxectos xeraron un investimento, por parte de promotores, superior aos 4,8 millóns de euros. A nivel de emprego creáronse máis de 32 postos de traballo e puxéronse en marcha 12 novas empresas no territorio.

A execución do programa ronda o 50%, o cal implica que aínda queda orzamento dispoñible no que resta de programa. Neste sentido, fíxose unha chamada ás persoas asistentes, para que se animaran á presentación de proxectos, e contribuíran á divulgación do Fondo entre outros axentes. 

Para o GALP, o máis importante é que se incremente a presentación de proxectos, de carácter produtivo, vinculados ao sector pesqueiro, obxectivo este que cómpre reforzar e ao que se dirixirá de maneira moi directa a animación do programa. De feito, o GALP xa leva unha tempada reforzando a animación co sector, para o cal se reuniu con todas as confrarías da zona.

Os principais retos que se definiron teñen que ver con traballar na gobernanza dos recursos pesqueiros, potenciando a cooperación entre o sector pesqueiro. Preténdese incrementar o valor dos produtos pesqueiros, afondar nas problemáticas do medio mariño e promover melloras no ámbito da transformación e a comercialización dos produtos pesqueiros, para acadar maiores rendas para o sector. Tamén se considera necesario que dende o sector público se traballe na liña da mellora ambiental da zona costeira e se potencie o traballo en rede tanto entre concellos, como entre estes e as confrarías, por exemplo.

Animouse tamén a que os concellos continúen coa divulgación do programa, centrando o foco nos proxectos produtivos.

Por último, o GALP quere incrementar a base de entidades socias, en representación dos intereses sociais e económicos da zona costeira, para o cal se fará un traballo de dinamización coas mesmas. 


3 de decembro de 2019

Encontros dinamizadores coas confrarías do Golfo Ártabro Norte

Durante esta semana continúan os encontros dinamizadores coas confrarías de pescadores do ámbito territorial do Golfo Ártabro Norte: Miño, Pontedeume, Ares, Mugardos, Barallobre e Ferrol. 

O vindeiro mércores día 4 é a reunión coa Confraría de Miño, a cal se celebrará nas súas instalacións, no Porto de Miño, a partir das 9:30 horas da mañá. O xoves día 5 reunirémonos na Confraría de Ferrol ás 10:00 horas. 

No marco do proxecto de dinamización do sector pesqueiro, estes encontros pretenden animar aos colectivos do sector pesqueiro á presentación de iniciativas no marco do programa de axudas do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, que xestiona o GALP Golfo Ártabro Norte. 

As principais liñas de traballo, ate o de agora, centran o esforzo na posta en valor dos recursos pesqueiros, especialmente no que se refire ao marisqueo e á pesca costeira artesanal. 




As principais ideas de proxectos teñen que ver coa transformación do produto e a revalorización da cadea valor dos mesmos, mellorando procesos de trazabilidade e a loxística do produto. Por outra banda, existe tamén unha importante preocupación coa sostibilidade dos recursos marisqueiros na zona, que nos últimos anos están experimentando un descenso nas capturas. 

Os encontros dinamizadores son abertos ás profesionais do sector do conxunto de confrarías desta zona costeira. Nos próximos días realizaranse uns talleres de traballo co obxectivo de ir perfilando potenciais ideas de proxectos para impulsar nesta zona, que centren o esforzo en valorizar os produtos da pesca, e reforzar a innovación e a sostibilidade do sector.

Preténdese que este proceso sirva para mellorar a efectividade destes fondos no desenvolvemento social e económico da zona costeira, contribuíndo de maneira importante ao fomento do emprego e ao reforzo do sector pesqueiro é a preservación dos recursos pesqueiros.