O Grupo de Acción Local Golfo Ártabro Norte xestionará no actual período FEMPA (Fondos Europeos da Pesca e da Acuicultura) 2023-2027 un orzamento total de 5.804.160,29 €, dos que 4.647.862,73 € (o 80%) destinaranse exclusivamente a axudas a proxectos no territorio de actuación que se estende a 10 Concellos: Narón, Ferrol, Neda, Fene, Ares, Mugardos, Cabanas, Pontedeume, Miño e Paderne; e ás 6 Confrarías: Miño, Pontedeume, Ares, Mugardos, Barallobre e Ferrol.
Esta asignación de fondos europeos contribuirá durante os vindeiros cinco anos a xerar riqueza vinculada ao mar e ao seus produtos neste territorio costeiro, xa que a maior parte dos promotores serán pequenas empresas, microempresas, pemes e persoas particulares. Isto contribuirá tamén a fixar poboación no territorio ao incentivar a actividade socioeconómica e indirectamente a mellora da calidade de vida da súa cidadanía.
Unha vez xa asinado o Convenio de Colaboración coa Consellería do Mar en xaneiro deste ano, o 50% dos fondos destinaranse á cadea de valor do sector pesqueiro, e o restante a temáticas como o fomento da economía azul, do patrimonio medioambiental para mitigación do cambio climático, do patrimonio cultural mariñeiro ou da gobernanza entre asociacións e entidades do sector mar-pesca.
O GALP Golfo Ártabro Norte conta cunha sede en Miño, na Casa do Pescador, e conta cun equipo técnico para orientar e informar aos potenciais interesados en solicitar axudas públicas do FEMPA para os proxectos que vaian a desenvolver. En próximas datas prevese a publicación da convocatoria das axudas pola Consellería do Mar. Non obstante, é convinte que os potenciais promotores interesados en solicitar axudas se informen co equipo técnico antes de iniciar calquera trámite, co obxecto de valorar no posible se a súa idea empresarial se adecúa aos obxectivos estratéxicos da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo. A entidade informará a través das súas canles de comunicación (web e redes sociais) da apertura das convocatorias.
PREME AQUÍ PARA CONSULTAR A EDLP
Esta Estratexia elaborouse coa participación e implicación de numerosos axentes públicos e privados do territorio a través dun proceso participativo “de abaixo a arriba” desenvolto durante tres meses mediante Mesas Sectoriais dos ámbitos pesqueiro (as 6 Confrarías do territorio), social, económico, de muller, mocidade, e público (os 10 Concellos) nos que se realizou una diagnose previa do territorio e se estableceron os obxectivos estratéxicos perseguidos coa execución do Programa a desenvolver no período 2023-2027.
Ningún comentario:
Publicar un comentario