26 de decembro de 2025

Proximamente: Curso de Emprendemento en Turismo Mariñeiro e Pescaturismo

O GALP Golfo Ártabro Norte, dentro do proxecto de cooperación Mar e Rías: Pesca & Turismo, no que participan os oito GALP galegos, lanza un curso gratuíto de emprendemento para profesionais do sector pesqueiro ou persoas interesadas en desenvolver proxectos de turismo mariñeiro e pescaturismo no ámbito territorial do GALP.


Destinatarios 👥  Mariñeiros/as, mariscadores/as, redeiros/as; Traballadores/as do sector pesqueiro; 

Persoas interesadas en emprender no turismo mariñeiro e pescaturismo

Obxectivos do curso 🎯

O curso permitirá a cada participante:

Deseñar un proxecto sólido e seguro, vinculado ao territorio

Aplicar boas prácticas de sustentabilidade e valorizar o produto local

Desenvolver habilidades comunicativas e interpretativas do patrimonio mariño-pesqueiro

Crear a súa primeira experiencia turística, lista para poñela en marcha, con acompañamento e titorías posteriores

Contidos principais 📚

Introdución ao turismo mariñeiro e pescaturismo: concepto, marco legal e papel do profesional do mar

Sustentabilidade pesqueira, boas prácticas e valorización do produto local

Interpretación do patrimonio mariño-pesqueiro e habilidades comunicativas

Deseño dunha experiencia turística propia: percorrido, mensaxes clave, seguridade e organización

Exposición e simulación práctica da actividade deseñada

Información e pre-inscrición 📌

As prazas son limitadas, polo que se recomenda pre-inscribirse canto antes:

Teléfono: 981 784 417

Email: galp.mar.golfoartabronorte@xunta.gal

Fai do teu coñecemento do mar unha nova oportunidade de futuro! 🌊





15 de decembro de 2025

A xornada técnica Pesca&Turismo reúne en Noia ao sector pesqueiro galego para impulsar un modelo común de turismo mariñeiro

O Casino de Noia acolleu o venres 12 de decembro a Xornada Técnica Pesca&Turismo, un encontro promovido polos oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) galegos que reuniu profesionais do mar, representantes das administracións e entidades relacionadas co ámbito marítimo-pesqueiro para analizar os retos e oportunidades do turismo mariñeiro en Galicia.

A xornada, integrada no proxecto Mar e Rías: Pesca&Turismo, tivo como obxectivo reforzar un espazo de coordinación e diálogo que permita avanzar cara a un modelo galego consolidado de pesca turismo e turismo mariñeiro, ámbitos que se están a revelar como unha ferramenta estratéxica para a diversificación económica das vilas costeiras.

O acto inaugural contou coa intervención de Ángeles Vázquez Suárez, Directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro; da Presidenta do GALP Ría de Pontevedra, Mª Carmen Vázquez Nores; e do Presidente do GALP Costa Sostible, Mariano Lago Louro, quen destacaron a importancia de fortalecer un marco estable de cooperación para garantir o desenvolvemento profesional deste tipo de iniciativas.




Análise técnica e visión institucional

Ao longo do día abordáronse cuestións clave para o desenvolvemento destas actividades, como a adaptación das embarcacións ás esixencias técnicas vixentes, os sistemas de comercialización máis axeitados, a creación de produtos turísticos especializados ou o papel da cooperación entre profesionais, confrarías e administracións no impulso deste tipo de iniciativas.

A primeira ponencia estivo a cargo de Iván Meléndez Menela, Director de Competitividade de Turismo de Galicia, que debullou o potencial do turismo mariñeiro como oportunidade para diversificar a economía costeira. A continuación, Diego Novoa Fernández, Subdirector de Desenvolvemento Pesqueiro, presentou a situación actual destas actividades en Galicia, así como salientou a capacidade de financiamento de proxectos de turismo mariñeiro polos GALPs achegando diversos exemplos.

Abordouse o papel das Capitanías Marítimas na pesca turismo, nunha mesa na que participaron Juan Andrés Pérez Pérez, da Capitanía Marítima de Vilagarcía de Arousa, e Domingo Pose, Coordinador de Seguridade e Inspección Marítima da Capitanía da Coruña. Ambos explicaron os requisitos técnicos e os procedementos necesarios para garantir a seguridade das actividades a bordo.

As necesidades do sector mariñeiro

A visión do sector quedou recollida nun debate no que participaron Daniel Formoso Moledo, Presidente da Federación de Confrarías da Coruña; José Antonio Pérez Siera, Presidente da Federación Galega de Confrarías; e Juan José Rial Millán, Patrón maior da Illa de Arousa. Expuxeron as principais necesidades das confrarías, así como as expectativas e dificultades ás que se enfrontan as persoas profesionais que buscan poñer en marcha iniciativas de turismo mariñeiro.

Manuel Veloso, do Clúster Turismo de Galicia, abordou as estratexias máis efectivas para a promoción e comercialización destas experiencias, facendo fincapé na importancia de construír produtos diferenciados, sostibles e coordinados co territorio.

Experiencias xa consolidadas na costa galega

A sesión da tarde centrouse na presentación de proxectos que xa están en funcionamento.

No ámbito da pesca turismo interviñeron Sauro Martínez Durán, promotor de Marinero por un día, e Severino Casal Diz, responsable de Pescaturismo Novo Migueliño, quen compartiron a súa experiencia práctica e os retos asociados á actividade diaria a bordo.

No bloque dedicado ao turismo mariñeiro participaron Ana Sotelino (Amarturmar), Rosa Mª Millán Romero, Moncha López Castro e Maje Santamaría Maneiro, todas elas integrantes de Turismo Mariñeiro Mar da Pobra. As súas intervencións permitiron coñecer modelos de actividade consolidados e identificar boas prácticas aplicables ao conxunto da costa galega.

Un proxecto para reforzar capacidades e abrir novas oportunidades

A Xornada Técnica forma parte do proxecto Mar e Rías: Pesca&Turismo, coordinado polo GALP Ría de Pontevedra e desenvolvido polos oito GALP galegos coa finalidade de promover a capacitación profesional, apoiar o emprendemento e impulsar novas iniciativas de turismo mariñeiro ao longo da costa. A iniciativa dá continuidade ao modelo posto en marcha con Mar das Illas, que contribuíu á formación de máis de 250 profesionais e ao nacemento de proxectos pioneiros neste ámbito.

O proxecto está cofinanciado nun 70% polo Fondo Europeo Marítimo da Pesca e da Acuicultura (FEMPA) e nun 30% pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia.




12 de decembro de 2025

Presentación proxecto cooperación "Relevo Xeracional: O futuro do mar"

Unha representación do GALP Golfo Ártabro Norte —integrado polas Confrarías de Pontedeume, Miño e Barallobre e polo Club Cabanas KDM— desprazáronse o pasado 10 de decembro á Cidade da Cultura de Galicia para participar na presentación do proxecto de cooperación “Relevo xeracional: o futuro do mar”, iniciativa para promover a FP Dual marítimo-pesqueira e garantir o relevo xeracional no sector.”

Iniciativa impulsada polos oito GALP galegos co apoio da Consellería do Mar e coordinado polo GALP Ría de Arousa, para promover a FP Dual marítimo-pesqueira e garantir o relevo xeracional no sector. Galicia e País Vasco colaboran e presenta oficialmente o proxecto Relevo xeracional: o futuro do mar para impulsar a FP Dual Marítimo-Pesqueira.


ASISTENTES INSTITUCIONAIS E INTERVINTES

A apertura do evento correu a cargo do presidente do GALP Ría de Arousa D. Miguel Ángel Iglesias Romero e da Directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Dna. Ángeles Vázquez Suárez que destacou a importancia de implicar ao sector pesqueiro como protagonista mentor de cara á formación de futuros profesionais do mar. Nestas intervencións detacaron a importancia e necesidade do relevo xeracional, o papel dos GALP na dinamización das zonas de costa e a necesidade de reforzar a FP Dual marítimo-pesqueira.

Coa xerente do GALP coordinador, Rosa Carballo como moderadora, o evento continuou coa presentación técnica a cargo de Mª Calvo, asistencia técnica, e coas mesas do sector pesqueiro e acuícola e de FP Dual representadas respectivamente por José Antonio Pérez Sieira, presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, Lino Suárez de OPMEGA, Rosa Meijide de ARVI e Manuel Bermúdez, de Porto de Celeiro. 

O nexo común de todas as intervencións foi destacar os retos actuáis do sector en busca do relevo, a necesidade de formación práctica e as oportunidades de futuro, avalando a importancia de traballar conxuntamente.

O único grupo pesqueiro do País Vasco, colaborador deste proxecto tivo tamén unha intervención de Ekaitz Urtiaga na que mencionou os proxectos máis destacados que levan tempo desenvolvendo de cara á concienciación e coñecemento do sector pesqueiro por parte do máis cativos e da mocidade.



O proxecto conta con material audiovisual que foi presentado, en concreto un vídeo promocional no que saen representados os oito territorios GALP e oficios do sector pesqueiro e unhas pílulas audiovisuais que serán empregadas para a promoción da iniciativa en redes sociais. 

Precisamente tamén estiveron presentes Emilio Queiruga, Patrón maior de Porto do Son, Jacqueline Lista, presidenta da agrupación de marisqueo de Camariñas e Amalia González, vicepatrona de Camariñas que foron os protagonistas das dúas primeiras pílulas gravadas nesta anualidade nas que destacan as avantaxes da súa profesión; contacto coa natureza, horarios flexibles ou calidade de vida son algúns dos aspectos destacables.

DATOS DE PARTICIPACIÓN

Máis de 85 persoas asistiron ao evento de xeito presencial, entre as que destacamos a presenza dos 8 GALP representados polos seus xerentes e persoas da directiva, a presenza de confrarías de pescadores, agrupacións de marisqueo, asociacións e cooperativas de armadores, asociacións de bateeiros e organización de produtores, escolas náutico-pesqueiras, concellos ou asociacións do ámbito social.

Hai que destacar a retransmisión en directo do evento a través da que se conectaron persoas de entidades do sector pesqueiro doutras comunidades autónomas.

PRÓXIMOS PASOS

O proxecto comezará en xaneiro as intervencións en centros educativos cos que xa se está en contacto para a súa participación e continuará o contacto co sector pesqueiro e as súas entidades de cara á xornada técnica sobre a FP Dual que se desenvolverá no segundo trimestre do 2026.


2 de decembro de 2025

Feira do sector primario

O pasado 18 de novembro estivemos no Pazo da Cultura de Narón participando na Feira do Sector Primario, organizada por Aje Ferrolterra, dando a coñecer o labor do GALP GOLFO Artabro NORTE e as oportunidades que brindamos ao territorio e ao sector marítimo-pesqueiro.



Proxecto de cooperación Mar e Rías 2025-2026. Xornada de emprendemento

 A semana pasada celebramos a Xornada de Emprendemento Pesca & Turismo na Casa do Pescador de Miño, un encontro para dar a coñecer novas oportunidades de negocio no turismo mariñeiro e pesqueiro.

En 2026 impartirase no territorio un Curso práctico e gratuíto de Emprendemento en Turismo Mariñeiro e Pescaturismo, pensado para axudarche a poñer en marcha o teu propio proxecto. As prazas serán limitadas.

Ademais, o 12 de decembro celebrarase no Casino de Noia unha Xornada Técnica de Pesca&Turismo.

Para anotarse: info@pescaeturismo.gal

Estas actividades enmárcanse no proxecto de cooperación Mar e Rías 2025–2026, no que participamos xunto cos outros GALP de Galicia. Mar e Rías Pesca & Turismo

Para máis información ou interese en participar nas actividades, contacta co GALP Golfo Ártabro Norte.