25 de abril de 2020

Entrevistamos a testemuñas directas vinculadas co sector pesqueiro e marisqueiro deste ámbito territorial

#QuedaCoNosoMar

 #QuedaConNuestroMar

O Patrón maior da Confraría de Pescadores de Miño, José Manuel Fernández Lage, aínda que tamén é o noso Presidente, respondeu ás nosas preguntas en calidade de Patrón maior da Confraría de Miño.


A Confraría de Pescadores de Miño, é a máis pequena en canto a número de socios das 6 Confrarías deste ámbito territorial. Ten sobre 25 socios e socias, dos Concellos de Miño, Paderne, Betanzos e Bergondo que se dedican principalmente á actividade marisqueira, xa que a actividade pesqueira foise perdendo pouco a pouco.

MARISQUEO: Ameixa fina, Ameixa xapónica,  Berberecho e  Ostra rizada.

Contacto: Tlfno. 981 782 755 / cofradiamino@hotmail.com


Igual que sucede noutras actividades, a crise provocada polo Covid-19 é complicada para o sector. Como afronta esta situación? Que pode facer a cidadanía para axudar ao sector do mar?

Perante a situación que estamos a vivir motivada pola aplicación do estado de alarma decretado polo goberno central con motivo do Covid 19, dende as confrarías estase a vivir con moita inquietude pola forte caída da demanda dos nosos produtos, tralo peche da principal canle de distribución como é a restauración, afectando  especialmente  a  aquelas confrarías que teñen no marisqueo a súa principal fronte de ingresos. 

Sen esquecer a incerteza que nos xera a  falta  de medidas axeitadas para defendernos do virus dada  a  especial particularidade do  noso traballo.  

“Da cidadanía demandaríamos e agradeceríamos seguisen consumindo produtos do noso mar, que ademais de seren un alimento esencial, farían que todo o noso esforzo nestes momentos tan difíciles véxase recompensado e valorado”

Cal considera que é a importancia do sector do mar e, mais concretamente, da súa actividade, para a sociedade e a economía de Galicia?

A actividade do marisqueo na nosa comunidade e mais concretamente no Golfo Ártabro Norte, supón a súa principal fonte de ingresos sendo en algúns casos máis do 80% da facturación

Canto emprego e volume de facturación xera o sector do mar na zona?

Neste ámbito territorial somos 6 Confrarías de Pescadores, onde arredor dun millar de persoas traballan neste sector. 

Que características propias da súa actividade fan que sexa esencial para a sociedade?

A actividade do marisqueo a mais de supoñer un modo de vida, e fundamental para conservación dos espazos intermareais, dado que co seu modo de traballo están a favorecer a descompatación e aereación do sustrato.

Por que cre que é vital consumir produtos do mar?

Consumir produtos do mar e fundamental para o tecido económico, dada a gran diversidade de empresas que interveñen na súa  transformación e   distribución, favorecendo deste xeito a manter un importante número de empregos.




24 de abril de 2020

Campaña #QuedaCoNosoMar

Á campaña Queda Co Noso Mar súmase tamén a opinión do #presidente do GALP GOLFO Artabro NORTE, José Manuel Fernández Lage, ao respecto deste ámbito territorial:

#QuedaCoNosoMar

Resalta as características tan peculiares que teñen as 6 confrarías deste territorio, principalmente o seu tamaño. “Temos Confrarías moi pequenas e con poucos socios e socias, e en canto á actividade algunhas delas dedícanse exclusivamente ao “marisqueo a pé”, non tendo outras opcións como vía de escape nestes momentos” “Estamos parcialmente paralizados e con moi pouca actividade

Ao non ser considerado o marisco un produto de primeiro necesidade, non hai demanda para a súa venda, "xurden  moitas complicacións para realizar subastas ou colocar o produto a un único comprador respetando prezos de mercado, como fan algunhas das nosas confrarías, porque non hai compradores”, explica. 

Nestes momentos “vivir do noso mar e das nosas rías” non é unha tarefa fácil, agravada polo peche do sector da restauración.... pero, mentres tanto, reclama para este territorio máis axudas para soster un sector que dá emprego “ a moitas familias”, e sobre todo que non desapareza, e que poidan contribuír a impulsar a economía deste ámbito territorial....e rexurdan no momento que esta “pandemia”, que nos levou a este “estado de alarma”, desapareza.  

22 de abril de 2020

CAMPAÑA #QUEDACONOSOMAR


O GALP Golfo Ártabro Norte lanza, xunto a todos os GALP de Galicia, a campaña #QuedaCoNosoMar para visibilizar o labor da xente do mar ante o Covid-19

   Esta iniciativa achega valoracións e datos de primeira man sobre a importancia económica e social do sector e a situación por provincias galegas.
   O sector solicita á cidadanía que manteña o seu consumo de produtos do mar e así garantir o emprego dunhas 100.000 persoas e o 2% da riqueza galega.

O GALP Golfo Ártabro Norte vén de lanzar, xunto ao resto de GALP de Galicia, a campaña “Queda na casa, queda co noso mar”, que utiliza o cancelo #QuedaCoNosoMar, para visibilizar o labor da xente do mar ante a situación provocada polo coronavirus Covid-19.

A iniciativa achega información de primeira man sobre a importancia que ten o traballo do sector, tanto a nivel económico e social. Para iso, o GALP achega diversas voces para reflectir as valoracións e testemuñas procedentes das distintas actividades do mar (pesca extractiva, acuicultura, marisqueo a pé, comercios, etc.).

Entre esas voces destaca a do presidente da Federación Galega de Confrarías, José Antonio Pérez, que recoñece que “son días moi complicados” para o sector, do que viven directamente 22.000 persoas na nosa comunidade. Sinala que desde a Federación traballan para defender “a importancia que o consumo de produtos do mar ten para a sociedade”, así como as características particulares que existen entre as distintas actividades do mar, como poden ser a pesca e o marisqueo.

Pola súa banda, o presidente da Federación Nacional de Cofradías de Pescadores, Basilio Otero, asegura que desde o inicio do estado do alarma o sector do mar, tanto en Galicia como no resto de España, “reduciu en gran medida a súa actividade, con paróns de ata o 70% da frota nalgunhas autonomías”, provocado pola necesidade de equipos de protección individuais (EPIs), a caída da demanda doméstica e o peche da canle Horeca (hostalaría e restauración).

Porén, Otero destaca “a valentía” da xente do mar que, a pesar da menor actividade, continuou traballando para garantir a subministración de produtos á cidadanía. Basilio Otero considera que tanto o peixe como marisco son alimentos que deben chegar aos fogares debido “ao seu alto valor nutricional e enerxético”.

Situación por provincias galegas
En Lugo, Basilio Otero, presidente da Federación Provincial de Confrarías, asegura que a situación “é distinta respecto ao resto de Galicia” debido ás súas características propias, con sobre todo pesca de altura, baixura e moi pouco marisqueo, e tamén á maior duración da campaña da cabala. Isto, sumado a unha lixeira suba dos prezos e do consumo durante a Semana Santa, fixo que a situación se normalizara un pouco, pero “aínda queda moito que recuperar”, engade.
  
Na provincia da Coruña, a situación varía en función da confraría, pero en xeral estanse establecendo quendas de saídas ao mar, xa que debido ao descenso da demanda, non é preciso que toda a frota estea en activo. O presidente da Federación Provincial de Confrarías da Coruña, Daniel Formoso, pide á cidadanía que non deixe de consumir produtos do mar, “xa que a súa venda non só mantén os empregos directos, senón a toda unha cadea, entre a que hai empresas conserveiras, depuradoras ou transportistas”. Ademais, reclama “compensacións” para as persoas que tiveron que parar para cumprir co decreto de estado de alarma e para as que teñen que vender o produto “con caídas de prezos de entre o 50 e o 85%”.

En Pontevedra a maior parte da actividade de marisqueo está paralizada e tanto a pesca artesanal como as lonxas funcionan ao 60% ou 70% da súa actividade habitual, como destaca Javier Martínez, secretario da Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra. Destaca o labor da xente do mar, que “é un dos colectivos que primeiro se sensibiliza” cunha situación como a provocada pola pandemia do Covid-19. Martínez indica que, “á parte do aspecto económico, a xente do mar tamén está preocupada polo abastecemento á cidadanía”, de aí que reivindique unha maior atención ás inquedanzas do sector, especialmente das mariscadoras.

Situación no ámbito territorial do GALP Golfo Ártabro Norte
Pola súa banda, o presidente do GALP Golfo Ártabro Norte, José Manuel Fernández Lage, quere resaltar as características tan peculiares que teñen as 6 confrarías deste territorio, principalmente o seu tamaño. “Temos Confrarías moi pequenas e con poucos socios e socias, e en canto á actividade algunhas delas dedícanse exclusivamente ao “marisqueo a pé”, non tendo outras opcións como vía de escape nestes momentos” “Estamos parcialmente paralizados e con moi pouca actividade”

Ao  non ser considerado o marisco un produto de primeiro necesidade, non hai demanda para a súa venda, xurden  moitas complicacións para realizar subastas ou colocar o produto a un único comprador respetando prezos de mercado, como fan algunhas das nosas confrarías, porque non hai compradores”, explica.

Nestes momentos “vivir do noso mar e das nosas rías” non é unha tarefa fácil, agravada polo peche do sector da restauración.... pero, mentres tanto, reclama para este territorio máis axudas para soster un sector que dá emprego “ a moitas familias”, e sobre todo que non desapareza, e que poidan contribuír a impulsar a economía deste ámbito territorial....e rexurdan no momento que esta “pandemia”, que nos levou a este “estado de alarma”, desapareza. 

Un sector que emprega a máis de 100.000 persoas
A pesca, o marisqueo, a acuicultura mariña e o sector transformador dos produtos do mar dan traballo na nosa comunidade a máis de 100.000 persoas de forma directa ou indirecta, e xeran unha riqueza superior aos 1.100 millóns de euros, o que representa o 2% da riqueza de Galicia (PIB), segundo datos da Consellería do Mar da Xunta de Galicia.

Esta importancia da pesca é moi superior nalgúns municipios costeiros, onde a actividade extractiva, acuícola e transformadora son claves na economía local. Isto acontece nun de cada cinco concellos costeiros, onde o peso deste sector achega máis do 10% do seu PIB.

En 2019, nas lonxas e centros de venda de Galicia comercializáronse máis de 158.000 toneladas de produtos da pesca que supuxeron unha facturación de case 470 millóns de euros, segundo o Anuario de Pesca 2019.

O sector do mar non só é un piar estratéxico para a economía galega, senón que é a actividade produtiva máis característica da Galicia diante da economía europea.