18 de xuño de 2025

Continúan as accións de animación para o fortalecemento das capacidades das confrarías no Golfo Ártabro Norte


O GALP Golfo Ártabro Norte continúa desenvolvendo accións dentro do proxecto Fortalecemento das capacidades das confrarías de pescadores do GALP, unha iniciativa enmarcada nas actividades de animación e divulgación da anualidade 2025.

Este proxecto, financiado polo Programa do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) —cunha achega do 70 % por parte da Unión Europea e do 30 % pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia— ten como obxectivo reforzar o papel das confrarías como axentes clave no desenvolvemento sostible do territorio.

No marco desta iniciativa, estanse a realizar reunións de traballo e encontros técnicos coas confrarías e concellos da zona para estimular sinerxías, identificar necesidades comúns e preparar proxectos conxuntos de cara á vindeira convocatoria de axudas do GALP.

A pasada semana celebrouse unha nova xornada técnica na sede do GALP, na que participaron representantes das distintas confrarías e outros axentes do territorio. O encontro serviu para avanzar na definición de propostas que poidan consolidarse como proxectos sólidos e transformadores.

Durante a sesión, cómpre destacar a intervención de Sergio López, xerente da Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela (OPP Burela), quen compartiu experiencias de alto impacto en promoción, visibilización e comunicación do produto pesqueiro. Un exemplo inspirador de como a innovación e a planificación estratéxica poden mellorar a rendibilidade do sector e reforzar o seu recoñecemento social.


Estas accións contribúen á posta en valor da pesca artesanal, o impulso da economía azul e a dinamización do patrimonio mariñeiro, elementos centrais na estratexia do GALP Golfo Ártabro Norte.





Ningún comentario:

Publicar un comentario