6 de outubro de 2026

Coñecer outras experiencias para construír o futuro do mar

 O relevo xeracional é un dos grandes retos aos que se enfronta o sector marítimo-pesqueiro. Coñecer experiencias que xa están a traballar neste ámbito, compartir aprendizaxes e descubrir novas formas de achegar a mocidade aos oficios do mar é tamén unha maneira de avanzar.

Con este obxectivo, no marco do proxecto de cooperación “Relevo Xeracional: O Futuro do Mar”, participamos do 28 de setembro ao 2 de outubro nunha visita de estudo ao País Vasco, unha oportunidade para coñecer de primeira man diferentes iniciativas relacionadas co presente e, sobre todo, co futuro do sector.


Durante estes días achegámonos a experiencias vinculadas á formación, á innovación e á investigación, á incorporación de novas xeracións ao sector pesqueiro e á transmisión da cultura e do patrimonio marítimo.

A visita levounos por diferentes espazos e entidades, como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca e a Lonxa de Ondarroa, AZTI, Albaola, OPEGUI e o Itsas Museo de Donosti, coñecendo iniciativas que abordan o relevo xeracional desde perspectivas diferentes pero complementarias.

Formación, innovación e novas oportunidades

Un dos aspectos máis interesantes da visita foi precisamente comprobar como a formación, a experiencia práctica e a conexión directa co sector poden desempeñar un papel fundamental á hora de achegar a actividade pesqueira ás novas xeracións.

Tamén puidemos coñecer iniciativas relacionadas coa investigación e a innovación, a valorización dos produtos do mar, a divulgación da actividade pesqueira e a conservación e transmisión do patrimonio marítimo.


Compartir experiencias para seguir avanzando

As visitas de estudo permiten coñecer outras realidades e, sobre todo, intercambiar experiencias con persoas e entidades que afrontan retos moi similares aos nosos.

Porque falar de relevo xeracional non é só falar da incorporación de xente nova. É tamén falar de formación, oportunidades profesionais, innovación, transmisión de coñecementos e da necesidade de mostrar todo o que o sector marítimo-pesqueiro pode ofrecer ás novas xeracións.


Esta visita forma parte de “Relevo Xeracional: O Futuro do Mar”, un proxecto de cooperación no que participan todos os GALP de Galicia, coordinado polo GALP Ría de Arousa, e que conta coa colaboración do GALP vasco Itsas Garapen Elkartea, entidade anfitrioa durante esta visita.

Volvemos desta experiencia con novas referencias, aprendizaxes e ideas para seguir traballando tamén desde o Golfo Ártabro Norte para achegar a mocidade ao sector e contribuír á continuidade das nosas comunidades costeiras.

Proxecto financiado pola Consellería do Mar no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).

24 de setembro de 2026

A mirada da xente nova sobre o mar chegará aos mercados municipais

 Como ven o mar os nenos, nenas e adolescentes do Golfo Ártabro Norte? 🌊🎨📸

Queremos descubrilo a través dunha nova iniciativa das actividades de animación e divulgación do GALP Golfo Ártabro Norte para 2026, coa que convidamos o alumnado de Ares, Ferrol, Mugardos e Pontedeume a mirar ao seu redor e contar, a través do debuxo e da fotografía, a súa relación co mar e cos oficios que forman parte do noso territorio.

Para o alumnado de Primaria propoñemos “A miña peixería e máis eu”, un concurso de debuxo no que as peixeiras e peixeiros, os produtos do mar, a alimentación saudable e as receitas mariñeiras poden converterse en protagonistas. 🐟🎨

Para os rapaces e rapazas de Secundaria, o reto é “Falan as ondas do mar”. A través da fotografía poderán captar o traballo nas lonxas, peixerías, portos, barcos ou zonas de marisqueo, pero tamén os produtos locais, as paisaxes costeiras, o patrimonio marítimo ou a importancia da conservación dos océanos e da sustentabilidade pesqueira. 🌊📷

Das aulas aos mercados

E aquí está unha das partes máis bonitas da iniciativa: os traballos non quedarán nas aulas.

Unha selección dos debuxos e fotografías converterase nunha exposición itinerante que durante o mes de novembro percorrerá os mercados municipais de Ferrol, Ares, Mugardos e Pontedeume.

Será unha maneira de unir escola, mar e territorio, levando aos mercados a forma na que as novas xeracións ven a pesca, o marisqueo, os produtos mariños e a cultura mariñeira que teñen ao seu redor.

Nesta iniciativa están chamados a participar un total de 41 centros educativos dos catro concellos.

📅 O prazo para presentar os traballos remata o 19 de outubro de 2026.

📄 Consulta as bases

🎨 “A miña peixería e máis eu”
Concurso de debuxo para alumnado de Educación Primaria.
📸 “Falan as ondas do mar”
Concurso de fotografía para alumnado de 1º a 4º da ESO.

📩 Para máis información e para solicitar o modelo de adhesión ao proxecto: maicafreire@gmail.com.

💙 Agardamos ver moitos debuxos, moitas fotografías e, sobre todo, moitas maneiras diferentes de mirar o noso mar.

Actividade desenvolvida no marco das actividades de animación e divulgación do GALP Golfo Ártabro Norte para 2026, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA): 70 % Unión Europea e 30 % Xunta de Galicia.

17 de setembro de 2026

Da formación ao areal: Silvia Coba estrea “Sente o Mar” en Mugardos

 O que comezou cunha formación xa é unha experiencia real no noso territorio. 🌊

Silvia Coba estreou en Mugardos “Sente o Mar”, unha proposta de turismo mariñeiro coa que comparte algo que coñece de primeira man: o marisqueo a pé e a vida da ría.

A primeira actividade celebrouse o 15 de setembro no Areal do Peirao de Mugardos, onde Silvia acompañou ás persoas participantes nun percorrido para achegalas ao seu oficio, coñecer as especies da ría, entender a importancia das mareas e descubrir todo o traballo que hai detrás do marisqueo a pé.

E a primeira experiencia tivo moi boa acollida: as 12 prazas inicialmente previstas convertéronse finalmente en 18 participantes, que tiveron a oportunidade de descubrir o marisqueo desde a mirada e os coñecementos dunha profesional do sector.

Un primeiro paso para Silvia

“Sente o Mar” nace do traballo desenvolvido no marco de “Mar e Rías: Pesca & Turismo”, proxecto de cooperación no que participa o GALP Golfo Ártabro Norte xunto cos demais GALP de Galicia.

Silvia participou na formación desenvolvida dentro do proxecto e coñeceu outras experiencias de turismo mariñeiro. Agora dá un paso máis: levar esa aprendizaxe ao seu territorio e convertela nunha proposta propia, ligada ao seu oficio e á ría de Mugardos.

Esta primeira xornada supón, polo tanto, algo máis que unha actividade: é o inicio dunha nova forma de compartir e poñer en valor o coñecemento das persoas que traballan no mar, achegándoo tanto á poboación local como ás persoas que visitan o territorio.

E Sente o Mar non remata aquí. Tras esta primeira experiencia, Silvia continuará ofrecendo a actividade a grupos interesados en coñecer o marisqueo a pé e descubrir de preto a vida da ría.

“Sente o Mar” tamén nos medios

A primeira experiencia de Silvia espertou tamén o interese dos medios de comunicación.

📰 La Voz de Galicia – Edición Ferrol recolleu a estrea desta nova proposta de turismo mariñeiro en Mugardos.

Ler a noticia de La Voz de Galicia

🎙️ RadioVoz Ferrol achegouse tamén a Sente o Mar para coñecer a experiencia e contar aos seus oíntes o traballo desenvolvido a través do proxecto.

Escoitar o podcast de RadioVoz Ferrol

Parabéns, Silvia, por este primeiro paso! 👏🌊

14 de setembro de 2026

Coñecer o mar desde dentro: a experiencia de Nacho a bordo do Hijos de Demetrio

 Hai profesións que se coñecen mellor cando se viven de primeira man. O pasado 10 de setembro, Nacho, estudante do Ciclo Superior de Transporte Marítimo e Pesca de Altura, tivo a oportunidade de facelo participando nun embarque formativo en Mugardos a bordo do Hijos de Demetrio, unha embarcación de artes menores con porto base en Barallobre.

Xunto a Óscar, patrón da embarcación, compartiu unha xornada de traballo no mar nunha saída centrada no marisqueo da ameixa. Unha experiencia que lle permitiu coñecer como se desenvolve o traballo a bordo e achegar a formación que recibe nas aulas á realidade diaria do sector.

Nacho quedou cunha recomendación clara para outros mozos e mozas que estean pensando nun futuro profesional ligado ao mar: hai que probalo, aínda que sexa unha vez, coñecer aos profesionais e descubrir desde dentro como é realmente este traballo.

O embarque forma parte de “Relevo Xeracional: O Futuro do Mar”, proxecto de cooperación no que participa o GALP Golfo Ártabro Norte, impulsado conxuntamente polos oito GALP de Galicia e coa colaboración do GALP do País Vasco.

A través de experiencias coma esta, o proxecto busca achegar a mocidade aos oficios do mar, conectar formación e realidade profesional e contribuír ao relevo xeracional do sector marítimo-pesqueiro.


🌊 Porque para saber se o mar pode formar parte do teu futuro, primeiro hai que coñecelo desde dentro.

5 de agosto de 2026

Inclusión, aprendizaxe e valorización do produto local a través da cociña sensorial


O desenvolvemento local sostible tamén pasa por promover a inclusión social e por achegar á cidadanía o valor dos produtos do mar da nosa costa.

No marco das actividades de animación e divulgación 2026 do GALP Golfo Ártabro Norte, organizouse no Centro Cívico de Canido (Ferrol) un obradoiro de cociña sensorial dirixido ás persoas usuarias da Asociación Sociocultural ASCM.

A través desta actividade, as persoas participantes coñeceron a orixe e a trazabilidade dos produtos, aprenderon técnicas básicas para a súa preparación e elaboraron un salpicón con ingredientes de proximidade, combinando produtos do mar e da horta local.

A elaboración realizouse con rape e polbo da Confraría de Pescadores de Barallobre, conservas de ovas de pescada e congro de La Pureza (Cariño), comercializadas tamén na propia confraría, e cogombros, pementos e perexil procedentes da horta comunitaria de Canido.

Máis aló da elaboración culinaria, o obradoiro constituíu unha experiencia práctica de aprendizaxe e participación que permitiu achegar ás persoas participantes o valor dos produtos pesqueiros locais, ao tempo que puxo de relevo a importancia da colaboración entre o sector pesqueiro, as entidades sociais e a comunidade.

Desde o GALP Golfo Ártabro Norte continuamos impulsando actividades que promoven o coñecemento, o consumo e a valorización dos produtos da nosa costa, contribuíndo ao desenvolvemento sostible das comunidades pesqueiras e á inclusión social.