26 de decembro de 2025

Proximamente: Curso de Emprendemento en Turismo Mariñeiro e Pescaturismo

O GALP Golfo Ártabro Norte, dentro do proxecto de cooperación Mar e Rías: Pesca & Turismo, no que participan os oito GALP galegos, lanza un curso gratuíto de emprendemento para profesionais do sector pesqueiro ou persoas interesadas en desenvolver proxectos de turismo mariñeiro e pescaturismo no ámbito territorial do GALP.


Destinatarios 👥  Mariñeiros/as, mariscadores/as, redeiros/as; Traballadores/as do sector pesqueiro; 

Persoas interesadas en emprender no turismo mariñeiro e pescaturismo

Obxectivos do curso 🎯

O curso permitirá a cada participante:

Deseñar un proxecto sólido e seguro, vinculado ao territorio

Aplicar boas prácticas de sustentabilidade e valorizar o produto local

Desenvolver habilidades comunicativas e interpretativas do patrimonio mariño-pesqueiro

Crear a súa primeira experiencia turística, lista para poñela en marcha, con acompañamento e titorías posteriores

Contidos principais 📚

Introdución ao turismo mariñeiro e pescaturismo: concepto, marco legal e papel do profesional do mar

Sustentabilidade pesqueira, boas prácticas e valorización do produto local

Interpretación do patrimonio mariño-pesqueiro e habilidades comunicativas

Deseño dunha experiencia turística propia: percorrido, mensaxes clave, seguridade e organización

Exposición e simulación práctica da actividade deseñada

Información e pre-inscrición 📌

As prazas son limitadas, polo que se recomenda pre-inscribirse canto antes:

Teléfono: 981 784 417

Email: galp.mar.golfoartabronorte@xunta.gal

Fai do teu coñecemento do mar unha nova oportunidade de futuro! 🌊





15 de decembro de 2025

A xornada técnica Pesca&Turismo reúne en Noia ao sector pesqueiro galego para impulsar un modelo común de turismo mariñeiro

O Casino de Noia acolleu o venres 12 de decembro a Xornada Técnica Pesca&Turismo, un encontro promovido polos oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) galegos que reuniu profesionais do mar, representantes das administracións e entidades relacionadas co ámbito marítimo-pesqueiro para analizar os retos e oportunidades do turismo mariñeiro en Galicia.

A xornada, integrada no proxecto Mar e Rías: Pesca&Turismo, tivo como obxectivo reforzar un espazo de coordinación e diálogo que permita avanzar cara a un modelo galego consolidado de pesca turismo e turismo mariñeiro, ámbitos que se están a revelar como unha ferramenta estratéxica para a diversificación económica das vilas costeiras.

O acto inaugural contou coa intervención de Ángeles Vázquez Suárez, Directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro; da Presidenta do GALP Ría de Pontevedra, Mª Carmen Vázquez Nores; e do Presidente do GALP Costa Sostible, Mariano Lago Louro, quen destacaron a importancia de fortalecer un marco estable de cooperación para garantir o desenvolvemento profesional deste tipo de iniciativas.




Análise técnica e visión institucional

Ao longo do día abordáronse cuestións clave para o desenvolvemento destas actividades, como a adaptación das embarcacións ás esixencias técnicas vixentes, os sistemas de comercialización máis axeitados, a creación de produtos turísticos especializados ou o papel da cooperación entre profesionais, confrarías e administracións no impulso deste tipo de iniciativas.

A primeira ponencia estivo a cargo de Iván Meléndez Menela, Director de Competitividade de Turismo de Galicia, que debullou o potencial do turismo mariñeiro como oportunidade para diversificar a economía costeira. A continuación, Diego Novoa Fernández, Subdirector de Desenvolvemento Pesqueiro, presentou a situación actual destas actividades en Galicia, así como salientou a capacidade de financiamento de proxectos de turismo mariñeiro polos GALPs achegando diversos exemplos.

Abordouse o papel das Capitanías Marítimas na pesca turismo, nunha mesa na que participaron Juan Andrés Pérez Pérez, da Capitanía Marítima de Vilagarcía de Arousa, e Domingo Pose, Coordinador de Seguridade e Inspección Marítima da Capitanía da Coruña. Ambos explicaron os requisitos técnicos e os procedementos necesarios para garantir a seguridade das actividades a bordo.

As necesidades do sector mariñeiro

A visión do sector quedou recollida nun debate no que participaron Daniel Formoso Moledo, Presidente da Federación de Confrarías da Coruña; José Antonio Pérez Siera, Presidente da Federación Galega de Confrarías; e Juan José Rial Millán, Patrón maior da Illa de Arousa. Expuxeron as principais necesidades das confrarías, así como as expectativas e dificultades ás que se enfrontan as persoas profesionais que buscan poñer en marcha iniciativas de turismo mariñeiro.

Manuel Veloso, do Clúster Turismo de Galicia, abordou as estratexias máis efectivas para a promoción e comercialización destas experiencias, facendo fincapé na importancia de construír produtos diferenciados, sostibles e coordinados co territorio.

Experiencias xa consolidadas na costa galega

A sesión da tarde centrouse na presentación de proxectos que xa están en funcionamento.

No ámbito da pesca turismo interviñeron Sauro Martínez Durán, promotor de Marinero por un día, e Severino Casal Diz, responsable de Pescaturismo Novo Migueliño, quen compartiron a súa experiencia práctica e os retos asociados á actividade diaria a bordo.

No bloque dedicado ao turismo mariñeiro participaron Ana Sotelino (Amarturmar), Rosa Mª Millán Romero, Moncha López Castro e Maje Santamaría Maneiro, todas elas integrantes de Turismo Mariñeiro Mar da Pobra. As súas intervencións permitiron coñecer modelos de actividade consolidados e identificar boas prácticas aplicables ao conxunto da costa galega.

Un proxecto para reforzar capacidades e abrir novas oportunidades

A Xornada Técnica forma parte do proxecto Mar e Rías: Pesca&Turismo, coordinado polo GALP Ría de Pontevedra e desenvolvido polos oito GALP galegos coa finalidade de promover a capacitación profesional, apoiar o emprendemento e impulsar novas iniciativas de turismo mariñeiro ao longo da costa. A iniciativa dá continuidade ao modelo posto en marcha con Mar das Illas, que contribuíu á formación de máis de 250 profesionais e ao nacemento de proxectos pioneiros neste ámbito.

O proxecto está cofinanciado nun 70% polo Fondo Europeo Marítimo da Pesca e da Acuicultura (FEMPA) e nun 30% pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia.




12 de decembro de 2025

Presentación proxecto cooperación "Relevo Xeracional: O futuro do mar"

Unha representación do GALP Golfo Ártabro Norte —integrado polas Confrarías de Pontedeume, Miño e Barallobre e polo Club Cabanas KDM— desprazáronse o pasado 10 de decembro á Cidade da Cultura de Galicia para participar na presentación do proxecto de cooperación “Relevo xeracional: o futuro do mar”, iniciativa para promover a FP Dual marítimo-pesqueira e garantir o relevo xeracional no sector.”

Iniciativa impulsada polos oito GALP galegos co apoio da Consellería do Mar e coordinado polo GALP Ría de Arousa, para promover a FP Dual marítimo-pesqueira e garantir o relevo xeracional no sector. Galicia e País Vasco colaboran e presenta oficialmente o proxecto Relevo xeracional: o futuro do mar para impulsar a FP Dual Marítimo-Pesqueira.


ASISTENTES INSTITUCIONAIS E INTERVINTES

A apertura do evento correu a cargo do presidente do GALP Ría de Arousa D. Miguel Ángel Iglesias Romero e da Directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Dna. Ángeles Vázquez Suárez que destacou a importancia de implicar ao sector pesqueiro como protagonista mentor de cara á formación de futuros profesionais do mar. Nestas intervencións detacaron a importancia e necesidade do relevo xeracional, o papel dos GALP na dinamización das zonas de costa e a necesidade de reforzar a FP Dual marítimo-pesqueira.

Coa xerente do GALP coordinador, Rosa Carballo como moderadora, o evento continuou coa presentación técnica a cargo de Mª Calvo, asistencia técnica, e coas mesas do sector pesqueiro e acuícola e de FP Dual representadas respectivamente por José Antonio Pérez Sieira, presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, Lino Suárez de OPMEGA, Rosa Meijide de ARVI e Manuel Bermúdez, de Porto de Celeiro. 

O nexo común de todas as intervencións foi destacar os retos actuáis do sector en busca do relevo, a necesidade de formación práctica e as oportunidades de futuro, avalando a importancia de traballar conxuntamente.

O único grupo pesqueiro do País Vasco, colaborador deste proxecto tivo tamén unha intervención de Ekaitz Urtiaga na que mencionou os proxectos máis destacados que levan tempo desenvolvendo de cara á concienciación e coñecemento do sector pesqueiro por parte do máis cativos e da mocidade.



O proxecto conta con material audiovisual que foi presentado, en concreto un vídeo promocional no que saen representados os oito territorios GALP e oficios do sector pesqueiro e unhas pílulas audiovisuais que serán empregadas para a promoción da iniciativa en redes sociais. 

Precisamente tamén estiveron presentes Emilio Queiruga, Patrón maior de Porto do Son, Jacqueline Lista, presidenta da agrupación de marisqueo de Camariñas e Amalia González, vicepatrona de Camariñas que foron os protagonistas das dúas primeiras pílulas gravadas nesta anualidade nas que destacan as avantaxes da súa profesión; contacto coa natureza, horarios flexibles ou calidade de vida son algúns dos aspectos destacables.

DATOS DE PARTICIPACIÓN

Máis de 85 persoas asistiron ao evento de xeito presencial, entre as que destacamos a presenza dos 8 GALP representados polos seus xerentes e persoas da directiva, a presenza de confrarías de pescadores, agrupacións de marisqueo, asociacións e cooperativas de armadores, asociacións de bateeiros e organización de produtores, escolas náutico-pesqueiras, concellos ou asociacións do ámbito social.

Hai que destacar a retransmisión en directo do evento a través da que se conectaron persoas de entidades do sector pesqueiro doutras comunidades autónomas.

PRÓXIMOS PASOS

O proxecto comezará en xaneiro as intervencións en centros educativos cos que xa se está en contacto para a súa participación e continuará o contacto co sector pesqueiro e as súas entidades de cara á xornada técnica sobre a FP Dual que se desenvolverá no segundo trimestre do 2026.


2 de decembro de 2025

Feira do sector primario

O pasado 18 de novembro estivemos no Pazo da Cultura de Narón participando na Feira do Sector Primario, organizada por Aje Ferrolterra, dando a coñecer o labor do GALP GOLFO Artabro NORTE e as oportunidades que brindamos ao territorio e ao sector marítimo-pesqueiro.



Proxecto de cooperación Mar e Rías 2025-2026. Xornada de emprendemento

 A semana pasada celebramos a Xornada de Emprendemento Pesca & Turismo na Casa do Pescador de Miño, un encontro para dar a coñecer novas oportunidades de negocio no turismo mariñeiro e pesqueiro.

En 2026 impartirase no territorio un Curso práctico e gratuíto de Emprendemento en Turismo Mariñeiro e Pescaturismo, pensado para axudarche a poñer en marcha o teu propio proxecto. As prazas serán limitadas.

Ademais, o 12 de decembro celebrarase no Casino de Noia unha Xornada Técnica de Pesca&Turismo.

Para anotarse: info@pescaeturismo.gal

Estas actividades enmárcanse no proxecto de cooperación Mar e Rías 2025–2026, no que participamos xunto cos outros GALP de Galicia. Mar e Rías Pesca & Turismo

Para máis información ou interese en participar nas actividades, contacta co GALP Golfo Ártabro Norte.

16 de outubro de 2025

Xornada final do proxecto de animación para reforzar a difusión da EDLP e do programa FEMPA

 O GALP Golfo Ártabro Norte clausura en Miño a xornada final do proxecto de animación co obxectivo de reforzar o papel das confrarías e poñer en valor o territorio pesqueiro

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Norte celebrou este venres día 10, na Casa do Pescador de Miño, a xornada final do proxecto de animación, un encontro dirixido ás confrarías, concellos e entidades do sector pesqueiro co obxectivo de reforzar a difusión da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) e promover a continuidade do programa de axudas FEMPA, que o GALP xestiona no territorio.

O acto contou coa participación de representantes institucionais, técnicos e profesionais do sector, que compartiron un espazo de reflexión e intercambio de ideas sobre os retos e oportunidades da pesca artesanal, a innovación e a sustentabilidade no marco do novo período de programación europea.

Entre as intervencións máis destacadas estivo a do experto en dereito e economía pesqueira Gabriel Ocaña, quen subliñou a importancia da cooperación e da modernización do sector para facer fronte aos desafíos actuais.

As empresas Bluemarine Oil, Arenaria e Imbatia presentaron o proxecto “Miño Circular 360”, impulsado pola Confraría de Pescadores de Miño, que pon o foco na valorización dos recursos locais e na economía circular mariña.

Pola súa banda, o Departamento Técnico de Fondos Europeos do Concello de Ferrol deu a coñecer o proxecto “Cidade Aberta ao Mar”, orientado á dinamización do litoral ferrolán.

O encontro culminou cun coloquio aberto no que se puxeron en común propostas para fortalecer o papel do GALP Golfo Ártabro Norte como motor de desenvolvemento local e de valorización do patrimonio mariñeiro e ambiental da zona.

7 de outubro de 2025

A Consellería do Mar resolve a convocatoria 2025 de axudas FEMPA tramitadas polo GALP Golfo Ártabro Norte

A Consellería do Mar resolveu a convocatoria 2025 de axudas FEMPA, tramitadas polo GALP Golfo Ártabro Norte, cun investimento total de 852.899 € destinados a 25 proxectos que impulsan a pesca artesanal, a valorización do patrimonio mariñeiro e o fortalecemento da economía local.

✅ Beneficiarios

Nesta convocatoria participaron unha ampla diversidade de entidades e colectivos do territorio:

  • As seis confrarías de pescadores do ámbito do GALP (Miño, Pontedeume, Ares, Mugardos, Barallobre e Ferrol).

  • Peixerías, persoas autónomas de peixería, pequenos negocios, administracións locais, entidades deportivas e culturais, entre outros promotores.

✅ Tipoloxía de proxectos aprobados

Comercialización e economía local
Promoción dos produtos mariños en eventos gastronómicos e culturais, como feiras de marisco, feiras nacionais e accións divulgativas en centros escolares, reforzando a imaxe da pesca artesanal como actividade económica esencial, moderna e respectuosa co medio ambiente.
Tamén se impulsan iniciativas para potenciar a comercialización directa dos produtos do mar, mellorando os ingresos das confrarías e dos seus asociados.

Peixerías e persoas autónomas de peixería
Proxectos dirixidos a modernizar e facer máis sostible o transporte e a venda de peixe e marisco fresco, garantindo a calidade e frescura dos produtos.
Impulsan o uso de ferramentas dixitais para unha xestión máis eficiente, reducen a pegada de carbono e melloran a conciliación laboral e persoal.
Contribúen ademais a consolidar o emprego e o relevo xeracional, recoñecendo o papel fundamental de mulleres e homes na comercialización e xestión das peixerías.

Innovación e aproveitamento de recursos
Proxectos centrados en explorar novos modelos de aproveitamento da ostra rizada, especialmente a reutilización das súas cunchas en sectores como a industria farmacéutica, nutracéutica ou da construción, apostando por formas de transformación sustentable e economía circular.
Ademais, búscase fortalecer a aprendizaxe colectiva e fomentar a innovación, mediante o intercambio de experiencias, o acceso a novas ferramentas e a participación activa dos profesionais do mar.

Difusión do patrimonio e cultura mariñeira
Desenvolvemento de espazos expositivos e interactivos que poñen en valor a historia, as técnicas de pesca e o legado cultural vencellado ao mar.
Estes proxectos combinarán contidos dixitais, audiovisuais e experiencias inmersivas para sensibilizar á cidadanía e aos visitantes sobre a importancia do sector pesqueiro no desenvolvemento económico e social da comarca.
Un destes espazos converterase nun lugar de referencia para descubrir e comprender o oficio mariñeiro, poñendo en valor o traballo das xeracións pasadas e presentes e o patrimonio material e inmaterial asociado.

Educación e sensibilización ambiental
Promoción da educación ambiental e mariñeira a través de proxectos como a creación dun acuario didáctico accesible, pensado para diferentes públicos e orientado á aprendizaxe sobre os ecosistemas mariños e a sustentabilidade.

✅ Proxectos conxuntos destacados

Castro de Centroña–Perbes
Iniciativa promovida por dúas entidades locais para poñer en valor o patrimonio histórico, arqueolóxico e mariñeiro do litoral, favorecendo a interpretación do territorio e o coñecemento do seu valor cultural e ambiental.

Confrarías de Pescadores de Barallobre e Pontedeume
O proxecto conxunto destas confrarías ten como obxectivo impulsar o aproveitamento gastronómico da ostra rizada, mediante a transformación artesanal do produto e a experimentación con diferentes formatos de consumo, tanto en fresco como en conserva.
A través dunha metodoloxía participativa e de mellora continua, permitirá crear conservas de alta calidade e valor engadido, respectando a normativa da artesanía alimentaria galega.
Inclúe accións formativas, demostrativas e de divulgación pública, co fin de implicar á comunidade mariñeira e á cidadanía, fomentar a innovación sostible e converter a ostra rizada nun recurso identitario e xerador de novas oportunidades económicas para o sector.

✅ Formación e emprego

Inclúense accións formativas especializadas para persoas desempregadas e profesionais do sector, orientadas a mellorar a rendibilidade e competitividade das pequenas peixerías, así como a adquisición de novas competencias e coñecementos en innovación e sustentabilidade.

📍 Os proxectos aprobados abranguen iniciativas colectivas e individuais, promovidas por confrarías, entidades locais, empresas e persoas autónomas de peixería.

Conxuntamente contribúen a fortalecer o tecido económico e social do territorio, a impulsar a pesca artesanal sustentable e a poñer en valor o patrimonio e os recursos mariños do Golfo Ártabro Norte.

🔗 Consulta todos os proxectos aprobados

Para ver a listaxe completa de proxectos aprobados nesta convocatoria e noutras iniciativas dos GALP en Galicia, visita a páxina web:

Proxectos aprobados – GALP Golfo Ártabro Norte

6 de outubro de 2025

Xornada Final – Proxecto de Animación de Fortalecemento do Sector Pesqueiro

Impulsado polo GALP Golfo Ártabro Norte, dentro das actividades de animación e divulgación 2025 

O vindeiro venres, 10 de outubro de 2025, celebrarase na Casa do Pescador de Miño a Xornada Final do Proxecto de Animación de Fortalecemento do Sector Pesqueiro Artesanal, unha iniciativa impulsada polo GALP Golfo Ártabro Norte co obxectivo de analizar os principais retos e oportunidades do sector, fomentar a innovación e a sustentabilidade, e dar a coñecer as posibilidades que ofrecen os fondos FEMPA de cara á convocatoria 2026.

Durante a sesión, contaremos coa participación de expertos en pesca e de Basilio Otero, presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, que achegarán a súa visión sobre o presente e o futuro do sector pesqueiro artesanal.

Ao remate da xornada, ofrecerase un pequeno aperitivo para favorecer a interacción e o intercambio de experiencias entre os asistentes.

📅 Data: Venres, 10 de outubro de 2025

⏰ Hora: 10:30 h
📍 Lugar: Casa do Pescador, Miño

⚠️ Prazas limitadas!

✅ Confirma asistencia (data límite: martes, 7 de outubro)
✉️ galp.mar.golfoartabronorte@xunta.gal
 | 📞 981 784 417

Non perdas a oportunidade de participar e compartir ideas sobre o futuro do sector pesqueiro artesanal!

3 de outubro de 2025

Fene recupera a memoria viva do estaleiro co proxecto Fene 1941

O Concello de Fene presentou o proxecto Fene 1941, unha iniciativa que busca recuperar e poñer en valor a memoria viva do estaleiro e da cultura mariñeira, a través dun programa que combina identidade, memoria e participación cidadá. 

Conversas abertas coa veciñanza

Ao fío da programación prevista para as próximas semanas, os martes 7 e 14 de outubro, ás 19.30h na Casa da Cultura, celebraranse dous faladoiros nos que veciñas e veciños de todas as parroquias compartirán lembranzas e experiencias arredor do estaleiro e da vida en Fene.

Estes encontros, de acceso libre, estarán moderados pola responsable do Museo do Humor Xaquín Marín, e permitirán recoller testemuños e anécdotas que forman parte da memoria colectiva local.

O estaleiro nas tabernas: ruta de tapas e música tradicional

As noites dos venres 10 e 17 e dos sábados 11 e 18 de outubro, de 20 a 22h, desenvolverase unha ruta de tapas con cantos de taberna. Participarán os locais O Enxebre, Arrecendo, Vagalume, A Ponte, Lembranza, CMIU Fene e Son da Cociña, cada un cunha proposta de tapa mariñeira ao prezo de 2,50 €.

O venres 17 esta ruta completarase cos cantos de taberna da Agrupación Liga de Amigos de Barallobre, e o sábado 18 cos de Son de Cantos.

Encontro interxeracional

O proxecto culminará o sábado 25 de outubro, ás 18h na ACRD O Pote de Maniños, cun encontro interxeracional que contará con inscrición previa a través da web municipal, que se habilitará entre os días 13 e 17 de outubro.

No acto presentarase un vídeo resumo dos encontros para recoller a memoria viva, un libro fotográfico, e inaugurarase unha exposición itinerante. O evento pechará cunha degustación de produtos do mar.

O proxecto Fene 1941 estase a desenvolver nos anos 2024 e 2025, e está financiado con fondos do Programa do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), a través do GALP Golfo Ártabro Norte, nun 70% pola Unión Europea e un 30% pola Consellería do Mar (Xunta de Galicia).

30 de setembro de 2025

Últimos días para participar nas rutas guiadas en Cabanas

 🔔 Non perdas a oportunidade de descubrir o litoral de Cabanas dunha forma sostible e guiada!

Calendario de rutas

👣 Rutas a pé pola costa

1, 3 e 6 de outubro ás 12:00 h

⛵ Rutas a bordo do Anduriño

30 de setembro ás 10:30 h

1 de outubro ás 11:00 h e 12:30 h

6 de outubro ás 13:00 h e 16:00 h

8 de outubro ás 17:00 h

📍 Saídas dende o Posto de Socorrismo

✅ Actividade gratuíta con inscrición previa

Esta acción forma parte do proxecto “Promoción do litoral de Cabanas: turismo mariñeiro e navegación sostible”, promovido polo Concello de Cabanas e financiado polo FEMPA a través do GALP Golfo Ártabro Norte (70% Unión Europea, 30% Xunta de Galicia).

💡 Unha experiencia única para combinar turismo, natureza e educación mariñeira!



Visita de estudo ao cultivo da ostra rizada en Castropol

 No marco do proxecto Miño Circular 360º, a semana pasada os socios e socias da Cofradía de Miño realizaron unha visita de estudo para coñecer máis sobre o cultivo da ostra rizada na zona de Castropol, Asturias. 

Tras pasar pola Confraría de Ribadeo e coñecer a situación actual do molusco nesta zona, os participantes desprazáronse á comunidade veciña para profundar na realidade do cultivo, a produción e a comercialización deste bivalvo.

O proxecto desenvólvese ao longo do ano 2025 e conta co financiamento do Programa do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) a través do GALP Golfo Ártabro Norte, con:

✅ 70% da Unión Europea 🇪🇺

✅ 30% da Consellería do Mar – Xunta de Galicia 🌐

Visitando – Coñecendo – Compartindo… así se aprende e se avanza, promovendo boas prácticas e fortalecendo a colaboración entre comunidades mariñeiras. 🦪🦪



Inscricións abertas nos talleres do Espazo Gastronómico Marmiño

 📢 Xa podes inscribirte nos talleres do Espazo Gastronómico Marmiño! 🍴✨

Calendario de formación (20 horas cada taller)

Elaboracións artesanais en conserva

📅 8, 10, 13, 14 e 15 de outubro

Elaboración do produto pesqueiro e da horta en fresco

📅 17, 20, 21, 22 e 24 de outubro

Novas propostas de elaboración (salgados, patés, etc.)

📅 31 de outubro, 3, 4, 5 e 10 de novembro

👉 Estes talleres forman parte do proxecto “Miño emprende no mar: artesanía alimentaria e transformación do produto pesqueiro”, promovido polo Concello de Cabanas e financiado polo #FEMPA a través do GALP Golfo Ártabro Norte (70% UE, 30% Xunta de Galicia). Convocatoria 2025, a desenvolver nas anualidades 2025 e 2026.

💡 Formación gratuíta e práctica para innovar no emprego e no emprendemento arredor do mar!




18 de xuño de 2025

Continúan as accións de animación para o fortalecemento das capacidades das confrarías no Golfo Ártabro Norte


O GALP Golfo Ártabro Norte continúa desenvolvendo accións dentro do proxecto Fortalecemento das capacidades das confrarías de pescadores do GALP, unha iniciativa enmarcada nas actividades de animación e divulgación da anualidade 2025.

Este proxecto, financiado polo Programa do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) —cunha achega do 70 % por parte da Unión Europea e do 30 % pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia— ten como obxectivo reforzar o papel das confrarías como axentes clave no desenvolvemento sostible do territorio.

No marco desta iniciativa, estanse a realizar reunións de traballo e encontros técnicos coas confrarías e concellos da zona para estimular sinerxías, identificar necesidades comúns e preparar proxectos conxuntos de cara á vindeira convocatoria de axudas do GALP.

A pasada semana celebrouse unha nova xornada técnica na sede do GALP, na que participaron representantes das distintas confrarías e outros axentes do territorio. O encontro serviu para avanzar na definición de propostas que poidan consolidarse como proxectos sólidos e transformadores.

Durante a sesión, cómpre destacar a intervención de Sergio López, xerente da Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela (OPP Burela), quen compartiu experiencias de alto impacto en promoción, visibilización e comunicación do produto pesqueiro. Un exemplo inspirador de como a innovación e a planificación estratéxica poden mellorar a rendibilidade do sector e reforzar o seu recoñecemento social.


Estas accións contribúen á posta en valor da pesca artesanal, o impulso da economía azul e a dinamización do patrimonio mariñeiro, elementos centrais na estratexia do GALP Golfo Ártabro Norte.





12 de xuño de 2025

8º Congreso de la Red Española de Mujeres en el Sector Pesquero

Liderado feminino e relevo xeracional: construíndo un futuro azul foi o lema do "8º Congreso de la Red Española de Mujeres en el Sector Pesquero", celebrado os días 6 e 7 de xuño en La Ràpita (Tarragona).

👉 Un espazo para compartir experiencias, crear alianzas e propoñer solucións.....

 O congreso centrouse en tres grandes retos do sector:

 🔴 Máis mulleres liderando a toma de decisións.

 🔴 Relevo xeracional que garanta o futuro.

 🔴 Unha economía azul innovadora, diversa e sostible.

 Durante dous días, mulleres de todo o país reflexionaron, aprenderon e achegaron propostas para transformar o sector dende a inclusión, a sostibilidade e a igualdade de oportunidades. 

 👉 O GALP Golfo Ártabro Norte estivo representado por 4 mariscadoras das Confrarías de Pescadores de Barallobre e Miño