O próximo martes, 12 de febreiro, ás 18.30 horas na Casa da Cultura de Pontedeume, levarase a cabo unha exhibicion dos proxectos gañadores do concurso de proxectos audiovisuais 'Vidas Mariñeiras 2018'.
O programa inclúe 'Abrir os ollos', unha produción do alumnado de 4º da ESO do IES Breamo de Pontedeume, un filme documental que quere trasladar unha preocupación: a contaminación das augas e a contorna na desembocadura do río Eume.
Tamén teremos ocasión de ver novamente 'Entre o río e mar', neste caso unha produción feita no ano 2017 polos alumnos de 3º da ESO do IES Breamo, que foi finalista nos premios Olloboi 2018 na categoría documental, e que tamén recibiu un premio ao mellor guión no IX Certame de cine OUFF Escola, dentro da 23ª edición do Ourense Film Festival.
Tamén proxectarase "Atlántico de plástico", unha peza do IES Canido de Ferrol que fala da contaminación por microplásticos, parte dunha xornada de surf no corpo dunha das cineastas, Carmen, e contou coa colaboración do equipo científico da Estación biolóxica da Graña.
Vidas Mariñeiras é un programa pedagóxico que ofrece ao alumnado unha base teórico-práctica e unha formación en técnicas audiovisuais destinada á posta en valor dos oficios tradicionais e paisaxes mariñeiras da costa.
Este programa contempla a selección, titorización e desenvolvemento de varios proxectos cinematográficos que dan como resultado unha serie de filmes representativos da vida e paisaxe na costa, nomeadamente a partir do retrato dos oficios vinculados ao traballo no mar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario