A exposición itinerante «A miña peixeira e máis eu» xa está no Mercado Municipal de Pontedeume, onde poderá visitarse ata o luns 30 de novembro. Esta é a última parada dunha ruta que tamén levou as creacións do certame escolar a Ferrol e Mugardos.
Nesta ocasión, a mostra reúne as obras seleccionadas do alumnado do CEIP Plurilingüe de Andrade. A través de debuxos e colaxes, a rapazada ofrécenos a súa visión do oficio das peixeiras, da pesca sostible e do comercio de proximidade.
As obras están acompañadas de elementos tradicionais da actividade pesqueira e marisqueira, que permiten achegarse aos oficios do mar e á súa relación coa vida da vila.
A actividade forma parte do Plan de Animación 2026 do GALP Golfo Ártabro Norte, co que promovemos o coñecemento do sector pesqueiro e marisqueiro e a participación da comunidade en iniciativas vinculadas ao noso litoral.
Desde o GALP agradecemos a implicación do CEIP Plurilingüe de Andrade, así como a colaboración do Concello de Pontedeume e da Confraría de Pescadores de Pontedeume para facer posible esta última parada.
Se te achegas ao mercado estes días, aproveita para coñecer os traballos do alumnado. Agardámoste ata o 30 de novembro!

Ningún comentario:
Publicar un comentario