6 de outubro de 2026

O GALP Golfo Ártabro Norte coordina “Feito co Mar”, un proxecto para transformar ideas en novas oportunidades

O GALP Golfo Ártabro Norte coordina “Feito co Mar – Transformación e valorización do produto pesqueiro”, un proxecto de cooperación no que participan sete GALP de Galicia para fomentar o emprendemento e a creación de novas actividades económicas arredor dos produtos do mar.

Xunto ao GALP Golfo Ártabro Norte, como grupo coordinador, participan no proxecto o GALP Golfo Ártabro Sur, GALP A Mariña Ortegal, GALP Costa da Morte, GALP Costa Sostible, GALP Ría de Arousa e GALP Ría de Pontevedra.

A iniciativa pon o foco nas posibilidades que ofrece a transformación e valorización do produto pesqueiro, desde elaboracións como conservas, salgados, afumados, adubados, desecados ou patés ata pratos elaborados, prestando especial atención ás prácticas de carácter artesanal.

Viveiros para aprender, experimentar e emprender

Para avanzar neste obxectivo, Feito co Mar porá en marcha en 2027 os Viveiros Formativos de Emprendemento, con dous programas de formación —un de iniciación e outro de profesionalización— cun enfoque eminentemente práctico e experimental.

As persoas participantes poderán achegarse aos procesos de transformación e elaboración do produto pesqueiro e experimentar coa creación de novos produtos, como conservas ou pratos de V gama. A formación abordará tamén cuestións relacionadas coa normativa, as boas prácticas, as técnicas e procesos de elaboración, o envasado e a etiquetaxe, ademais de incorporar contidos de emprendemento e acompañamento ás iniciativas que vaian xurdindo.

A formación estará dirixida por Carme Freire, de Daquí darredor, e completarase con titorización e apoio aos proxectos participantes.

Escoitar o territorio antes de comezar

Pero Feito co Mar xa está en marcha no territorio.

Como parte dos traballos iniciais, desde o GALP Golfo Ártabro Norte xa presentamos o proxecto ás seis confrarías do noso territorio e mantivemos reunións cos concellos, co obxectivo de coñecer as súas necesidades e propostas e contribuír a adaptar os contidos e a proposta formativa á realidade da zona.

Estes encontros permiten tamén explorar a implicación dos concellos na dinamización dos Viveiros e na creación de futuros Espazos de Traballo Colaborativo, orientados á transformación do produto pesqueiro e ao desenvolvemento de novas iniciativas.

Presentación do proxecto de cooperación “Feito co Mar” na Confraría de Pescadores de Miño, no marco dos encontros mantidos polo GALP Golfo Ártabro Norte coas confrarías do territorio.

Novas oportunidades arredor dos produtos do mar

Nas próximas semanas continuará a presentación de Feito co Mar no territorio, de cara á posta en marcha dos programas formativos previstos para 2027 e á captación de persoas e iniciativas interesadas en participar.

O proxecto está especialmente dirixido ao sector da pesca, do marisqueo e da acuicultura, aínda que as súas actividades tamén poden resultar de interese para alumnado de Formación Profesional, persoas participantes en programas municipais de emprendemento, asociacións empresariais ou persoas desempregadas interesadas en explorar novas oportunidades arredor dos produtos do mar.

Ademais dos Viveiros Formativos, Feito co Mar traballará na creación de Espazos de Traballo Colaborativo, coa posta en marcha en 2027 dunha experiencia piloto e o deseño dunha proposta de rede entre os territorios participantes.

A través da formación, a experimentación e o acompañamento, o proxecto busca contribuír á valorización da actividade pesqueira e ao relevo xeracional, favorecendo a aparición de novos negocios e actividades económicas vinculadas á transformación dos produtos do mar.

“Feito co Mar” é un proxecto de cooperación cofinanciado pola Unión Europea e pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).

Ningún comentario:

Publicar un comentario