14 de setembro de 2023

A quen vai dirixida a EDLP?


Os potenciais beneficiarios das próximas convocatorias de axudas FEMPA 2021-2027 son todas as persoas e entidades pertencentes ao sector marítimo-pesqueiro, autónomos e empresas en xeral, administracións locais, organizacións, clubes e entidades sen ánimo de lucro.

Recordade que os proxectos teñen que ter cabida en algúns dos diferentes obxectivos estratéxicos propostos no plan de acción da EDLP.

En breve está previsto abrir a primeira convocatoria de axudas deste novo período FEMPA 2021- 2027.

Mentres podes resolver calquera dúbida coa oficina técnica do GALP Golfo Ártabro Norte no teléfono: 981784417 ou a través do enderezo electrónico: galp.mar.golfoartabronorte@xunta.gal


8 de agosto de 2023

Selección e contratación de persoal para o posto de xerente do GALP Golfo Ártabro Norte

O GALP Golfo Ártabro Norte debe contar co persoal necesario con formación e capacidade para a realización das funcións que ten encomendadas como entidade colaboradora da Consellería do Mar na xestión da EDLP do GALP no período FEMPA 2021-2027.  A cláusula 17ª do Convenio de colaboración asinado coa Consellería do Mar establece as características e condicións do persoal do GALP e a súa selección e recolle que unha das persoas será a persoa encargada da xerencia.

A Xunta Directiva do GALP Golfo Ártabro Norte en sesión celebrada o 2 de agosto de 2023 aprobou as bases reguladoras da selección e a convocatoria para a contratación dun/ha XERENTE da Asociación Grupo de Acción Local Golfo Ártabro Norte onde están recollidas as condicións e requisitos necesarios e que pódense consultar na seguinte ligazón:

BASES DE SELECCIÓN E PROCEDEMENTO 

O obxecto desta convocatoria é a selección e contratación laboral da persoa que desempeñará o posto de XERENTE do GALP Golfo Ártabro Norte na xestión da Estratexia do Grupo no marco do FEMPA.

A selección farase tendo en conta os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade da convocatoria.

PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES: 

DENDE O 9 DE AGOSTO ATA O 30 DE AGOSTO DE 2023 

(AMBOS INCLUSIVE)


Consulta aquí os contidos do temas:  TEMARIO


As solicitudes poderán presentarse ben de forma presencial na sede do GALP de luns a venres de 9.00 a 14.00 h, ben por correo ordinario certificado ao rexistro do GALP, en sobre pechado na oficina do GALP (neste último caso, deberá enviarse un correo electrónico antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes, indicando que se enviou a documentación por correo certificado e copia do documento acreditativo do envío): Asociación Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro GOLFO ARTABRO NORTE. Rúa Curro, 33 (Casa do Pescador), 15630 Miño. Teléfono 981 784 417

 

14 de febreiro de 2023

Aprobada a Estratexia de Desenvolvemento Local Participativa (EDLP) do GALP Golfo Ártabro Norte con preto de 6 millóns de euros para este ámbito territorial

O Grupo de Acción Local Golfo Ártabro Norte xestionará no actual período FEMPA (Fondos Europeos da Pesca e da Acuicultura) 2023-2027 un orzamento total de 5.804.160,29 €, dos que 4.647.862,73 € (o 80%) destinaranse exclusivamente a axudas a proxectos no territorio de actuación que se estende a 10 Concellos: Narón, Ferrol, Neda, Fene, Ares, Mugardos, Cabanas, Pontedeume, Miño e Paderne; e ás 6 Confrarías: Miño, Pontedeume, Ares, Mugardos, Barallobre e Ferrol.

Esta asignación de fondos europeos contribuirá durante os vindeiros cinco anos a xerar riqueza vinculada ao mar e ao seus produtos neste territorio costeiro, xa que a maior parte dos promotores serán pequenas empresas, microempresas, pemes e persoas particulares. Isto contribuirá tamén a fixar poboación no territorio ao incentivar a actividade socioeconómica e indirectamente a mellora da calidade de vida da súa cidadanía.

Unha vez xa asinado o Convenio de Colaboración coa Consellería do Mar en xaneiro deste ano, o 50% dos fondos destinaranse á cadea de valor do sector pesqueiro, e o restante a temáticas como o fomento da economía azul, do patrimonio medioambiental para mitigación do cambio climático, do patrimonio cultural mariñeiro ou da gobernanza entre asociacións e entidades do sector mar-pesca.

O GALP Golfo Ártabro Norte conta cunha sede en Miño, na Casa do Pescador, e conta cun equipo técnico para orientar e informar aos potenciais interesados en solicitar axudas públicas do FEMPA para os proxectos que vaian a desenvolver. En próximas datas prevese a publicación da convocatoria das axudas pola Consellería do Mar. Non obstante, é convinte que os potenciais promotores interesados en solicitar axudas se informen co equipo técnico antes de iniciar calquera trámite, co obxecto de valorar no posible se a súa idea empresarial se adecúa aos obxectivos estratéxicos da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo. A entidade informará a través das súas canles de comunicación (web e redes sociais) da apertura das convocatorias.

PREME AQUÍ PARA CONSULTAR A EDLP

Esta Estratexia elaborouse coa participación e implicación de numerosos axentes públicos e privados do territorio a través dun proceso participativo “de abaixo a arriba” desenvolto durante tres meses mediante Mesas Sectoriais dos ámbitos pesqueiro (as 6 Confrarías do territorio), social, económico, de muller, mocidade, e público (os 10 Concellos) nos que se realizou una diagnose previa do territorio e se estableceron os obxectivos estratéxicos perseguidos coa execución do Programa a desenvolver no período 2023-2027.