O GALP Golfo Ártabro Norte clausura en Miño a xornada final do proxecto de animación co obxectivo de reforzar o papel das confrarías e poñer en valor o territorio pesqueiro
O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Norte celebrou este venres día 10, na Casa do Pescador de Miño, a xornada final do proxecto de animación, un encontro dirixido ás confrarías, concellos e entidades do sector pesqueiro co obxectivo de reforzar a difusión da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) e promover a continuidade do programa de axudas FEMPA, que o GALP xestiona no territorio.
O acto contou coa participación de representantes institucionais, técnicos e profesionais do sector, que compartiron un espazo de reflexión e intercambio de ideas sobre os retos e oportunidades da pesca artesanal, a innovación e a sustentabilidade no marco do novo período de programación europea.
Entre as intervencións máis destacadas estivo a do experto en dereito e economía pesqueira Gabriel Ocaña, quen subliñou a importancia da cooperación e da modernización do sector para facer fronte aos desafíos actuais.
As empresas Bluemarine Oil, Arenaria e Imbatia presentaron o proxecto “Miño Circular 360”, impulsado pola Confraría de Pescadores de Miño, que pon o foco na valorización dos recursos locais e na economía circular mariña.Pola súa banda, o Departamento Técnico de Fondos Europeos do Concello de Ferrol deu a coñecer o proxecto “Cidade Aberta ao Mar”, orientado á dinamización do litoral ferrolán.
O encontro culminou cun coloquio aberto no que se puxeron en común propostas para fortalecer o papel do GALP Golfo Ártabro Norte como motor de desenvolvemento local e de valorización do patrimonio mariñeiro e ambiental da zona.
Ningún comentario:
Publicar un comentario