20 de xullo de 2020

CAPACITACIÓN DE MOZOS E MOZAS EN BUSCA DO RELEVO XERACIONAL NO SECTOR PESQUEIRO

O proxecto de colaboración RELEVO 2020 é unha iniciativa de carácter formativo promovida por cinco dos oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro que hai en Galicia.

O GALP Golfo Ártabro Norte xunto con outros catro GALP galegos (GALP Mariña Ortegal, Seo de Fisterra Ría de Muros-Noia Costa Sostible, GALP Golfo Ártabro Sur e GALP Ría de Arousa) promove un proxecto de colaboración centrado na capacitación de mozos e  mozas, a través da formación e dun mellor coñecemento dos recursos do territorio, a fin de fomentar e acadar o relevo xeracional no sector pesqueiro. O proxecto ofrecerá unha visión global do sector aos participantes, coa que se lles facilitarán ferramentas e recursos que lles permitan orientar o seu futuro en relación ao sector do mar.

A iniciativa que xa está na súa fase de arranque, coa posta en marcha da preparación das actuacións que se van desenvolver, vai destinada a mozos e mozas dos 16 aos 30 anos que pertenzan a algún dos 50 concellos que conforman os territorios dos cinco GALP. No caso do Ártabro Norte, o territorio abrangue os concellos de Ares, Cabanas, Fene, Ferrol, Miño, Mugardos, Narón, Neda, Paderne, Pontedeume.

O proxecto desenvolverase en dúas edicións de catro meses cada unha (a primeira de setembro a decembro de 2020 e a segunda de xaneiro a abril de 2021) e contará con 30 prazas en cada un dos territorios, que serán cubertas por orde de inscrición e atendendo a un reparto homoxéneo nos concellos do territorio.

Non é preciso contar nin con titulación vinculada ao sector pesqueiro nin con experiencia previa no mesmo. 

O equipo docente estará formado por profesionais do eido das Ciencias Experimentais e das Ciencias Sociais que desenvolverán un programa formativo centrado no coñecemento do sector e na titorización persoal de cada alumno e alumna.

As sesións impartiranse, un máximo de dúas veces por semana, a través de seminarios formativos, titorías, saídas de campo, encontros con mozos e mozas con experiencia e encontros con profesionais do sector. 

Para o remate do proxecto e modo de incentivo para aquel alumnado que tivese participado activamente no proxecto e cumprido os requisitos formativos haberá unha visita de estudo nacional ao País Vasco á Escola de Formación de Carpintería de Ribeira “Albaola”.

Reunións informativas

O GALP leva días visitando un a un os concellos e confrarías de pescadores do territorio a fin de facelos partícipes activos da difusión e promoción do proxecto e na busca e captación de destinatarios. Visitáronse os concellos de Miño, Cabanas, Ares, Mugardos, Pontedeume, Fene, Neda e Narón e as confrarías de Miño, Pontedeume, Ares, Mugardos, Barallobre e Ferrol.

As reunións seguirán nos vindeiros días e semanas para achegar a información a persoas interesadas e coordinar a difusión do proxecto coas entidades colaboradoras a fin de fomentar a captación de alumnado.


Solicitude de información

Para informarse sobre o proxecto, está habilitada a dirección de email info@relevo2020.org e o espazo web relevo2020.org no que ademais se atopará o formulario de inscrición que quedará habilitado esta mesma semana.

As persoas que así o desexen tamén poden informarse na oficina do GALP, na súa sede en Miño e seguir as novas a través das redes sociais Instagram e Facebook buscando por Relevo2020.




Ningún comentario:

Publicar un comentario