Aprenden a diferenciar ameixas e mexilóns autóctonos, concienciándose de que o seu consumo é fundamental para a economía mariñeira local
O pasado mes de maio lanzábase o programa ONDAS DE ILUSIÓNS –ESCOLAS DO MAR dende o GALP Golfo Ártabro Norte a todos os centros educativos públicos de Primaria (Ares, Cabanas, Fene, Ferrol, Miño, Mugardos, Narón, Neda, Paderne e Pontedeume) para ofertar diversas actividades no seo do programa de sensibilización escolar ONDAS DE ILUSIÓNS - ESCOLAS DO MAR. Esta campaña ten como obxectivo o coñecemento do medio mariño e os recursos pesqueiros, a pesca sustentable, a contaminación dos plásticos no mar o cambio climático e a biodiversidade; nesta edición deuse prioridade ademais ao fomento de actividades deportivas naúticas.
Durante este mes de xuño participou un total de 161 nenos e nenas de 3º a 6º de Primaria de colexios de Fene (CPI A Xunqueira, CEIP Plurilingüe Os Casais), Ferrol (CEP Manuel Masdías) e Pontedeume (CEIP Couceiro Freijomil).
Para o mes de setembro xa están reservadas 200 prazas dende os colexios de Ares (CPI As Mirandas), Ferrol (CEIP A Laxe e CEIP Juan de Lángara), Narón (CRA de Narón) e Neda (CEIP de Maciñeira). Os centros que ainda non realizaron a súa inscrición están a tempo de facelo, antes do 15 de xullo, se ben as prazas son limitadas e urxe contactar co equipo técnico do programa, a través do e-mail ondasdeilusions@gmail.com, no teléfono 633 074 271, debendo cumprimentar o formulario que está dispoñible na web www.ondasdeilusions.es.
Nesta páxina pódese consultar máis información sobre as actividades de Ondas de Ilusións, no que se incorpora un caderno de bitácora con todas as anécdotas de cada saída ao mar: as saídas en kaiak polas rías de Ares e Betanzos, os obradoiros de sensibilización medioambiental sobre a nosa pegada ecolóxica e charlas sobre a diferenciación dos bibalvos autóctonos (ameixa fina) dos foráneos. Nestes encontros, o alumnado coñece as potencialidades da enerxia solar na potabilización das augas, as características físicas da contorna que visitan (estuarios, augas doces e salgadas) e familiarízase cos traballos que desenvolven as Confrarías de Pescadores relativos ás medicións e controis do substrato, das augas, dos poliquetos submareais ou vermes de area que osixenan aos moluscos, amosando material e aparatos específicos e destacando o labor de defensa do medio mariño e da economía local.
O proxecto contou nesta primeira fase coa colaboración das Confrarías de Pescadores de Miño e Pontedeume e a participación do Clube Naútico Deportivo de Miño e o KDM de Cabanas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario