a primeira xuntanza presencial "Diagnose e retos da zona costeira cara ao FEMPA" celebrouse o martes 19 de xullo na Casa do Pescador de Miño reunindo a máis de 65 persoas, e na que se traballou no deseño da nova Estratexia de Desenvolvemento Local da zona pesqueira para o período de programación 2023-2027 do Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (FEMPA).
En horario de mañá estaban convidados a participar nesta xuntanza os e as representantes da administración local, asistindo os alcaldes dos concellos de Miño e Paderne, a concelleira de Turismo, Novas Tecnoloxías, Formación e Emprego de Pontedeume, o tenente alcalde de Cabanas, a concelleira de promoción económica de Fene, a concelleira de benestar e igualdade de Mugardos, o concelleiro de servizos de Narón, así como técnicas e técnicos de desenvolvemento local, emprego, promoción económica…dos diferentes concellos.
Pola tarde, foi a quenda, das confrarías de pescadores (patróns, persoal técnico e biólogos) de Miño, Pontedeume, Barallobre, Mugardos e Ferrol; asociacións empresarios, deportivas, de interese social, de veciños...; empresas; persoas beneficiarias das axudas do Programa FEMP 2014-2020......e público en xeral...
A finalidade desta xuntanza da que se pode destacar a súa produtividade, e onde os protagonistas da mesma foron todas as persoas que participaron coas súas achegas e intervencións, era comezar os traballos do deseño da nova Estratexia de Desenvolvemento Local da zona pesqueira para o período de programación 2023-2027 do Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (FEMPA), para este ámbito territorial que abrangue os concellos de Ferrol, Narón, Neda, Fene, Mugardos, Ares, Cabanas, Pontedeume, Miño e Paderne.
Destacar entre as conclusións extraídas das aportacións realizadas, á necesidade de fomentar a cooperación entre entidades en cuestións relacionadas co turismo, a valoración do patrimonio, a revalorización das vilas... así como na promoción do produto pesqueiro local, eixo central do traballo do GALP co sector pesqueiro da zona.
Os representantes do sector pesqueiro e acuícola insistiron moito no coidado do medio mariño, a necesidade de formación e apoio financeiro á innovación no sector ou a posta en valor de produto (campañas de calidade diferencial). Tamén fixeron referencia á necesidade detectada de desenvolvemento dos canles de comercialización.
En canto a diversificación e desenvolvemento azul sostible, tratáronse cuestións relacionadas coa accesibilidade, a diversificación de actividades e a necesidade dunha boa comunicación de proxectos e produtos.
Os e as asistentes tamén mostraron a súa preocupación polo estado medioambiental da contorna, e da necesidade de formación para a concienciación
Outros temas que se trataron foron o empoderamento e formación do sector pesqueiro e temas relacionados coa inclusión social no litoral, a potenciación de vínculos coa economía social da contorna e a rotura de barreiras á accesibilidade.
Informar que este proceso é aberto, e se pode participar de maneira presencial, virtual, ou a través da web e redes sociais do GALP Golfo Ártabro Norte.
Así o 26 de xullo teremos a primeira das reunións virtuais, que abordarán o seu deseño. É da que é moi importante a participación, porque redundará nunha mellora dos fondos na zona costeira para o vindeiro programa de axudas. Para participar é necesario ter convite, poñéndose en contacto co GALP.
O vindeiro 23 de agosto teremos a segunda reunión presencial na Casa do Pescador de Miño, onde manteremos un encontro presencial aberto ao público interesado, con axentes clave do territorio co obxectivo de coñecer a fondo as súas necesidades, reflexionando entre todos sobre cal foi a súa evolución e cales poden ser as perspectivas de futuro.
Tamén pódense facer achegas para a elaboración da estratexia a través dun formulario online (ver enlace no folleto) onde preténdese recoller todas as suxestións e recomendacións para elaborar a Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo para o período 2021-2027 do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Norte, ou a través do correo electrónico maraberto.edlp@gmail.com
Recordamos que o GALP segue a traballar co principio de “Portas abertas” dende a súa creación, e calquera asociación, entidade ou organismo pode asociarse ao noso GALP co obxecto de impulsar e dinamizar a nosa zona costeira. Tan só é necesario presentar a ficha socio e certificado de adhesión que se poden descargar na nosa web ou contactando coa nosa oficina.
Animámosvos a todas e a todos a participar neste traballo conxunto, co obxectivo de conseguir unha estratexia de futuro para o noso territorio, agardando poder contar cunha alta participación tanto das entidades asociadas ao GALP Golfo Ártabro Norte como de todas as interesadas en participar neste proceso e que queiran adherirse á nosa Asociación, como do público en xeral.
Para información máis detallada sobre o proceso podes poñerte en contacto co Equipo Técnico no teléfono 981 784 417 ou ben manda un mail a galp.mar.golfoartabronorte@xunta.gal
Ningún comentario:
Publicar un comentario