Formación Audiovisual: Vidas Mariñeiras



O programa «Vidas mariñeiras», coordinado polo Grupo de Acción Local Pesqueiro Ártabro Norte, promoveu durante estes últimos meses unha serie de actividades formativas no eido audiovisual destinado ao alumnado de ESO e Bacharelato dos centros de ensino dos concellos de Ares, Cabanas, Fene, Ferrol, Miño, Mugardos, Narón, Neda, Paderne e Pontedeume.

«Vidas mariñeiras» é un programa pedagóxico (apoiado e referenciado no traballo pioneiro desenvolto en Galicia por, entre outros, Cinema en curso) que ofrece ao alumnado de secundaria e bacharelato unha base teórico-práctica e unha formación en técnicas audiovisuais enfocada á posta en valor dos oficios tradicionais e paisaxes mariñeiras da costa do Golfo Ártabro Norte.

Durante o mes de setembro realizouse un concurso de ideas a través do que foron seleccionados 3 proxectos que serían os beneficiarios desta formación e acompañamento.

Como resultado deste proceso producíronse 3 curtametraxes realizadas polo alumnado do CPI A Xunqueira (Fene), CPI As Mirandas (Ares) e o IES Breamo (Pontedeume).

O programa contou cos docentes e cineastas Marcos Flórez e Xacio Baño baixo a coordinación do Laboratorio NUMAX.


Entre o río e o mar
Dirección: alumnado de 3º da ESO do IES Breamo, Pontedeume
Belén Carballeira Ageitos, Vítor Castelos Pérez, Lucía Cots Vera, María López Álvarez, Cástor Regueira Dosil, Sara Rubido Varela e Emilio Sánchez Ródenas
Deixándose levar pola corrente do río Eume, alí onde se confunde coas augas do mar, esta peza demórase en conversas cos mariñeiros do porto e a singular paisaxe da desembocadura ao seu paso por Pontedeume.



De corazón, mariñeiro
Dirección: alumnado de 3º e 4º da ESO do CPI A Xunqueira, Fene
Ángelo A. Cazorla Villarroel, Paula Leite Pico, Sofía Moure Dopico, María Pérez Seoane, Alicia Prieto López, Marta Seco Ameneiro, Caio Augusto Severiano Artiaga, María Souto Rodríguez
A través das palabras de Vituco, da Estación de Bioloxía Mariña da Graña, mergullámonos na ría de Ferrol para coñecer algunhas das especies que a habitan, ao tempo que coñecemos o traballo que desenvolve o seu equipo científico.




Marea de mulleres

Dirección: alumnado de 4º da ESO do CPI As Mirandas, Ares
Uxía Amorín Gómez, Icía Bermúdez Fornos, Vera Candal Jacob, Vanessa Carpente Martínez, Aitana Feal Vilar, Adrián Fernández Filgueiras, Lara Fonte Allegue, Miriam Giraldo Herrera, Paula López Vilasánchez, Isabel Maceiras Varela, Carmen Martínez Dragó, Yasmina Martínez Oufquir, Paula Mesías Fernández, Julia Roade Conejo, Verónica Rodríguez Martínez, Borja Souto Prego, Judith Zabala Martínez
Retrato colectivo das mulleres de Ares que traballaban nas fábricas de salgadura da zona. A través delas sabemos do que era o seu oficio e as súas condicións laborais, pero tamén das súas lembranzas e arelas.










Ningún comentario:

Publicar un comentario