17 de xullo de 2020

TANZA, O PROXECTO DE COOPERACIÓN ENTRE O SECTOR PESQUEIRO E O DE INCLUSIÓN, ARRANCOU ESTE MÉRCORES COA SÚA REUNIÓN DE PRESENTACIÓN

A iniciativa, promovida por seis dos oito GALP galegos, busca fomentar o emprego inclusivo na zona costeira galega.

Á súa presentación asistiu a Conselleira do Mar e representantes dos GALP promotores.

O Proxecto de cooperación Tanza foi presentado este mércores 15 de xullo nunha reunión virtual, debido ás circunstancias derivadas da actual crise sanitaria. 

Á reunión de presentación foi moderada por Javier Otero Patrón Maior da Confraría de Ribadeo e Presidente do GALP A Mariña-Ortegal, coordinadora do proxecto. 

Asistiron representantes dos seis GALP promotores da iniciativa (A Mariña-Ortegal, Golfo Ártabro Norte, Golfo Ártabro Sur, Costa da Morte, Costa Sostible e Ría de Arousa), así como representantes da organización, a Conselleira do Mar, Rosa Quintana e a Directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo.

Este proxecto de cooperación xorde da necesidade de definir lazos de cooperación entre o sector pesqueiro e o ámbito social, sobre todo no que respecta ao ámbito das discapacidades, e a mellora medioambiental. 

Así, o seu principal obxectivo é o de por en contacto a entidades da área da inclusión social co sector pesqueiro ao longo de toda a costa galega co fin de mellorar a empregabilida-de e a inclusión social nas actividades vencelladas ao mar.

O proxecto pretende reforzar a gobernanza das zonas costeiras cunha visión colaborativa e integradora do sector do mar, a inclusión social e tamén do importante papel que teñen os concellos como dinamizadores do territorio. Busca, por tanto, impulsar un maior dinamismo socioeconómico nas zonas costeiras, cunha marcada orientación á promoción dunha economía máis verde e sostible.

Ao longo do verán organizaranse reunións informativas dende Ribadeo ata O Grove co fin de diVulgar o proxecto e detectar as oportunidades de colaboración entre ambos sectores. Nelas poderán participar entidades da área de inclusión social como centros ocupacionais, centros especiais de emprego e asociacións, así como confrarías, empresas e entidades do sector pesqueiro.



Ningún comentario:

Publicar un comentario