24 de abril de 2019

Proposta definitiva da Xunta Directiva Convocatoria 2019 - Programa FEMP 2014-2020

Incremento da actividade económica ligada ao mar no Golfo Ártabro Norte

Aproximadamente 3.000.000 € de investimento no territorio para máis dunha trintena de proxectos. Dende a promoción das algas, pasando polo etiquetado especial dos produtos do mar ate a mellora dos mercados municipais
O xoves 11 de abril ás 20.00 horas, a Xunta directiva do GALP Golfo Ártabro Norte mantivo unha reunión extraordinaria na Casa do Pescador de Miño, para dar conta dos últimos avances nos proxectos presentados á convocatoria autonómica para proxectos ao abeiro das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativas, que coordina a Consellería do Mar.
O GALP Golfo Ártabro Norte aglutina os 10 concellos da zona (Ferrol, Narón, Neda, Fene, Mugardos, Ares, Cabanas, Pontedeume, Miño e Paderne), 6 confrarías e 19 asociacións profesionais e clubes naúticos deportivos.

Nesta convocatoria de 2019, que finalizou o pasado 1 de marzo o GALP recibiu na súa sede 24 iniciativas de carácter produtivo e 9 non produtivos. Isto supón un aumento en relación a 2018, no que se rexistraran un total 21 propostas (das cales o 42% eran produtivas). 

Neste ano aumentase ate as 33 iniciativas en total, das cales o 72% dos proxectos son produtivos.

Isto constitúe unha boa nova, pois analizada a información, o GALP acolle -entre outros obxectivos- a mellora da competitividade do sector pesqueiro e a creación de emprego e oportunidades económicas. Con esta edición, dase unha previsión de creación de 32,25 postos de traballo (dos cales 16 son promovidos por mulleres ou mocidade), ademais de 24 postos de consolidación de emprego xa creado e se instalarán un total de 14 novos negocios no territorio.

As temáticas dos proxectos versan sobre a modernización da gastronomía mariñeira, a creación de novas prazas hoteleiras, melloras no postos nos mercados locais, dotacións en embarcacións, na comercialización, envasados e etiquetados de produtos pesqueiros, a exaltación de produtos marítimos ou mesmo a fabricación de produtos cerámicos ou souvenirs con motivos mariñeiros e ligados ao Camiño Inglés.

Os concellos e as confrarías tamén presentan propostas no capítulo de proxectos non produtivos, tendo entre as súas temáticas a posta en valor dos produtos mariñeiros, a mellora da contorna de áreas marítimas, fluviais e da natureza, a modernización de mercados municipais (Mugardos e Pontedeume) ou a adquisición de maquinarias para o sector do marisqueo a pé e a pesca costeira.

En relación aos proxectos produtivos, o importe total subvencionado é de 1.069.124,17 €, oscilando as porcentaxes de financiamento entre o 45% ao 80% dos custes presentados subvencionables.  A maior parte dos proxectos realizan o seu investimento durante este ano 2019. Tan só un proxecto realizará investimentos en 3 anualidades (construción de apartamentos turísticos) e 6 iniciativas posúen carácter bianual, finalizando as inversións no 2020.

O importe dispoñible para financiar proxectos de interese xeral (non produtivos) é moito menor e ascende a 337.344,65 €. Neste caso, trátase de propostas de promoción do patrimonio medioambiental, adquisición de vehículos marisqueiros multifuncionais para o desprazamentos pola costa e de dinamización dos mercados e produtos locais, que son financiadas entre un 60% e un 100% pola convocatoria. Neste apartado, destaca polo seu carácter innovador, unha iniciativa dunha entidade veciñal que propón a formación en temáticas relacionadas coas algas coa creación de posta en marcha de grupos de traballo e persoal experto, coa idea de fomentar o emprendemento neste eido.

Á espera da aprobación definitiva por parte da Consellería do Mar e novas anualidades en 2020 e 2021

Unha vez remitidos e analizados os expedientes -e ao igual que o resto dos Grupos de Acción Local en Galicia- o GALP Golfo Ártabro Norte queda á espera da resolución definitiva por parte da administración autonómica da súa proposta de financiamento, en cumprimento da Orde de axudas de 21 de decembro de 2018 no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020

Dende o GALP Golfo Ártabro Norte quérese destacar como novidade que, a maiores da próxima convocatoria de 2020, a Consellería do Mar ampliou a unha nova anualidade a 2021, animando ás persoas promotoras e entidades a presentar iniciativas, visitando e/ou contactando co equipo técnico emprazado na Casa do Pescador de Miño, Rúa Curro, 33, teléfono 981 784 417 e correo electrónico galp.mar.golfoartabronorte@xunta.gal.

Unha Xunta Directiva renovada

Tamén cabe sinalar que o GALP Golfo Ártabro Norte vén de actualizar recentemente os seus cargos na Xunta Directiva en relación aos representantes das 6 Confrarías, quedando a composición como segue: José Manuel Fernández Lage (Confraría de Pescadores de Miño) que ostenta o cargo de presidente, Jorge López Pena (Confraría de Pescadores de Barallobre), como tesoureiro, Omar Enrique Lucci Muñoa (Confraría de Pescadores San Telmo de Mugardos) que actúa como secretario e como vogais, Santiago Salgado Amado (Confraría de Pescadores “Virgen del Carmen” de Pontedeume), Santiago Sendón López (Confraría de Pescadores e Mariscadores de Ferrol) e Manuel Montero Toimil (Confraría de Pescadores de Ares)



·             Para máis datos sobre os proxectos, poden consultar a páxina web https://galp.xunta.gal ou no blog https://galpgolfoartabronorte.blogspot.com/


Ningún comentario:

Publicar un comentario