Última convocatoria de axudas: 1 de marzo de 2021.
Continuamos coa nosa tarefa de mostrar proxectos que nos últimos anos axudamos a converter en realidades grazas á nosa xestión das axudas provenientes dos Fondos Europeos Marítimos e da Pesca (FEMP).
Hoxe imos lembrar outros tres proxectos. Empezamos por Marmar Outdoor, unha empresa do Concello de Paderne que está dedicada ás actividades náutico deportivas no medio natural.
Marmar naceu en 2018 disposta a converterse nun referente do turismo activo na nosa comarca. A súa proposta comprendía a potenciación das actividades de Kaiak tanto en ríos (Eume e Mandeo) como no mar, xa que ofrecen roteiros xunto ao litoral dos concellos de Paderne, Miño e Pontedeume e tamén no interior da ría de Ares.
Grazas á colaboración dos fondos europeos que axudamos a xestionar, Marmar creou postos de traballo e adquiriu 30 kaiaks de dúas prazas, coas súas pas e os chalecos salvavidas correspondentes, ademais de dous remolques e unha zodiac auxiliar.
Todos os servizos da empresa Marmar Outdoor están dispoñibles na súa páxina web, unha ferramenta que tamén se puxo en marcha grazas á subvención do 50% xestionada polo GALP.
Se o desexas, ademais dos roteiros guiados con monitor, Marmar tamén ofrece:
-Servizo de alugueiro de kaiaks.
-Roteiros de sendeirismo guiadas.
- Eventos deportivos no medio natural e acuático.
- Microeventos relacionados co mar e os kaiaks. Esta iniciativa é nova neste ámbito territorial xa que non existen outras empresas cunha actividade parecida neste territorio. Marmar ofrece por tanto novos servizos de lecer para turistas, con actividades que axudan a coñecer a costa, a promover o aproveitamento dos recursos mariños e patrimoniais, e os relacionados co Camiño de Santiago. En definitiva, unha empresa de turismo activo que contribúe á diversificación económica e a xerar riqueza no medio mariño.
Un mesón completamente renovado.
O seguinte exemplo que imos comentar hoxe podémolo atopar en Pontedeume. Trátase da profunda renovación levada a cabo no Mesón Avellaneda.
O Mesón Avellaneda, en Pontedeume, é un establecemento de referencia para celebrar eventos como aniversarios, comidas de empresas, reunións familiares, bautizos, comuñóns, etc….
Avellaneda ofrece unha carta na que están moi ben representados os peixes e mariscos procedentes da lonxa de Pontedeume: polbo, navallas, mexillóns, zamburiñas ou racións de marraxo móstranse como a última estación da cadea do sector pesqueiro. Os produtos que conforman a súa carta proceden directamente da ría de Pontedeume e de lonxas locais, o que permitiu a este restaurante adherirse ao selo KM 0 MarGalaica, garantindo así a calidade dos seus peixes e mariscos, e a súa procedencia local. Cando a situación permítao, ofrecerase un menú para peregrinos, xa que Pontedeume é paso obrigado do Camiño Inglés desde Ferrol.
Ademais de converterse nun punto de consumo dos produtos dos nosos mares, o Mesón Avellaneda colocou nas súas instalacións un parque infantil de temática mariñeira, para que os pequenos involúcrense co medio mariño e as distintas especies que alí habitan. Con este novo servizo, os máis peques poden estar entretidos e xogar de forma segura e controlada, e mesmo celebrar os seus aniversarios!!
A atractiva decoración do mesón tamén está inspirada do espírito mariñeiro, formando un conxunto moi homoxéneo no que foi decisiva a subvención do 50% achegada polo noso GALP Golfo Ártabro Norte.
O último exemplo de hoxe tamén se encadra na hostalería do noso territorio. Amaragotas Restaurante é un establecemento situado no peirao de Mugardos que ofrece aos seus clientes unha fusión da cociña galega coa cociña brasileira. Por suposto, os pratos principais do seu menú están compostos por produtos atlánticos das rías galegas.
Para mellorar o seu servizo, Amaragotas Restaurante precisaba modernizar parte do seu equipamento. Grazas ao 50% de subvención dos fondos FEMP, o seu propietario José Antonio García puido adquirir un novo forno de convección que lle permitiu poñer en carta unha atractiva proposta culinaria: o polbo ao vapor con salsa a mugardesa.
Ademais do devandito forno, tamén adquiriu mesa con guía, billa con ducha, unha nova mesa de traballo de aceiro e bandexas para o forno. O novo equipamento é de baixo consumo enerxético, e permitiu ao propietario deste establecemento ampliar a súa carta e prestar un servizo de maior calidade.
Desta forma conseguimos mellorar a oferta hostaleira da nosa zona litoral e mellorar a cadea da pesca, facendo que os peixes e mariscos sexan elemento primordial nas propostas para os visitantes.
Todos os responsables destas tres empresas: José A. García (Amaragotas), Mario Camba (Mesón Avellaneda) e Víctor Picos (Marmar Outdoor) animan a todos os emprendedores do noso territorio, destacando a importante porcentaxe das axudas concedidas e a colaboración do noso equipo xestor na obtención das axudas, algo que agradecemos especialmente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario