O patrón e armador da Confraría de Pescadores de Pontedeume protagoniza un dos vídeos da campaña audiovisual do proxecto de cooperación «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar», unha iniciativa que busca achegar os oficios do mar á cidadanía e, especialmente, á mocidade.
O mar forma parte da vida de moitas familias do noso territorio. Detrás de cada embarcación hai persoas que, co seu traballo diario, manteñen viva unha actividade fundamental para a economía e a identidade das nosas comunidades costeiras.
Nesta ocasión queremos achegarvos a historia de Diego Pérez Martínez, patrón e armador dunha embarcación de pesca da Confraría de Pescadores de Pontedeume, que comparte a súa experiencia e nos permite coñecer un pouco mellor a realidade do traballo no mar.
A través do seu testemuño descubrimos o seu vínculo coa pesca, como é o día a día desta profesión e a importancia de dar a coñecer estes oficios ás novas xeracións.
Historias reais para achegar os oficios do mar á mocidade
Este vídeo forma parte da campaña audiovisual do proxecto de cooperación «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar», que recolle experiencias de persoas vinculadas ao sector marítimo-pesqueiro.
A iniciativa busca darlles voz ás persoas que traballan no mar, poñer en valor os seus coñecementos e mostrar á mocidade as posibilidades profesionais que ofrece un sector no que conviven tradición, experiencia e novas oportunidades.
Convidámosvos a descubrir a historia de Diego, a súa experiencia e o seu vínculo co mar. Porque detrás de cada oficio hai persoas e historias que paga a pena coñecer.
Un proxecto de cooperación dos GALP
«Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» é un proxecto de cooperación no que participamos os oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia, coa colaboración do GALP do País Vasco e baixo a coordinación do GALP Ría de Arousa.
Desde o GALP Golfo Ártabro Norte participamos nesta iniciativa compartida para contribuír a dar visibilidade ás profesións do mar e favorecer o achegamento da mocidade ao sector pesqueiro.
Proxecto de cooperación financiado pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).
Ningún comentario:
Publicar un comentario