15 de decembro de 2025

A xornada técnica Pesca&Turismo reúne en Noia ao sector pesqueiro galego para impulsar un modelo común de turismo mariñeiro

O Casino de Noia acolleu o venres 12 de decembro a Xornada Técnica Pesca&Turismo, un encontro promovido polos oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) galegos que reuniu profesionais do mar, representantes das administracións e entidades relacionadas co ámbito marítimo-pesqueiro para analizar os retos e oportunidades do turismo mariñeiro en Galicia.

A xornada, integrada no proxecto Mar e Rías: Pesca&Turismo, tivo como obxectivo reforzar un espazo de coordinación e diálogo que permita avanzar cara a un modelo galego consolidado de pesca turismo e turismo mariñeiro, ámbitos que se están a revelar como unha ferramenta estratéxica para a diversificación económica das vilas costeiras.

O acto inaugural contou coa intervención de Ángeles Vázquez Suárez, Directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro; da Presidenta do GALP Ría de Pontevedra, Mª Carmen Vázquez Nores; e do Presidente do GALP Costa Sostible, Mariano Lago Louro, quen destacaron a importancia de fortalecer un marco estable de cooperación para garantir o desenvolvemento profesional deste tipo de iniciativas.




Análise técnica e visión institucional

Ao longo do día abordáronse cuestións clave para o desenvolvemento destas actividades, como a adaptación das embarcacións ás esixencias técnicas vixentes, os sistemas de comercialización máis axeitados, a creación de produtos turísticos especializados ou o papel da cooperación entre profesionais, confrarías e administracións no impulso deste tipo de iniciativas.

A primeira ponencia estivo a cargo de Iván Meléndez Menela, Director de Competitividade de Turismo de Galicia, que debullou o potencial do turismo mariñeiro como oportunidade para diversificar a economía costeira. A continuación, Diego Novoa Fernández, Subdirector de Desenvolvemento Pesqueiro, presentou a situación actual destas actividades en Galicia, así como salientou a capacidade de financiamento de proxectos de turismo mariñeiro polos GALPs achegando diversos exemplos.

Abordouse o papel das Capitanías Marítimas na pesca turismo, nunha mesa na que participaron Juan Andrés Pérez Pérez, da Capitanía Marítima de Vilagarcía de Arousa, e Domingo Pose, Coordinador de Seguridade e Inspección Marítima da Capitanía da Coruña. Ambos explicaron os requisitos técnicos e os procedementos necesarios para garantir a seguridade das actividades a bordo.

As necesidades do sector mariñeiro

A visión do sector quedou recollida nun debate no que participaron Daniel Formoso Moledo, Presidente da Federación de Confrarías da Coruña; José Antonio Pérez Siera, Presidente da Federación Galega de Confrarías; e Juan José Rial Millán, Patrón maior da Illa de Arousa. Expuxeron as principais necesidades das confrarías, así como as expectativas e dificultades ás que se enfrontan as persoas profesionais que buscan poñer en marcha iniciativas de turismo mariñeiro.

Manuel Veloso, do Clúster Turismo de Galicia, abordou as estratexias máis efectivas para a promoción e comercialización destas experiencias, facendo fincapé na importancia de construír produtos diferenciados, sostibles e coordinados co territorio.

Experiencias xa consolidadas na costa galega

A sesión da tarde centrouse na presentación de proxectos que xa están en funcionamento.

No ámbito da pesca turismo interviñeron Sauro Martínez Durán, promotor de Marinero por un día, e Severino Casal Diz, responsable de Pescaturismo Novo Migueliño, quen compartiron a súa experiencia práctica e os retos asociados á actividade diaria a bordo.

No bloque dedicado ao turismo mariñeiro participaron Ana Sotelino (Amarturmar), Rosa Mª Millán Romero, Moncha López Castro e Maje Santamaría Maneiro, todas elas integrantes de Turismo Mariñeiro Mar da Pobra. As súas intervencións permitiron coñecer modelos de actividade consolidados e identificar boas prácticas aplicables ao conxunto da costa galega.

Un proxecto para reforzar capacidades e abrir novas oportunidades

A Xornada Técnica forma parte do proxecto Mar e Rías: Pesca&Turismo, coordinado polo GALP Ría de Pontevedra e desenvolvido polos oito GALP galegos coa finalidade de promover a capacitación profesional, apoiar o emprendemento e impulsar novas iniciativas de turismo mariñeiro ao longo da costa. A iniciativa dá continuidade ao modelo posto en marcha con Mar das Illas, que contribuíu á formación de máis de 250 profesionais e ao nacemento de proxectos pioneiros neste ámbito.

O proxecto está cofinanciado nun 70% polo Fondo Europeo Marítimo da Pesca e da Acuicultura (FEMPA) e nun 30% pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia.




Ningún comentario:

Publicar un comentario