15 de decembro de 2020

O proxecto TANZA avanza no Golfo Ártabro Norte con proxectos para o aproveitamento e posta en valor de refugallos plásticos recollidos polo sector pesqueiro

                                                                   

No Golfo Ártabro Norte o proxecto céntrase na recollida, o aproveitamento e a valorización dos plásticos a través da iniciativa “Precious Plastic”

 

O Proxecto de cooperación Tanza para a colaboración entre o sector pesqueiro e o da inclusión avanza no territorio do GALP Golfo Ártabro Norte. A iniciativa, promovida por seis dos oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro galegos, arrancou en xuño e promove o desenvolvemento participativo de entidades no territorio. Co foco posto no reforzo da gobernanza das zonas costeiras cunha visión colaborativa e integradora do sector do mar, a inclusión social e tamén do importante papel que teñen os concellos como dinamizadores do territorio, busca axilizar socioeconómicamente as zonas costeiras, cunha marcada orientación á promoción dunha economía máis verde e sostible.        

                                                                                                                                                                                                             

Precious Plastic

No Golfo Ártabro Norte o proxecto plantexa artellarse a través da metodoloxía do Precious Plastic para a posta en valor e aproveitamento de plásticos mariños. Este xeito de traballar o plástico baséase nunha iniciativa desenvolta en 2012 por un universitario estadounidense, que deseñou os planos -publicados gratuítamente en liña- de varias máquinas de tratamento de plásticos. Partindo de residuos plásticos en desuso, estes materiais son molidos, fundidos e posteriormente inxectados para a creación de novas pezas recicladas.

 

No relativo ao territorio do GALP Golfo Ártabro Norte, este proxecto de tratamento de plásticos está promovido polo Concello de Narón e Fene, á espera de que se integre tamén o Concello de Ferrol. No relativo ás entidades participantes, no eido da inclusión cóntase coa colaboración da Asociación ASPANEPS e de Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal e no relativo ao sector pesqueiro, implicaranse as confrarías da zona como axentes aglutinantes e provedores de plásticos recollidos na súa actividade ou nas propias confrarías.

 

Para o artellamento da iniciativa estase en contacto co IES Ferrolterra e co Laboratorio de Plásticos da Universidade da Coruña para o asesoramento en materia de construción das máquinas e tratamento do plástico, así como coa Escola de Deseño Industrial da mesma Universidade, que prestará asistencia técnica para o prototipado de moldes.

 

 


 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario