3 de outubro de 2025

Fene recupera a memoria viva do estaleiro co proxecto Fene 1941

O Concello de Fene presentou o proxecto Fene 1941, unha iniciativa que busca recuperar e poñer en valor a memoria viva do estaleiro e da cultura mariñeira, a través dun programa que combina identidade, memoria e participación cidadá. 

Conversas abertas coa veciñanza

Ao fío da programación prevista para as próximas semanas, os martes 7 e 14 de outubro, ás 19.30h na Casa da Cultura, celebraranse dous faladoiros nos que veciñas e veciños de todas as parroquias compartirán lembranzas e experiencias arredor do estaleiro e da vida en Fene.

Estes encontros, de acceso libre, estarán moderados pola responsable do Museo do Humor Xaquín Marín, e permitirán recoller testemuños e anécdotas que forman parte da memoria colectiva local.

O estaleiro nas tabernas: ruta de tapas e música tradicional

As noites dos venres 10 e 17 e dos sábados 11 e 18 de outubro, de 20 a 22h, desenvolverase unha ruta de tapas con cantos de taberna. Participarán os locais O Enxebre, Arrecendo, Vagalume, A Ponte, Lembranza, CMIU Fene e Son da Cociña, cada un cunha proposta de tapa mariñeira ao prezo de 2,50 €.

O venres 17 esta ruta completarase cos cantos de taberna da Agrupación Liga de Amigos de Barallobre, e o sábado 18 cos de Son de Cantos.

Encontro interxeracional

O proxecto culminará o sábado 25 de outubro, ás 18h na ACRD O Pote de Maniños, cun encontro interxeracional que contará con inscrición previa a través da web municipal, que se habilitará entre os días 13 e 17 de outubro.

No acto presentarase un vídeo resumo dos encontros para recoller a memoria viva, un libro fotográfico, e inaugurarase unha exposición itinerante. O evento pechará cunha degustación de produtos do mar.

O proxecto Fene 1941 estase a desenvolver nos anos 2024 e 2025, e está financiado con fondos do Programa do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), a través do GALP Golfo Ártabro Norte, nun 70% pola Unión Europea e un 30% pola Consellería do Mar (Xunta de Galicia).

Ningún comentario:

Publicar un comentario