18 de setembro de 2018

Un concurso dirixido ao alumnado premia as mellores ideas sobre o mar e a vida nel para despois filmalas



Por segundo ano o programa audiovisual Vidas Mariñeiras chega aos concellos do Golfo Ártabro Norte. O prazo para que grupos de alumnos e alumnas de 3º e 4º da E.S.O e 1º de Bacharelato, presenten ideas relacionadas coa vida e a paisaxe na costa ou que teñan como punto de partida o retrato dos oficios vinculados ao mar remata o 3 de outubro.






Ata o próximo mércores 3 de outubro, o alumnado de 3º e 4º da ESO e de 1º Bacharelato dos concellos que abranxe o GALP Golfo Ártabro Norte (Ares, Cabanas, Fene, Ferrol, Miño, Mugardos, Narón, Neda, Paderne e Pontedeume) pode presentar proxectos audiovisuais enfocados á realización dunha curtametraxe.

Trátase do programa pedagóxico Vidas Mariñeiras, convocado polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Golfo Ártabro Norte no marco das actividades que está organizando este ano 2018 a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP 2014-2020) co obxectivo de dinamizar e poñer en valor o litoral da súa área.

Vidas Mariñeiras contempla a selección, titorización e desenvolvemento de proxectos cinematográficos a cargo de profesionais do audiovisual nun programa formativo dunhas 50 horas, repartidas en varias sesións ao longo dos meses de outubro e novembro. O resultado: curtametraxes elaboradas polo propio alumnado que poderán ser de ficción, documentais ou experimentais e que terán como tema o medio mariño e todo o que o rodea.

Máis información na páxina web: Vidas Mariñeiras

Ningún comentario:

Publicar un comentario